A Xunta dispara a máis de 90.000 as hectáreas queimadas no que vai de mes, case todas en incendios activos

Brigadistas estatais intervindo nun dos incendios galegos desta vaga de agosto de 2025 © @AT_Brif

Tras recalcular a Xunta as súas propias cifras, os incendios hai tempo que superaron os rexistros de 2017 e 2022 e achéganse ás 96.000 hectáreas de 2006, que estarían amplamente superadas segundo os datos de satélite

A baixada de temperaturas das últimas xornadas está a propiciar un certo freo na expansión dos grandes incendios que levan días ardendo no país. E, ao tempo que a situación real mellora, a Xunta está a recalcular as súas propias cifras disparando o número de hectáreas queimadas nalgún dos incendios. Non é que nas últimas horas ardese máis superficie senón que é agora cando a Xunta decide calcular cara arriba a superficie realmente queimada. En todo caso, aínda moi por detrás das estimacións que ofrece o sistema europeo de información sobre incendios forestais con datos por satélite. 

Segundo as novas contas da Xunta, no que vai de agosto arderon máis de 90.000 hectáreas, a gran maioría en incendios que aínda están activos, unha cifra que supera os rexistros de todo 2017 (62.000 hectáreas) e todo 2022 (52.000 hectáreas) e que se achega ás 96.000 hectáreas de 2006, cifra esta que xa estaría amplamente superada segundo os datos de satélite. 

Das máis de 90.000 hectáreas queimadas no que vai de mes, ás que hai que engadir outro milleiro de hectáreas nos meses previos, 76.000 débense a só catro incendios, os catro aínda activos: 30.000 no iniciado en Larouco e que xa chega ao Courel, que da mañá á noite deste mércores medrou sobre o papel en 10.000 hectáreas; 19.000 no do Macizo Central ourensán, 17.000 no de Oímbra e Xinzo de Limia e 10.000 no da Mezquita. Se este último, aínda sen control, segue medrando, os catro pasarían a ser os maiores incendios rexistrados en Galicia, batendo en só tres anos a anterior marca de 2022, cando os do Courel e Valdeorras queimaran entre 12.000 e 10.000 hectáreas.

A melloría da situación xeral permitiu restablecer a conexión ferroviaria, pero un incendio en Trevinca do que a Xunta tardou horas en informar xa está en 2.600 hectáreas

Pero a estes catro grandes incendios hai que engadir outros varios que seguen sen control. O parte oficial do martes pola noite foi o primeiro no que a Xunta deu conta dun incendio que xa había horas que entrara en Galicia pola zona natural protexida de Pena Trevinca procedente de Castela e León. O que primeiro foi localizado como un lume na parroquia da Ponte do Concello da Veiga, foi mudado o mércores pola mañá a Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, onde está un coñecido e ben preservado teixadal. Nos dous casos, tanto o martes pola noite como o mércores pola mañá a información sobre a superficie do lume era de "20 hectáreas (pendente de novas medicións)". Na noite do mércores o incendio pasara a 2.000 hectáreas e na mañá do xoves a 2.600.

No positivo, nas últimas horas quedaron extinguidos un incendio de 142 hectáreas na Fonsagrada que ardía desde hai 15 días, outro de 140 hectáreas en Cervantes e outro de 24 hectáreas en Muxía, e pasou a estar controlado en Agolada. Unha evolución que permitiu que este mércores Adif restablecese a conexión ferroviaria entre Galicia e a Meseta tras unha semana interrompida.

Incendio declarado en Oia este xoves 21 de agosto CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

No parte de última hora, pola contra, a Xunta incluíu outro dous incendios nos que houbo que declarar a Situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ás casas e mesmo cortar algunha estrada. Foi nos concellos pontevedreses de Vilaboa, en Santya Cristina de Cobres, en Oia, en Mougás. Ademais, o incendio que estaba activo no Saviñao quedou extinguido tras queimar 65 hectáreas de superficie rasa. 

Incendios en Vilaboa e Oia obrigaron a declarar a Situación 2 pola proximidade ás casas

Isto é o que se pode saber polos partes oficiais da Xunta, porque os satélites e poboación afectada por toda Galicia trasladan un alcance moito maior do lume. Así o recoñeceu esta semana a propia conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen cifrou en 492 os incendios rexistrados en Galicia ata o luns malia que o seu departamento só informara de 447, co que a actual cifra de 76.500 hectáreas queimadas no que vai de ano está moi lonxe de ser a definitiva.

Rueda visitando este mércores a aldea da Caridade, en Monterrei, arrasada polo lume CC-BY-SA Xunta

Rueda desprazouse sen medios de comunicación á aldea da Caridade, en Monterrei, arrasada polo lume, para prometer axudas públicas

A esta situación chégase despois de días de numerosas denuncias de abandono de núcleos de poboación nos que non chegou a actuar ningún dispositivo oficial de loita contra o lume. Ao tempo, este mércores coñeceuse que a Xunta retirou de Ourense bombeiros desprazados alí dos consorcios doutras provincias galegas mentres pedía máis medios ao Estado. 

Quen si se desprazou a Ourense foi o presidente Rueda para realizar unha visita á aldea da Caridade, en Monterrei, arrasada polo lume, onde asegurou que haberá axudas públicas para as persoas que as precisen. Unha visita que divulgou a Xunta con imaxes propias tras non convocar aos medios de comunicación.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.