No 2018 as apostas presenciais moveron 122 millóns de euros en Galicia, fronte aos 146 millóns de 2017. A marxe de ganancia para as empresas foi de 26,7 millóns
A Dirección Xeral de Ordenación do Xogo vén de publicar os datos económicos relativos ás apostas correspondentes ao ano 2018. Unhas cifras nas que chama a atención o descenso, por primeira vez, na cantidade de diñeiro gastada polos galegos nas apostas presenciais. En total, foron case 122 millóns de euros, dos que só 95 retornaron en forma de premios, ficando as empresas do sector cunha marxe de ganancia de 26,7 millóns de euros. É dicir, os galegos perderon 26,7 millóns de euros nas apostas presenciais no ano 2018.
A cifra, no entanto, é inferior á que se acadara no ano 2017. Daquela, a cantidade apostada fora de algo máis de 146 millóns de euros, con 111 millóns en premios e unha marxe de beneficio para as casas de apostas de case 35 millóns de euros.
Porén, mentres semella que o crecemento das apostas presenciais puido chegar ao seu tope, o movemento de diñeiro nos xogos online non deixa de medrar. Os últimos datos, correspondentes ao terceiro trimestre do ano 2019, amosan que se mantén un crecemento continuado e que o xogo online no conxunto do Estado español (non hai datos desagregados por comunidades autonómas) move xa ao redor de 19.000 millóns de euros, máis de tres billóns das antigas pesetas.
As cifras económicas dos xogos online non deixan de medrar. No ano 2012 sumaban 2.700 millóns de euros en toda España, cifra que se duplicou un ano despois e que superou os 10 mil millóns de euros no ano 2016. No 2018 a contía total destas apostas superou xa os 17 mil millóns de euros, sobre todo nos casinos online e nas apostas deportivas.
Pódese estimar que o pasado ano os galegos gastaron nas apostas online uns 950 millóns de euros
Non hai datos específicos para Galicia, pero podemos realizar algunha estimación baseada no peso estatístico da poboación sobre o total do Estado Español. A poboación censada en Galicia supón o 5,78% do total español. Mesmo empregando unicamente un valor de referencia do 5%, podemos pensar que no pasado ano os galegos e galegas gastaron nas apostas online uns 950 millóns de euros. Ademais, os xogos e apostas presenciais (dende a lotaría ás máquinas comecartos, pasando polo bingo e as apostas nos salóns de xogo) moven cada ano en Galicia outros 1.400 millóns de euros.
O estudo 'Mozos, xogos de azar e apostas', publicado recentemente, destaca que "xogar e apostar con diñeiro xa forma parte do ocio xuvenil normalizado". A Enquisa sobre Uso de Drogas en Ensinos Secundarios en España (ESTUDES), publicada pola delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, sinala que en dous anos (desde 2016 a 2018) aumentou case catro puntos porcentuais o número de mozos entre 14 e 18 anos que xogaron online con diñeiro e case dez puntos quen o fixeron presencialmente.
Concretamente, pasouse de 2 a 3 de cada dez mozos adolescentes que apostaron en xogos offline (21,6% en 2016 e 30,7% en 2018) e de ser o 5,4% ao 15,3% das mozas de 14 a 18 anos. En canto ás apostas deportivas, o póker e outros tipos de xogos que se realizan en liña, aumentou de 10,2% a 17,4% o número de mozos e de 2,5% a 3,6% o de mozas.