As farmacias galegas, obrigadas a dispensar medicamentos que descoñecen para aforrar

Farmacia nunha vila galega © Concello de Ames

Sumol, Asol, Aurobindo, Bluefish. Son algúns dos laboratorios con cuxos nomes os profesionais das farmacias galegas se están tendo que familiarizar ás présas. Dende comezos de mes o sistema de receita electrónica obrígaos, como informou Praza Pública, a dispensar en todo caso os medicamentos de prezos máis baixos, non podendo substituílos aínda que se produzan "urxencias" ou "desabastecementos", sinalan fontes do sector. Pero, ademais dos evidentes problemas que causa a imposibilidade de poder vender un fármaco nun momento determinado, as farmacias galegas atópanse con outro inconveniente: teñen que achegarlle á súa clientela produtos dos que non teñen referencias e, ademais, distintos aos receitados polo médico correspondente.

"Vémonos obrigados a cambiar as prescricións médicas por produtos destas empresas sen que o médico teña coñecemento disto"

Esta circunstancia vén de ser denunciada polo Colexio Oficial de Farmacéuticos (COF) de Ourense ante a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios. A través dun escrito a cuxo contido tivo acceso este diario, o ente que agrupa as farmacias ourensás sinala que "os farmacéuticos galegos nos vemos obrigados a dispensar medicamentos xenéricos" dos devanditos laboratorios, "entre outros", "dos que non temos referencias", así como a "cambiar as prescricións médicas por produtos destas empresas sen que o médico teña coñecemento disto".

Aínda que apenas transcorreron dez días dende a aplicación das novas normas de dispensación, subliñan, "xa se detectaron desabastecementos de todos os produtos" destes ata agora descoñecidos laboratorios "en todos os almacéns maioristas de Galicia" polo que, advirten, en caso de "manterse estas condicións, teremos que dispensar na seguinte visita do paciente medicamentos do laboratorio que estea dispoñible nese momento" e que "probablemente, se presente en caixas, blísters e cápsulas con formas, tamaños e cores distintas", co conseguinte "elemento de confusión para o paciente", especialmente en persoas de idade avanzada, "cuxa consecuencia é que dificulta a adherencia ao tratamento" e, polo tanto, a efectividade do mesmo. 

Sen estudos de bioequivalencia

"Á vista da situación" e ante a ausencia de solucións, o COF ourensán dediciu contactar directamente cos laboratorios co obxectivo de obter "garantías", tanto sobre o subministro de medicamentos como sobre as características dos mesmos a través dos correspondentes "estudos de bioequivalencia", isto é análises que demostren que a súa composición é equivalente á doutros fármacos. Pero eses contactos foron infrutosos. "Sumol e Asol non responderon ás nosas chamadas telefónicas e o seu correo electrónico non é válido", "Aurobindo respondeu que non dispuña do estudo de bioequivalencia en Españe e que debían solicitalo á India, o que nos pareceu irregular, xa que os estudos de bioequivalencia son o úncio requisito en canto a estudos científicos que deben achegar". Pola súa banda, Bluefish limitouse a responder cunha única frase: "Is it possible to get this message in English, please? (é posible termos esta mensaxe en inglés, por favor?)", o que leva ao COF a "pensar que non ten ningún empregado en España que entenda o castelán, o que tamén nos pareceu irregular".

"Non é de estrañar que os farmacéuticos teñamos serias dúbidas do funcionamento destas empresas"

Foi neste contexto no que o colexio farmacéutico decidiu poñerse en contacto coa Axencia Española do Medicamento, o pasado 4 de xullo, "para conseguir por esta vía a información requirida" e "alertar das irregularidades detectadas". Cinco días despois "recibimos un correo electrónico no que se nos remitía a unha futura publicación en internet da información requirida". "Non é de estrañar que os farmacéuticos teñamos serias dúbidas do funcionamento destas empresas", polo que o pasado xoves o COF de Ourense, xunto cos seus homólogos da Coruña e Lugo, reclaman o "envío urxente" dos estudos de bioequivalencia dos medicamentos destes laboratorios, así como garantías sobre os seus "controis de calidade, trazabilidade dos principios activos" e referencias sobre os seus "locais e almacéns, para a xestión de inspeccións".

Do mesmo xeito, "se o decreto" do Goberno central "e a súa posterior aplicación van seguir xerando dificultades para o cumprimento terapéutico dos pacientes debemos esixir" o desenvolvemento de "normas para garantizar a bioaparencia dos medicamentos", din, para así evitarlles dificultades aos doentes. Xunto a estas peticións, que ademais de á Axencia lle foron tamén remitidas á ministra e á conselleira de Sanidade, o COF de Ourense "lamenta que, tendo unha magnífica industria de medicamentos xenéricos, a Administración teña que recorrer a forzar dispensacións de produtos doutros países sen máis razón aparente que a económica".

Farmacia nunha vila galega © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.