"A Xunta está a deixar toda a seguridade dos nosos fillos en mans dos profesores, Anpas e familias", asegura Paula Rúas, nai de dous fillos en idade escolar que se viu obrigada a reaccionar ao ver que falta menos dun mes para que comece o curso e "non pasa nada". "Estamos desesperados", afirma.
"Claro que pensei en non levalos ao colexio, pero tampouco creo que esa sexa a solución. O que non podemos é estar así, sen que ninguén saiba nada de como vai ser a volta ás aulas realmente. Coa Xunta pedíndolle aos profesores que sexan sanitarios e expertos en riscos laborais. Non pode ser, moitas familias teñen persoas de risco e maiores a cargo e non podemos estar así", conta esta nai.
Case 600 familias participan do recén creado colectivo Dereito a Ensino Sen Risco En Pandemia para reclamar un inicio de curso "seguro" en Galicia
Preto de 600 familias galegas están detrás do colectivo Dereito a Ensino Sen Risco En Pandemia (Derpa), resultado de varios grupos de pais e nais que se crearon durante o confinamento por mor das dificultades que estaban a atopar co ensino dos seus fillos. Nas últimas horas, o grupo de Facebook español do que saíu a plataforma galega sumou mil adhesións ata superar as 12.000 persoas inscritas.
O Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, asinado polas consellerías de Educación e Sanidade, actuou como detonante para a elaboración dun manifesto no que destacan: "somos persoas que queremos o mellor para todos e cada un dos nenos e nenas en idade escolar, e que o comezo de curso garanta a súa seguridade e a de todos os traballadores e traballadoras dos centros escolares".
Estes pais e nais organizados xorden como unha nova voz contraria ás instrucións publicadas desde o Goberno galego para reclamar que "é preciso un sistema educativo aberto, flexible e equitativo, moi especialmente no momento que vivimos". "E pensamos que para que isto sexa así, as Administracións educativas teñen que aportar os recursos necesarios para un entorno de ensino e aprendizaxe eficiente, tanto presencial como a distancia".
Desta maneira, fan fincapé en que é "imprescindible" que as familias conten co "dereito a escoller" entre o ensino a distancia e o presencial, en función das casuísticas que afecten aos seus fillos e ao entorno no que viven. Así, solicitan "a provisión de recursos e formación necesarios para docentes e alumnado que posibiliten unha educación de calidade, ben sexa de forma presencial ou en liña".
Un novo protocolo contando con todos
Este manifesto foi enviado xa á Valedora do Pobo, ao Defensor del Pueblo, á Confederación de Anpas galegas e aos distintos partidos políticos. Paula Rúas explica que o seu obxectivo é "que a Xunta fixera un protocolo contando con todos os axentes implicados", pois sinala que "vendo o que aportan os docentes nos grupos que creamos no confinamento, creo que contar con diferentes visións faría que o resultado fora un protocolo máis adaptado á realidade".
Desde Dereito a Ensino Sen Risco En Pandemia manifestan o seu apoio a "todas as reivindicacións de Anpas, sindicatos e outros colectivos da comunidade educativa reclamando un novo protocolo que garanta o dereito á saúde e á educación". E engaden: "Pero pensamos que esa reclamación ten que recoñecer o dereito das familias a protexer aos seus fillos como mellor consideren, así como o dereito dos docentes a poder levar a cabo o seu traballo en condicións seguras".
O seu obxectivo é que a Xunta conte "con todos os axentes implicados" para redactar un protocolo "adaptado á realidade"
Neste sentido, Paula Rúas apunta que non están a recibir o apoio das Anpas galegas, mais considera que pode ser por unha cuestión das datas. Pois o protocolo da Xunta para o novo curso chegou xusto antes do período vacacional para o sector do ensino e cos centros escolares pechados. "É agosto, pero temos que movernos porque setembro está aí e non sabemos nada de como van estar os nosos fillos", incide.
A Confederación de Anpas Galegas manifestou a raíz da publicación do protocolo da Xunta que este supón a "consecuencia de non querer gastar un céntimo máis en educación pública" e reivindicou a necesidade de que a Consellería de Educación conte coa participación dos representantes das familias á hora de abordar o novo curso escolar, xa que mostraron o seu "absoluto rexeitamento" á creación dos chamados "grupos burbulla" de ata 25 alumnos, que centran as directrices actuais.
Familias organizadas en Vigo
Ademais, o grupo local de Vigo dentro do colectivo Dereito a Ensino Sen Risco En Pandemia especifica nun comunicado que a Consellería de Educación debe levar a cabo unha redución do número de alumnado por aula, "coa fin de poder manter ese 1,5 m de distancia que o Ministerio de Sanidade contempla como distancia mínima de seguridade interpersoal"; que como consecuencia supón un aumento do profesorado nos centros "tanto coa fin de poder atender ás necesidades suscitadas pola creación de grupos máis pequenos, como para poder levar a cabo desdobres e medidas de atención á diversidade".
Reclaman que se eliminen "grupos burbulla" ao consideralos unha "falacia" porque os rapaces están en contacto en máis espazos que as aulas
O comunicado das máis de 160 familias de centros públicos e concertados de Vigo incide en que a máscara de protección debe "ser obrigatoria en todo momento" nos centros de ensino, piden aumentar os orzamentos dos centros "para gastos derivados da Covid-19 e, consecuentemente, incrementar o persoal de limpeza dos centros" e dotar de equipos informáticos e da formación necesaria á comunidade educativa "coa fin de garantir un ensino de calidade" en caso de que se repita un confinamento.
Por outra banda, estas familias viguesas salientan que se elimine o concepto de "grupos burbulla" nos que se basea o protocolo de Educación. "Consideramos unha falacia falar dunha aula como unha gran familia: o alumnado chega ao centro en transporte escolar, ten irmáns noutras aulas do centro ou noutros centros, o profesorado especialista transita dunhas aulas a outras… Pedimos que cos máis pequenos se contemplen medidas de seguridade como para todos os demais. As burbullas poden servir para localizar os brotes pero non para evitalos", aseveran no seu manifesto.