Polo menos 27 persoas morreron polos incendios en Galicia nas tres últimas décadas

Furgoneta na que faleceron dúas persoas en Chandebrito (Nigrán) CC-BY-SA Praza Pública

A Sociedade Galega de Historia Natural vincula a proximidade de eucaliptos e acacias a zonas poboadas co aumento da mortalidade especialmente en Pontevedra

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de facer balance do número de persoas falecidas nas tres últimas décadas a causa dos incendios forestais. A organización ecoloxista cífraas en 27 desde 1988, cando catro persoas morreron no accidente dun hidroavión no aeroporto de Lavacolla, ata a vaga de incendios de mediados do pasado mes de outubro, na que morreron outras catro persoas. Do total de falecidos, 9 foron pilotos ou tripulantes de medios aéreos e 18 brigadistas ou veciños en terra.

A organización ecoloxista salienta que “a distribución das 18 vítimas mortais en terra é moi desigual entre o período 1984-2000 (4 falecidos) e 2001-17 (14 falecidos), é dicir, a mortalidade triplicouse nos últimos anos”. A SGHN focaliza ese incremento na provincia de Pontevedra, “onde se quintuplicou a mortalidade a causa dos lumes pasando de 2 a 10 vítimas”, feito que os ecoloxistas salientan que non se debe nin á súa poboación total nin ao número de lumes ou a superficie queimada.

"Inflúe o feito comprobado de que, con condicións de manexo semellantes, nos eucaliptais é maior a velocidade de propagación dos lumes", di a SGHN

“Por que son agora máis mortíferos os lumes forestais na provincia de Pontevedra?”, pregúntase a organización, e responde que “sen prexuízo de que é necesaria unha análise máis pormenorizada” en Pontevedra “a distribución das zonas con maiores densidades de frondosas perennifolias (eucaliptos e acacias) coincide sensiblemente coas maiores densidades de poboación”. “Ao anterior podemos unir a grave DES-ordenación do territorio, cun caos crecente no que se mesturan propietarios plantando eucaliptos a carón dos núcleos de poboación e veciños construíndo vivendas entre eucaliptais”, engaden. “Asi mesmo, sen dúbida inflúe o feito comprobado de que, con condicións de manexo semellantes, nos eucaliptais é maior a velocidade de propagación dos lumes (un 50% máis que nunha carballeira e un 25% máis que nun piñeiral) e o risco de aparición de lumes secundarios (ata 3 quilómetros de distancia)”, achegan como explicación adicional. “Considerando todos estes aspectos quizais podamos achegarnos á explicación da maior perigosidade dos lumes en Pontevedra”, sentenza a SGHN.

Lista de falecementos polos incendios recopilada pola SGHN

  • 09-09-1988: 4 mortos en accidente hidroavión en Lavacolla (C)
  • 16-06-1996: 1 brigadista morto en Cerdedelo (Ou)
  • 07-07-1997: 2 mortos en queimas autorizadas en A Estrada e Lalín (Po)
  • 26-08-1998: 1 brigadista morto no P.N. Xurés (Ou)
  • 09-09-1998: 1 piloto morto en desprazamento para extinción en Laza (Ou)
  • 08-04-2001: 1 veciña que queimaba restrebes morta en Marín (Po)
  • 20-06-2001: 1 conductor moto-boma morto en accidente de tráfico en Guntín (Lu)
  • 22-07-2004: 1 piloto morto nun incendio en Beariz (Ou)
  • 07-06-2005: 1 piloto morto en Beariz (Ou), tras extinción incendio en Poio (Po)
  • 06-08-2005: 1 piloto morto en extinción en Medeiros (Ou)
  • __-__-2005: 1 bombeiro morto en extinción incendio en Pontevedra
  • 04-08-2006: 2 veciñas mortas en Cerdedo (Po) ao fuxir dun incendio
  • 07-08-2006: 1 veciño morto en Campo Lameiro (Po) durante extinción incendio
  • 04-08-2010: 1 veciña que queimaba restrebes morta en Outes (C)
  • 12-08-2010: 2 brigadistas mortos en Fornelos de Montes (Po) durante extinción
  • 02-10-2011: 1 piloto morto en accidente avioneta extinción en Vences (Ou)
  • 27-03-2012: 1 brigadista morto en Castrelo do Val (Ou) durante un incendio
  • 15-10-2017: 3 vecinos mortos en (Po) e 1 en Carballeda de Avia (Ou)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.