O conselleiro de Sanidade defende a volta ás escolas: “Igual algunha, unha, dúas, por un brote importante, hai que pechala”

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entrevistado na Radio Galega © CRTVG

Almuiña di que “non existe” ningún nivel epidemiolóxico a partir do que a Xunta avaliaría non iniciar o curso de xeito global

Coa comunidade educativa amosándose moi crítica co protocolo de volta presencial ás aulas deseñado pola Xunta, e despois de que o xoves a conselleira de Educación pedise "ir vendo a evolución día a día", este domingo 15 de agosto, a menos dun mes do comezo do curso, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu o retorno ás escolas aínda que despois haxa que pechar “algunha, unha, dúas” por algún brote de coronavirus. Fíxoo nunha entrevista na Radio Galega na que, asegurou, as “dúbidas” das familias se deben en parte á “variación de respostas entre comunidades autónomas”, polo que pediu ao Goberno central un “protocolo básico” para todo o Estado.

“Hai algún nivel epidemiolóxico no que se avaliaría non iniciar o curso?”, foi unha das preguntas da entrevistadora. A resposta de Almuiña foi que “non, non existe, pero nin aquí nin en ningún lado do mundo”. O conselleiro de Sanidade lembrou que noutros países xa se retomou a educación presencial e que “nalgún caso houbo que pechar algunha escola durante un período, pero non un peche completo, senón que de centos e miles de escolas igual algunha, unha, dúas, por un brote importante, hai que pechala, pero non hai ningún índice que marque apertura ou peche e menos a nivel global”, dixo.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Almuiña di que na Coruña esta semana “se pode producir unha estabilización e mesmo un aplanamento” da curva de contaxios

“Creo que hai que iniciar o curso coas medidas que imos facer”, engadiu o conselleiro de Sanidade, pero reclamou un “protocolo básico” para todo o Estado xa que segundo el parte das “dúbidas” das familias e do persoal educativo débese á “variación de respostas entre comunidades autónomas”.

Na entrevista Almuiña tamén se referiu á situación da área sanitaria da Coruña, onde dixo que o crecemento de novos casos “non é exponencial” senón “progresivo” e dixo que esta semana “se pode producir unha estabilización e mesmo un aplanamento” da curva de contaxios.

Almuiña ve "importante" o papel da atención primaria no rastrexo de contactos complementada por un centro de seguimento que “vai crecendo día a día segundo as necesidades”

O conselleiro de Sanidade tamén rexeitou as críticas ao sistema de rastrexo de contactos do Sergas dicindo que “axudan pouco”. Almuiña, malia así requirilo a oposición e os profesionais sanitarios, non deu unha cifra de persoas encargadas do rastrexo argumentando que “non podemos ter un persoal pechado” e asegurando que nesas buscas un “elemento importante” é a atención primaria, axudada por outros departamentos do Sergas e un centro de seguimentos que, dixo, “vai crecendo día a día segundo as necesidades”.

A Confederación Anpas Galegas rexeita a escolarización voluntaria

Por outra banda, sobre a volta ás aulas a Confederación Anpas Galegas, representativa de asociacións de nais e pais da área metropolitana de Vigo, Santiago, Ferrolterra, Lugo e Costa da Morte, amosou este domingo a súa postura contraria a que as familias poidan decidir se envían ou non aos seus fillos e fillas aos colexios. 

A Confederación Anpas Galegas rexeita que as familias poidan decidir se envían ou non ao alumnado ás aulas e defende a escola como "garantía de igualdade"

Agás problemas sanitarios concretos nalgún centro, sinala a entidade, “se podemos volver, volvemos todas coa máxima seguridade; se hai que quedar na casa, será porque debemos quedar todas coas máximas garantías de atención”. Argumenta que a escola, “e máis aínda a escola pública”, é “garantía de igualdade” e permite a aprendizaxe fóra da contorna familiar, a socialización e o coñecemento da diversidade por parte da rapazada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.