O segundo parte oficial divulgado pola Xunta este martes, tras o primeiro do pasado sábado e aínda sen comezar as clases en secundaria, reflicte un aumento de 65 casos e 8 aulas afectadas
O pasado sábado a Xunta comezou a informar sobre os casos de coronavirus que afectan a centros educativos, sen distinguir se o fan a profesorado ou alumnado pero indicando o número de casos positivos activos e o número de aulas pechadas, en caso de que as haxa. Serán uns partes que o Goberno galego comunicará diariamente de martes a sábado, cos datos correspondentes á xornada anterior, isto é, aos días lectivos de cada semana. Nese primeiro informe de hai tres días, coas clases presenciais só retomadas desde unha semana antes en Infantil e Primaria, e á espera de que o faga a educación secundaria, o bacharelato e a FP, a Xunta identificaba un total de 96 positivos e 27 aulas pechadas.
O centro en peor situación é o Calasancio de Pontevedra, que estivo pechado a pasada semana por oito casos e vén de reabrir pero sen dúas aulas e aínda con seis casos
Este martes chegou o segundo informe, con datos correspondentes a este luns, e nel a Xunta eleva a 161 os casos de coronavirus (65 máis que a pasada semana) e a 35 as aulas afectadas (8 máis). Pola contra, se o sábado rexistrábase aínda o peche de todo un centro, o CPR Calasancio de Pontevedra, onde había oito casos entre o profesorado, este luns xa non había ningún pechado por completo, aínda que o Calasancio rexistraba aínda 6 casos e dúas aulas pechadas.
Tras o Calasancio de Pontevedra, o María Auxiliadora de Vigo ten catro casos e o Calvo Sotelo do Carballiño tres aulas pechadas
O Calasancio de Pontevedra segue a ser o centro máis afectado neste segundo parte informativo, seguido canto a casos polo CPR María Auxiliadora de Vigo, con catro positivos pero ningunha aula pechada. Pola súa banda, o centro con máis aulas pechadas é o CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo do Carballiño, con tres, pero con só dous casos positivos.
Por outra banda, se no anterior informe os casos afectaban a 73 centros dun total de 39 concellos diferentes, desta volta son 126 os centros afectados.
O alumnado dos niveis educativos nos que xa se retomaron as aulas presenciais está preto dos 200.000.