O traballo temporal cae ao 22,5% en Galicia, mentres construción e servizos compensan a perda de emprego industrial

Dous operarios nunha industria galega CC-BY-SA Xunta

O emprego mantense plano en Galicia, que gaña ocupación nos servizos e na construción pero perde 4.600 asalariados na industria

O emprego mantívose practicamente plano durante o primeiro trimestre do ano en Galicia. O número de persoas ocupadas é case o mesmo que no último trimestre de 2021, cunha caída de apenas 100, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que deixan o total en 1,09 millóns de persoas ocupadas, case un 3% máis que hai un ano. 

Xa que logo, nos últimos doce meses a ocupación incrementouse en 31.600 persoas no país, aumentando sobre todo nos servizos (+4%) e a construción (+7,7%), quedando sen apenas variación na industria (+0,2%) e caendo no sector primario (-6,6%). De feito, e respecto ao trimestre anterior, as persoas ocupadas no sector industrial caeron en 4.600 ao tempo que aumentaron 4.500 nos servizos e 4.200 na construción. 

Ao tempo, o paro incrementouse en case 6.000 persoas neste trimestre, quedando a cifra total en 141.000 que son 17.300 menos que no mesmo período de 2021. Mentres, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 52,7%, fronte ó 58,5% do conxunto do Estado.

Ademais, e segundo os datos da EPA, os efectos da nova reforma laboral impactan xa no tipo de contratación. Así, o traballo temporal en Galicia caeu ao 22,5% en Galicia, unha taxa que non era tan baixa desde hai oito anos, a excepción do 22% que roldou o segundo trimestre de 2020, marcado polo meirante impacto laboral da COVID nos inicios da pandemia. 

Son case dous puntos menos que no anterior trimestre, case dous por baixo da taxa de hai un ano, 2,4 menos que a de hai dous e 3,3 menos que a de hai tres. Moi lonxe tamén do 26,7% do primeiro trimestre de 2018. 

O traballo temporal cae ao 22,5% en Galicia, que suma 22.800 persoas asalariadas máis con contrato indefinido, ata un 6% máis que hai un ano

Así, con respecto ao trimestre anterior, rexístranse en Galicia 22.800 persoas asalariadas máis con contrato indefinido (+3,4%) mentres que baixan en 14.800 as que teñen contrato temporal (-6,9%). En comparación con hai un ano, a cifra de persoas con contrato indefinido aumento un 6% polo +0,8% das que o teñen temporal. 

Ademais, das máis de 200.000 persoas con contrato temporal en Galicia, o 28% téñeno a xornada parcial. De entre a poboación asalariada en Galicia con contrato indefinido, tan só o 13% o ten parcial. 

Porque, no entanto, neste primeiro trimestre houbo un aumento da parcialidade, cunha taxa do 14,3%, subindo tanto en relación ao trimestre anterior, do 13,6%, como ao mesmo trimestre do ano anterior, do 13,4%. A taxa de parcialidade involuntaria tamén é moi alta, chegando ao 77,9%.

De fixármonos na duración dos contratos temporais entre a poboación asalariada, a maioría (27.800 persoas) son de entre catro e seis meses e de entre un e tres (20.100). 

Pola súa banda, na poboación xuvenil (de 16 a 29 anos), a taxa de temporalidade é moito máis elevada, ao situarse no 54%. Con todo, o número de mozos e mozas con contrato indefinido en Galicia aumentou neste primeiro trimestre un 12,4% respecto ao anterior e un 23,5%, respecto a hai un ano. A poboación xuvenil asalariada con contrato temporal redúcese un 9% respecto ao trimestre pasado pero increméntase un 10,1% respecto ao primeiro trimestre de 2021.

A poboación xuvenil con contrato indefinido aumentou case un 24% nun ano

Ademais, o 73,8% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa, un 4,4% menos que hai un ano. A cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial aumenta neste trimestre en 1.800 persoas e respecto ao primeiro trimestre de 2021 aumenta tanto a poboación xuvenil que traballa a xornada completa (en 10.200 persoas), como a que o fai a xornada parcial (en 3.800 persoas).

Por outra banda, neste primeiro trimestre de 2022, o número de fogares galegos nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 200 unidades e sitúase en 50.700 fogares. Respecto ao primeiro trimestre de 2021, esta tipoloxía de fogares redúcese un 8%.

Ademais, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 4.300 unidades, ata os 630.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 30.900 fogares máis nesta situación, un incremento do 5,2%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.