Vivo nun concello rural e mariñeiro de Galicia. Unha vez, noutros tempos, que de estraños se nos fan remotos, cando as pirámides de poboación do rural non se mantiñan en precario equilibrio, invertidas, sobre as súas cúspides, cando aínda non era tempo de neoliberalismo, existiu neste concello unha pequena escola infantil por parroquia e dous colexios.
Como cada ano cando se achega a fin de curso, toca conter a respiración e agardar a que o arbitrario gadañazo da Consellería de Educación realice a súa sega
Daquela abondosa infraestrutura escolar queda un colexio de infantil e primaria cunha aula de menos en infantil; outro colexio‐pantasma que cal espectro vai desaparecendo aos poucos, ata o punto de conservar tan só tres aulas, e dúas das escolas infantís das parroquias.
Como cada ano cando se achega a fin de curso, toca conter a respiración e agardar a que o arbitrario gadañazo da Consellería de Educación realice a súa sega. As escolas quedan fóra das marxes de seguridade marcadas pola Consellería; así pois, irán as dúas, irá unha soa, atreveranse a levar tamén o colexio‐pantasma, haberá clemencia en ano electoralista?
Non vou defender que o concello deba ter esta infraestrutura escolar, senón denunciar a ausencia de políticas debatidas e consensuadas socialmente sobre os recursos educativos que deben existir no rural e a unilateralidade das decisións particulares, sen consultar a institucións, concello, sindicatos, e cidadanía de cada concello sobre as particularidades, necesidades e perspectivas de cada caso.
A escola pública queda así relegada ás clases populares das cidades, cada vez máis reducida a guetos, e ao medio rural
Aínda no caso de existiren análises e debates participativos sobre o modelo de escola no rural, nacerían sesgados de partida. É curioso contemplar como persoas do mesmo medio que ve como ano tras ano se recortan postos docentes, unidades escolares e desaparecen centros educativos, xustifican, cando non defenden abertamente parte destes recortes en base a criterios económicos, demográficos ou de distribución de recursos. O virus da auto‐exclusión foinos inoculado polo neoliberalismo salvaxe, o noso pensamento e noción de “sentido común” foi modelado ao servizo dos intereses políticos dominantes.
Analizando globalmente o modelo de escola, vemos unha aposta pola concertada no medio urbano. Un modelo de escola elitista, a cargo do estado, para as clases privilexiadas. A escola pública queda así relegada ás clases populares das cidades, cada vez máis reducida a guetos, e ao medio rural.
O neoliberalismo precisa crear un estado de opinión favorable a este modelo, unha poboación rural que non cuestione as inversións crecentes nunha concertada da que nunca van poder gozar, en detrimento duns servizos educativos que suplan as carencias socio‐culturais ou a ausencia doutras institucións culturais ou de conciliación no seu contorno.
Moldeouse un “sentido común” onde se xustifica ou non se cuestiona a distribución dos recursos educativos
A concentración dos centros educativos na capital de cada concello, sen atención a distancias ou condicións das vías de comunicación; a eliminación das escolas unitarias; a reducións de postos docentes e especialidades, especialmente as específicas de atención á diversidade, o peche de centros, vense como normais e xustifícanse no ideario popular porque “aquí non hai nenos”, “para catro que somos non imos ter tres escolas”. Moldeouse un “sentido común” onde se xustifica ou non se cuestiona a distribución dos recursos educativos.
En canto a linguaxe é performática e creadora de realidades, compre, ademais de abrir os espazos de debate social do modelo educativo, crear unha nova linguaxe que coloque no eixo da reflexión compartida a necesidade de inclusión e equidade con grupos minoritarios ou coa poboación rural.
A cidadanía do rural debemos debemos mudar a nosa autoimaxe e ofrecer á sociedade unha visión na que nos neguemos a ser valorados en términos de mercado
A cidadanía do rural debemos debemos mudar a nosa autoimaxe e ofrecer á sociedade unha visión na que nos neguemos a ser valorados en términos de mercado, un relato que nos libere da linguaxe de custes e beneficios. Ese relato podería situarse nun tempo do devir histórico particularmente sensible. Un momento no que a humanidade afronta a necesidade de tomar consciencia da non sostenibilidade do seu modelo socio‐económico e o reto de construír modelos de relación, produción e consumo alternativos e viables. O cambio climático, o modelo enerxético, a pobreza e desigualdades estruturais, os conflitos bélicos, as novas formas de escravitude e explotación, a violencia sobre a muller e a infancia... todos eles son retos urxentes e prioritarios.
O medio rural pode ser un dos heroes do noso conto, un lugar dende o que aportar modelos sostibles aos procesos de transformación que han de darse. E non ha faltar unha heroína á altura, a educación, pública e universal, onde se forxarán xeracións cunha conciencia e compromiso ético profundo e unha vontade e capacidade de traballo común. E nese relato, tal vez, as pequenas escolas rurais podan ser un lugar esencial para crear dende o próximo unha cidadanía activa, participativa e cooperativa.