En vésperas da votación que decidirá no Congreso dos Deputados se a reforma laboral aprobada polo Goberno de España tras o pacto cos sindicatos CC.OO. e UGT e a patronal CEOE continúa ou non vixente -se o Real Decreto non é convalidado, quedará sen efecto-, a Confederación Intersindical Galega amosou este domingo o seu rexeitamento ao texto en once mobilizacións noutras tantas cidades e vilas. Para a central sindical soberanista, a actual reforma é unha "fraude" porque non supón unha "derrogación real" das dúas previas (2010 e 2012) e nin sequera, acusan, da impulsada polo Goberno de Rajoy.
"O despedimento segue a ser igual de fácil e barato" que na reforma de Rajoy, critica a central sindical soberanista
Baixo lemas como "nin pacto social nin reforma laboral", a CIG quixo facer ver na rúa que, ao seu xuízo, o texto aprobado "prégase aos intereses da patronal" porque "mantén as medidas máis lesivas da reforma do PP" e "incorpora outras novas que favorecen ao empresariado". Así, sinalan, "o despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos" e "non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes".
Entre os motivos do seu rexeitamento, a CIG pon o foco tamén na incorporación de "novos contratos e formación e temporais" ou modalidades dos ERTE que, do seu punto de vista, "afondarán na precariedade". "A nova modalidade de ERTE -acusan- facilita o traspaso de cartos públicos a través das bonificacións nas cotas da Seguridade Social". Adicionalmente, a CIG tamén discorda da "prevalencia do convenio estatal fronte aos galegos e provinciais" e de que os convenios de empresa sigan preponderando "agás nos salarios".
Ana Pontón, que participou nunha das concentracións, subliña que o BNG non apoiará o decreto se non supón "recuperar os dereitos que o PP roubou aos traballadores" hai unha década
As concentracións e manifestacións convocadas pola CIG tiveron o apoio do BNG, cuxa portavoz nacional participou na protesta en Santiago. En declaracións aos medios na mobilización, Ana Pontón instou o Goberno do PSOE e Unidas Podemos a aclarar "por que habendo unha maioría" no Congreso "que permite a derrogación íntegra da reforma laboral do PP, queden quedar a medio camiño" no que considera "un lavado de cara" do texto de Rajoy.
O Bloque, sinala Pontón, non apoiará o real decreto se non implica "recuperar os dereitos que o PP roubou aos traballadores", como a indemnización de 45 días por ano traballado en caso de despedimento ou a obriga de que os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) teñan que ser "autorizados pola autoridade laboral", no caso galego, a Consellería de Emprego. "En política é moi importante saber para que se está nos sitios e nós estamos aquí para mellorar a vida das persoas", conclúe.
Mentres CIG e BNG subliñan esta posición, nos últimos días tanto o PSOE como UP e mais CC.OO. e UGT enfatizan a importancia que, do seu punto de vista, ten que a reforma sexa aprobada. Nesta liña, este luns a secretaria nacional de Comisións en Galicia, Amelia Pérez, e o secretario xeral de CC.OO., Unai Sordo, defenderán conxuntamente unha reforma que, afirman, "supón unha recuperación nidia de dereitos para todas as persoas traballadoras" con "claros avances a respecto da normativa imposta polo PP no ano 2012".