Un médico do Sergas seguiu receitando ao doente un fármaco que deixou de estar cuberto porque lle daba mellores resultados que o alternativo e o Tribunal Superior considera que non pagarllo vulneraría o dereito á saúde recollido pola Constitución
“Co medicamento alternativo, neste concreto caso, non se protexe a saúde do paciente, elemento primordial con fundamento no artigo 43.1 da nosa Constitución, que impón aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios”. Así se pronuncia o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza na que ratifica que a Xunta debe pagar a un paciente os 1.560 euros que lle custou un tratamento cun medicamento cuxo financiamento deixou de estar cuberto polo Sistema Nacional de Salud pero que no seu caso seguiu a serlle prescrito polo seu médico do Sergas por ter un maior efecto sobre a súa doenza que o fármaco alternativo con cobertura pública.
O Sergas xa fora condenado en primeira instancia por este caso en outubro do ano pasado, pero recorreu teimando en non pagarlle ao paciente os 1.560 euros que este xa gastara no fármaco e agora o TSXG, nunha sentenza con data do pasado 5 de xullo á que tivo acceso este diario, ratifica que si debe reembolsarlle ese gasto.
As análises probaron no caso deste paciente que o medicamento non incluído no sistema público deulle resultados "extraordinariamente mellores que co tratamento alternativo"
Segundo o relato dos feitos da sentenza, tras unha operación de testículos en 2010 os servizos de endocrinoloxía do Sergas receitaron ao paciente unha sucesión de inxeccións de Reandrom, fármaco da marca Bayer que o 1 de abril de 2015 deixou de estar financiado polo Sistema Nacional de Salud. Ao paciente pautóuselle daquela un tratamento alternativo cun medicamento si incluído no catálogo de financiamento público, o Testo gel, pero análises posteriores detectaron que con ese fármaco o paciente obtiña valores de testosterona “moi por debaixo do valor inferior da normalidade”. Así o indicou un informe de endocrinoloxía en xullo de 2016, “indicando o endocrinólogo do Sergas continuar tratamento con Reandrom”.
A sentenza indica que a análise de control realizada en abril de 2017 “tras a reanudación deste tratamento con Reandrom” volveu rexistrar índices de testosterona no paciente de novo dentro do rango na normalidade. O TSXG ratifica agora, como xa establecera a sentenza de primeira instancia, que o afectado tiña dereito a que o Sergas lle reembolsase os cartos que puxera do seu peto para pagar o fármaco non incluído no sistema público, “máxime se se ten en conta, e así se declara probado, que os propios facultativos da sanidade pública, concretamente o facultativo de endocrinoloxía do Sergas, indica que o paciente debe continuar co tratamento de Reandrom cada 9-10 semanas, deducíndose das análises de control uns resultados con dito tratamento extraordinariamente mellores que co tratamento alternativo” sen que a Xunta puxese en dúbida a competencia do médico para prescribir ese fármaco.
O TSXG lembra que non só a Constitución senón a lei de saúde de Galicia establece que os medicamentos se dispensarán aos pacientes 'de forma adecuada ás súas necesidades', algo que debe determinar o médico
A sentenza do TSXG non só lembra que a Constitución garante o dereito á protección da saúde por parte dos poderes públicos senón que salienta que a propia lei de saúde de Galicia establece que “os medicamentos se dispensarán aos pacientes ‘de forma adecuada ás súas necesidades’, e quen ostenta a competencia para determinar cales sexan as necesidades do paciente, é o facultativo que ven tratando e controlando o proceso do enfermo”.
Segundo a sentenza agora ratificada polo TSXG, o Sergas deberá pagar ao paciente os gastos por 1.560 euros que este xa realizara no medicamento cando presentou a súa demanda “e os que poidan producirse no futuro”.