O mercado laboral galego está a recuperarse da crise da COVID a un ritmo menos intenso que a media estatal, como acreditou a recente Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuatro trimestre do pasado ano, que tamén reflectiu que esa recuperación apenas chega á mocidade ou ás persoas paradas de longa duración. Ese menor dinamismo a respecto das cifras estatais tamén se reflicten nos datos de paro rexistrado -inscricións de demandas nas oficinas de emprego-, afiliacións á Seguridade Social e contratacións do mes de xaneiro deste 2022, coñecidos este mércores. Pero, non obstante, esas cifras tamén conteñen outros indicadores significativos.
O mercado laboral galego continúa recuperándose da COVID con menor ritmo que a media estatal
O paro rexistrado de xaneiro quedou en Galicia en algo menos de 154.000 persoas. É un 0,88% máis que en decembro (un aumento dunhas tres décimas por riba da media estatal), pero tamén supón un 17% menos que un ano antes, no primeiro xaneiro afectado pola pandemia e cando os gobernos redobraran as restricións ás actividades sociais e económicas para tentar conter os contaxios da COVID. No total estatal, a diminución é un chisco superior ao 21%.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, esta cifra de paro rexistrado é notablemente inferior á de 2021, pero tamén está por baixo da de xaneiro de 2020, cando o mercado laboral galego aínda non estaba influído pola COVID. Daquela, a cifra de paro rexistrado tras a campaña de Nadal ascendera ata ata case as 168.000, practicamente 15.000 máis que agora.
Outro dato significativo é o ligado á contratación. Durante o mes de xaneiro de 2022, en Galicia asináronse case 71.000 contratos laborais, segundo datos do Ministerio de Traballo. Como adoito, unha ampla maioría foron temporais (case 60.000) os restantes, indefinidos (algo máis de 11.000, contando os 4.372 convertidos de temporais a indefinidos). Ese total de contratos indefinidos supón un incremento superior ao 80% a respecto do de xaneiro de 2021, cando diminuíran case un 30%. A anterior cifra máis alta de crecemento de contratos indefinidos nun mes de xaneiro é a de 2013, cando roldaran o 45%, atendendo ás bases de datos do IGE.
Por sectores, dentro dese total de contratos indefinidos asinados, unha ampla maioría corresponden ao ámbito dos servizos (7.796). A continuación sitúanse a industria (1.541), a construción (1.290) e o sector primario de agricultura e pesca (784).
Interpretacións sindicais dispares sobre a relación coa reforma laboral
Estas significativas cifras na evolución interanual dos contratos indefinidos é ligada dende o ámbito sindical coa reforma laboral aprobada polo Goberno de España, que esta semana se somete no Congreso á súa aprobación ou decaemento. Pero con ópticas diferentes.
A CIG observa nos datos "os efectos máis perversos da nova reforma" e "contratación eventual agochada baixo o eufemismo dos fixos discontinuos"; CC.OO advirte unha "mellora da contratación indefinida como consecuencia" da nova normativa
Para a CIG, estas cifras "amosan xa os efectos máis perversos da nova reforma laboral", porque "a contratación indefinida aumenta nas súas modalidades máis precarias", argumenta o seu secretario de Emprego, Paco Sío, que pon o foco no medre dun 40% en xornadas parciais na media estatal e dun 50% na modalidade fixa-discontinua. "Esta última modalidade de contratación indefinida non é máis que agochar contratación eventual baixo un eufemismo", mantén, ademais de sinalar que "o 68% da contratación indefinida no noso país se rexistrou no sector servizos, que é onde se agochan as maiores bolsas de precariedade".
Mentres, a xuízo de CC.OO. os datos amosan unha clara "mellora da contratación indefinida como consecuencia da reforma laboral", cuxa aprobación pactou o Ministerio de Traballo con Comisións, UGT e a patronal CEOE. A secretaria de emprego da central sindical en Galicia, Maica Bouza, resalta que a contratación indefinida tamén aumenta en termos intermensuais (+65%), o que ao seu xuízo "reforza" a necesidade de que a reforma laboral siga en vigor, aínda que a contratación temporal "aínda teña gran peso sobre o total".
UGT Galicia, pola súa banda, considera "bo" o dato de contratación indefinida, se ben "aínda hai que mellorar moito" ."Un mes de vida da reforma laboral podería deixarse notar, pero hai que ser prudentes porque hai efectos da mesma que aínda non estarán operativos ata abril", indican.
Un 3% máis de afiliación media á Seguridade Social que hai un ano
No que atinxe á afiliación media á Seguridade Social, o ano comezou en Galicia con case 11.000 persoas afiliadas menos que en decembro, unha caída do 1% moi semellante á media estatal. En termos interanuais, en xaneiro había case 30.000 persoas máis afiliadas que un ano antes (+2,98% fronte ao 4,24% da media estatal). Nesas cifras de afiliación inclúense a media de 5.330 persoas baixo expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), 4.423 delas por causas ligadas directamente á COVID, segundo datos do Ministerio de Seguridade Social.