Manuel -nome figurado- traballa nunha farmacia dun pequeno concello da provincia da Coruña dende hai seis anos. Os algo menos de 10.000 habitantes do municipio e arredores teñen á súa disposición esta farmacia os sete días da semana e así foi tamén o pasado domingo, cando á traballadora que lle correspondía estar de garda lle tocou tamén responder ás dúbidas dos primeiros clientes, nomeadamente das primeiras persoas xubiladas, que tiveron que pasar por caixa para poder levaren a súa medicación. Non foron moitos, subliña Manuel. Nos días previos á entrada en vigor do novo copagamento ou, mellor dito, subliña en conversa con Praza Pública, do novo "repagamento", os usuarios fixeron acopio de fármacos "como se fosen acabarse". Este, di, é un síntoma máis dun panorama "complicado", para os receptores da prestación farmacéutica, aos que ve maioritariamente "resignados", pero tamén para o propio sector das farmacias e para os seus traballadores.
Porque os axustes e recortes decididos polo Goberno central e replicados en Galicia pola Xunta preocupan especialmente a profesionais do perfil de Manuel, con experiencia e bo facer no sector pero sen negocio propio. Para eles "a situación mete medo", ilustra, nun contexto de caída de ingresos que, paradoxalmente, di, vai paralelo a un aumento de gastos por parte da clientela con menos ingresos, os xubilados, que non só se enfrontan a ter que achegar 8, 18 ou 60 euros ao mes en función da renda, senón tamén a ter que pagar por medicamentos comúns que ata agora financiaba o sistema público e que están a piques de dar o salto ao mercado libre con todas as da lei.
"Venden que se van manter os prezos pero isto non é así; o Flumil cando saíu do seguro custaba 1,90 e pasou a valer 5,89"
Neste caso, o da exclusión de fármacos, Manuel agarda unha excepción á caida xeralizada de prezos e non baseándose en opinións, senón na experiencia. Xa aconteceu, por exemplo, cos produtos antigripais. "Dende que están fóra do control da Seguridade Social" as grandes empresas farmacéuticas "fan o que lles dá gana" e xa non é posible acceder a un destes fármacos, "como a Couldina, por exemplo", por menos de "seis ou oito euros". O mesmo, exemplifica, "pasou co Flumil, que cando saíu do seguro custaba 1,90 e pasou a valer 5,89". Por este motivo Manuel dubida moito de que se fagan realidade os augurios do Ministerio de Sanidade, segundo os cales os medicamentos que deixarán de ser financiados "van seguir valendo dous euros". "Venden que se van manter os prezos pero isto non vai ser así", polo que "vai haber xente que prescinda de medicamentos" por "non poder pagar" e o "golpe" caerá, de novo, di, nas costas do sector e, sobre todo, dos seus asalariados. "Vai chegar un momento no que isto vai estoupar, as farmacias non van ser coma antes e non van poder manter os traballadores".
Así as cousas, Manuel non o dubida que con estas reformas "perdemos todos": pacientes e traballadores que ven en risco o seu emprego e o da "rede de persoas" que fan posible o funcionamento normal das oficinas de farmacia, como transportistas e almacenistas. A esta incerteza súmase tamén a escasa confianza que o sector detecta en torno á decisión da Xunta de evitar que os pensionistas teñan que adiantar máis dos correspondentes 8, 18 ou 60 euros. "Ata cando vai ser isto?", pregúntase Manuel antes de relatar que, nas xuntanzas mantidas nas últimas semanas entre profesionais coma el, se teme que isto sexa "unha medida electoralista" ou "froito da improvisación". Non en van, sinala, hai apenas unha semana "no Colexio de Farmacéuticos aínda non se sabía como ía funcionar isto", unhas dúbidas acrecentadas porque "a conselleira [de Sanidade] di unha cousa e o presidente di outra".
Dificultades técnicas e optimismo da conselleira
A conselleira reduce as dificultades de aplcación do sistema a algunhas "preguntas" de usuarios
Mentres nas farmacias xa comezan a detectarse as primeiras dificultades técnicas derivadas, por exemplo, da chegada de turistas de Euskadi -o Goberno Vasco non aplica o novo copagamento, polo que en Galicia os seus cidadáns teñen que pagar e tramitar a devolución ao regresaren-, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, aseguraba este luns que o novo sistema está a funcionar "perfectamente", coa excepción dalgunhas "preguntas e requerimentos" solucionados "en tempo real" polos servizos técnicos correspondentes.
Así e todo, malia ese diagnóstico de normalidade Mosquera advirte de que se algún doente "non está de acordo" co umbral de renda que figura nos arquivos do seu departamento "ten que dirixirse ao Instituto Nacional da Seguridade Social coa última declaración da renda, para comprobar que están ben tipificados". Sobre os pacientes doutras comunidades autónomas a conselleira si admite certos atrancos derivados, di, de que "non viña ben tipificada a receita e houbo que consultar a base de datos no Ministerio.