O TSXG censura que “unha simple ecografía” nun médico privado descubriu a enfermidade dunha muller con “alarmante diminución de peso” á que no Sergas non lle fixeron “ningunha proba” malia sufrir previamente cancro
“Non é fácil comprender que unha persoa cun cancro de mama, diagnosticado no ano 1990, que manifestou dúas recidivas, nos anos 1995 e 2007, e que no 2012 comezou a padecer molestias dixestivas cunha alarmante diminución de peso e graves dificultades para inxerir alimentos, non levante a sospeita dunha metástase no aparato dixestivo”. Así se pronuncia o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza na que vén de condenar o Sergas por atribuír a “unha depresión”, “ansiedade” ou “unha hernia de hiato” o cancro terminal dunha paciente que acabou sendo diagnosticada nun médico privado con “unha simple ecografía”.
Á muller díxoselle que "todo ía ben" e que "o seu malestar dixestivo podía traer causa dunha depresión ou dunha hernia de hiato", pero non se lle fixeron probas
A sentenza, con data do pasado 17 de xullo, relata como a muller con eses antecedentes de cancro de mama reactivado en dúas ocasións acudiu periodicamente ás revisións que lle pautaron no servizo de oncoloxía sen que se lle volvese realizar un control de marcadores tumorais de xeito que “cando comezou a presentar sintomatoloxía dixestiva e manifesta perda de peso con grave dificultade para comer”, en 2012, “levaba xa máis de cinco anos sen o referido control”. Na revisión oncolóxica dese ano informóuselle de que “todo ía ben e que, tras algunhas probas hepáticas, o seu malestar dixestivo podía traer causa dunha depresión ou dunha hernia de hiato”, situación esta "que nin sequera se tratou de averiguar".
A mediados de 2013, un mes despois de que nunha nova revisión se lle dixese “novamente, que todo ía ben pero sen solicitar a práctica de proba algunha” malia a súa perda de peso, a familia acudiu a un especialista privado “que o primeiro que indicou era a conveniencia de realizar unha ecografía abdominal”, proba que detectou a metástase. A muller faleceu menos dun ano despois.
O tribunal considera que a enfermidade "non tiña solución" pero censura que "a demora inxustificada no diagnóstico" impediu alogar máis tempo e con mellor calidade a vida da muller
A sentenza agora emitida polo TSXG considera que non houbo mala praxe médica pero si unha perda de oportunidade. O tribunal considera “innegable que a gravísima enfermidade que padecía non tiña solución e a condenaba irremediablemente á morte”, pero censura que a “demora inxustificada no diagnóstico” impediu que a muller alongase máis tempo e con mellor calidade a súa vida recibindo “polo menos, tratamento paliativo”. “Se así non foi, debeuse á inexplicable demora nun diagnóstico que non só era presumible para calquera profano na ciencia médica, senón que se revelaba, a simple vista, polo deteriorado estado físico da enferma”, chega a dicir a sentenza, que engade que non facerlle ningún estudo “vai en contra do máis elemental dos sentidos e da dilixencia que cabe esixir a un home medio, por máis ignorante que sexa en materia de saúde”.
“Non hai que ser médico para apreciar a proximidade da morte, coñecida a súa enfermidade, polo aspecto físico do paciente”, di a sentenza, que matiza que “esta Sala non pode afirmar, pois se trata dunha cuestión específicamente técnica se [nese tipo concreto de cancro] hai ou non indicación de realizar control de marcadores tumorais; pode que non, non o discute este Tribunal, pero iso non obsta para que, ao igual que se fixo na medicina privada, se tivese sometido á paciente a unha sinxela proba ecográfica de abdome, que tería permitido detectar, sen dúbida algunha, o que tardiamente se constatou, a metástase hepática”.
A sentenza do TSXG, que revoca outra prevía dun xulgado inferior que absolvera o Sergas, condena agora á Xunta a pagar 20.000 euros ao fillo da falecida.