Con tres abonda. O Ministerio de Sanidade daba a coñecer este mércores, tras a celebración do Consello Interterritorial de Saúde -órgano que xunta a Goberno central e comunidades- o alcance do seu novo recorte, desta volta en forma de exclusión masiva de medicamentos do financiamento público. O terceiro medicamentazo da historia da democracia componse, en principio de 426 produtos farmacéuticos, se ben o seu número pode variar. Ademais da propia exclusión, simultánea ao establecemento do novo copagamento para persoas que perciben pensións de xubilación, un dos aspectos máis rechamantes da reforma sitúase no procedemento para decidir que medicamentos eliminar, baseado, esencialmente, no acordo dun reducidísimo número de autonomías.
A ministra evidencia que os medicamentos excluídos se poden seguir receitando, pero que os pacientes terán que pagalos
Concretamente, o departamento que dirixe Ana Mato pediulles opinión a todos os gobernos autónomos, pero só doce responderon. Coas súas achegas na man o Ministerio chegou á conclusión de que abondaba o acordo de "cando menos tres autonomías" para "incorporar ao listado final" de medicamentos excluídos un ou outro produto. Entre as demais razóns aludidas pola propia ministra está que "hai máis dunha década" que o Nomenclátor -relación de menciñas si financiadas- "non se revisaba", que os produtos elixidos "xa non se financian noutros países europeos" ou que "teñen unha baixa utilidade terapéutica". E "en calquera caso", resolve o Ministerio nunha nota oficial, "son produtos de prezos menores".
Porque é precisamente a economía a razón fundamental que se alude dende o gabinete de Mariano Rajoy para decidir aplicar, de novo, unha tesoirada sanitaria. "Con esta medida obterase unha eficiencia de 458 millóns de euros", asegura Mato, quen se esforza en "aclarar", ademais, que o feito de que deixen de estar financiados non implica que desaparezan das farmacias ou das listas de opcións das que dispoñen os profesionais da medicina á hora de prescribir tratamentos. "Os medicamentos incluídos na lista pódense e débense seguir receitando cando o médico o considere oportuno", aínda que "o paciente terá que abonar o seu coste íntegro", evidencia a conservadora.
Medicamentos moi comúns, posible efecto "de desprazamento"
Os fármacos afectados polo novo medicamentazo son, na súa práctica totalidade, de uso moi común e para tratar patoloxías que en principio non revisten gravidade. É o caso, por exemplo, dos "tratamentos para o exceso de secreción gástrica". Así e todo, algúns dos que deixarán de ter achega ecómica do Estado -e, polo tanto, do Sergas- serven para paliar ou eliminar síntomas que poden chegar a ser incapacitantes, como a migraña, ou que poden complicar enfermidades máis graves, como o estrinximento.
Algúns dos fármacos excluídos palían síntomas que poden chegar a ser incapacitantes, como a migraña
Ademais, outro dos posibles prexuízos dos que xa están a advertir algúns colectivos de profesionais da saúde é o "risco de desprazamento", recoñecido tamén en certo xeito polo propio Ministerio. Este efecto consiste, esencialmente, na posibilidade de que, ante a ausencia de financiamento dos medicamentos máis comúns e económicos, os médicos opten por receitar outros produtos máis complexos ou de maior contía económica que si estean financiados. Segundo Sanidade esta posibilidade tense "estudado", pero "este efecto non pode ser controlado dende os mecanismos normativos", senón "dende a boa práctica da prescrición.
Neste contexto, o Goberno central esfórzase en salientar as, ao seu xuízo, bondades da decisión. Segundo o Ministerio "exclúense do financiamento público medicamentos indicados en síntomas menores para manter a capacidade de financiamento de novas terapias, indicadas en enfermidades graves, invalidadantes ou de prognóstico fatal". Ademais, insisten, "excluír un fármaco do financiamento público non significa que non se poida prescribir". Simplemente os médicos "deben saber" que o paciente terá que pagar, resolve.