Algo máis dun cento de hectáreas ardidas nos montes entre as restricións informativas habituais

Un bombeiro forestal da BRIF de Laza, traballando na extinción do incendio de Ourense, este 18 de xullo CC-BY-SA Brif Laza

Nos últimos anos, a tendencia no número de hectáreas ardidas nos montes galegos é decrecente. O ano 2017, con máis de 50.000 hectáreas arrasadas en apenas dous días de outubro, foi a principal alteración nunha tendencia á baixa que, non obstante, non mudou a política de restricións informativas implantada pola Xunta dende o verán de 2009. Daquela, tras lograr regresar ao poder, o Executivo popular eliminou os partes diarios que daban conta aos medios de comunicación e á sociedade en xeral de todos os incendios e as medicións provisionais da súa superficie afectada.

No verán de 2009, o novo Goberno do PP eliminou os partes diarios que daban conta de todos os incendios

Aqueles partes, que a Consellería do Medio Rural dirixida por Alfredo Suárez Canal (BNG) divulgaba un mínimo de dúas veces ao día, foron substituídos por comunicados puntuais nos que é a propia Xunta a que elixe sobre que incendios informar mediante comunicados puntuais. A política xeral é non dar conta de ningún foco inferior a 20 hectáreas, agás que afecten a espazos protexidos ou próximos a zonas habitadas. A xustificación fora non xerar alarma social cos incendios.

Traballos de extinción do incendio de Ourense, este 18 de xullo CC-BY-SA Brif Laza

Deste xeito, resulta practicamente imposible obter unha visión global do número total de incendios e a súa superficie mentres se están producindo. O total da superficie ardida cada ano e o número de focos só é coñecido ao ano seguinte, cando a propia Consellería e tamén o Goberno central ofrecen os seus balances finais de cada campaña de incendios

O incendio de Canibelos (Ourense) xa afectou a unhas 60 hectáreas, segundo Medio Rural

Con estes condicionantes de partida, esta fin de semana Medio Rural dá conta de tres incendios, aínda que bombeiros forestais e fontes presenciais apuntan á existencia doutros, a maioría de menor dimensión. O máis relevante do que informa a Xunta sitúase no termo municipal de Ourense, en Canibelos. Agravado polas altas temperaturas, este foco está activo dende arredor das tres da tarde do sábado, día 18, e nel arderon "unhas 60 hectáreas".

Un hidroavión do Exército do Aire participa nos labores de extinción do incendio de Rubiá

O incendio de Rubiá afectou ao parque natural da Serra da Enciña da Lastra

A Consellería dá tamén conta doutro foco na provincia de Ourense, en Pardollán (Rubiá), declarado durante o mediodía do venres, día 17. Este incendio atinxiu a 41,35 hectáreas, indica Medio Rural, e a súa importancia é maior polo feito de afectar ao parque natural da Serra da Enciña da Lastra. Trinta das hectáreas ardidas eran monte arborado. Foi dado por extinguido no serán do domingo.

O terceiro e último incendio do que a Xunta informa esta fin de semana -cando menos ata o momento- declarouse na tarde do sábado en San Pedro de Muro (Porto do Son) e este domingo xa fora dado por controlado. Afectou a unhas 24 hectáreas, segundo as primeiras medicións, 19 delas arborizadas. 

As altas temperaturas e o vento contribuíron a avivar as lapas esta fin de semana. Non en van, a maior parte do territorio de Galicia se atopaba este domingo en risco "extremo de incendios forestais", segundo o índice da propia Consellería do Medio Rural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.