Xabier Bruña García, investigador do IDEGA, defenderá este venres en Lugo a súa tese de doutoramento, centrada nunha "Proposta dunha metodoloxía para a participación pública nos procesos de planificación forestal". O traballo, dirixido polo profesor da USC Manuel F. Marey Pérez, afonda na vantaxes e mecanismos de participación das persoas que habitan un territorio no deseño das políticas de xestión do monte e dos plans de ordenación forestal. Bruña e Marey xa afondaran nesta cuestión en traballos teóricos previos, coma os publicados na Revista Galega de Economía ou no Journal of Biogeosciences and Forestry mais esta tese de doutoramento recolle a experiencia práctica dun proceso participativo desenvolvido na área da Fonsagrada e Os Ancares.
"A participación baséase na codecisión, todos debemos formar parte da decisión final. Límanse previamente as asperezas existentes e chégase a pautas de consenso"
Que ventaxas ten a participación pública na planificación forestal?
A participación pública leva bastante tempo empregándose en distintos tipos de planificación, sobre todo de na xestión de recursos naturais, e sobre todo en territorios con máis cultura democrática e máis cultura de participación. O que permite a participación pública na planificación é que facilita moito a execución do plan. Se ti consegues que a xente que vai ser sometida a unha planificación dos seus recursos, que vai ter que soportar un plan de xestión, participe no seu deseño, a súa aplicación vai ser moito máis sinxela e efectiva. Se ti invistes máis tempo no debate, consultándolles cales son as cuestións que máis lles preocupan, os temas que máis esperan ou desexan, isto vai ter resultados positivos, haberá máis posibilidades de que o plan sexa un éxito. As planificacións impostas acadan peores resultados que as participadas. A participación baséase na codecisión, todos debemos formar parte da decisión final. Límanse previamente as asperezas existentes e chégase a pautas de consenso.
"A clave é saber onde e como colocar as cousas contando coas persoas, que sempre estiveron apartadas, sempre houbo uns gurús que sabía como facer as cousas"
A metodoloxía que propós está adaptada á realidade galega. Que trazos característicos ten?
Nós desenvolvemos esta metodoloxía para a área de Fonsagrada e Os Ancares. É unha zona complexa a nivel territorial e a nivel social. Esta zona, con 1.700 quilómetros cadrados, ten unha densidade de 11 habitantes por quilómetro cadrado. É un territorio eminentemente rural, cunha gran dispersión poboacional e cunha pirámide de poboación invertida. Nesta zona o 45% das persoas traballa no sector primario, polo tanto para eles o plan forestal é unha necesidade. Planificamos as xuntanzas axustándonos a esa dispersión, aínda que empregamos ferramentas dixitais tivemos en conta a importante fenda que existen nesta zona coas novas tecnoloxías. Neste senso, puxéronse carteis en todos os núcleos de poboación. Tivemos que adaptar unha serie de criterios indicadores europeos á comprensión xeral dos e das habitantes destes lugares, para que eles e elas mesmas fixeran un debuxo de como era o territorio forestal que querían ter nun escenario a quince anos vista. A compoñente territorial e a compoñente social hai que telas en conta sempre. A clave é saber onde e como colocar as cousas contando coas persoas, que sempre estiveron apartadas, sempre houbo uns gurús que sabía como facer as cousas. Non estamos aproveitando o saber das persoas que residen neses lugares, e que nos poden achegar moita máis información da que nós, dende o plano técnico, podemos ter.
"Aínda que nesta zona non había experiencias previas de procesos participados, este desbordou as expectativas"
Como foi a participación dos veciños e veciñas neste proceso?
Hai que confiar máis nas persoas. Aínda que nesta zona non había experiencias previas de procesos participados, este desbordou as expectativas: participaron 453 persoas nos debates, seis veces máis persoas das que adoitan participar neste tipo de accións. É importante afondar neste camiño, no que ten que ser o modelo de planificación no século XXI.
Inflúe neste proceso o feito de que en Galicia existan importantes comunidades de montes?
Si, os procesos de participación están facilitados polo feito de que existan determinados colectivos organizados. Nos Ancares o 45% da superficie forestal está formada por montes veciñais. É máis fácil poder chegar aos propietarios e xestores destes máis de 300 montes veciñais e xerar un debate e unha participación que xa está establecida no funcionamento interno das comunidades de montes, que é asembleario e moi participativo.
"Debaixo do problema do lume hai moitas cuestións que deben estar no debate. E se hai determinadas cuestións que non están funcionado, se cadra é necesario cambiar o paso"
Destacas a cita de Einstein de "se buscas resultados distintos, non fagas sempre o mesmo". Conviría mudar o paso para solucionar certos aspectos negativos das políticas do monte en Galicia, coma o que atinxe aos lumes forestais?
Nun congreso recente presentamos unha comunicación que propoñía apagar o lume falando coa xente e escoitando as persoas. Estamos vendo que a dinámica de gastar cen millóns de euros en extinción non funciona. Algo temos que facer, hai que probar outros métodos. A problemática dos lumes solucionaríase en parte a través de procesos nos que houbese canles de participación, nos que se sacasen á luz cales son os problemas que existen na zona. Debaixo do problema do lume hai moitas cuestións que deben estar no debate. E se hai determinadas cuestións que non están funcionado, se cadra é necesario cambiar o paso. E cambiar o paso confiando máis nas persoas que están sobre un territorio. Nos anos 40 o Estado decidiu que había que repoboar masivamente con piñeiro para abastecer a industria. E non se lles preguntou ás persoas que alí vivían e que xa tiñan a súa propia forma de aproveitar os recursos naturais. E hoxe seguimos con planificacións que se fan dende un despacho e que non teñen en conta nin a realidade nin os desexos das persoas. Na elaboración do plan forestal de Os Ancares, preguntámoslles aos veciños se querían ter máis superficie forestal. E a opinión maioritaria era que non, o que contradicía a política da administración.
"O papel da administración debería ser o de mediador, debería ter un papel de escoita activa: saber o que pasa no territorio para poder poñer os medios para solucionar os problemas"
A solución pasa, sobre todo, por escoitar?
Ás veces as solucións non pasan por grandes investimentos, senón por saber aproveitar o que temos. E temos un capital humano moi importante. Semella que existen posicións inmobilistas ás que lles asusta dar voz aos verdadeiros actores e actrices do territorio. O papel da administración debería ser o de mediador, debería ter un papel de escoita activa: saber o que pasa no territorio para poder poñer os medios para solucionar os problemas. Noutros lugares as decisións tómanse doutra maneira, dende visións colaborativas, entendendo que a xestión do territorio é unha suma de esforzos. Non entender isto é unha perda dunha oportunidade para o sector do monte, unha perda dunha oportunidade para o rural e para a sociedade no seu conxunto. Esta zona perdeu en 50 anos o 61% da súa poboación e a perspectiva é que en dúas décadas quede reducida á metade.