Sucedeu dende, aproximadamente, a metade da xornada do martes ata arredor das seis da tarde do mércores. No terceiro e cuarto día da entrada en vigor do novo copagamento de medicamentos as farmacias galegas atopáronse cun novo e inesperado problema. Ao accederen ao sistema informático da receita electrónica, que inclúe os prezos de referencia dos diversos fármacos, atopáronse con que o abano de posibilidades se reducira radicalmente e sen previo aviso. "O Sergas ou o Ministerio cortaran e só deixaban dispensar o de prezo menor", resumen fontes do sector consultadas por Praza Pública impedindo, a efectos prácticos, que moitos pacientes puidesen acceder ao produto que lles viña de ser receitado polo seu médico.
"Cada medicamento ten un prezo de referencia" que deriva en que o sistema informático lle indique aos profesionais das oficinas de farmacia "cales se poden dar polo seguro e cales non". Isto non é novidoso, pero si o foi que o sistema se volvese radicalmente restritivo, sen que nas farmacias soubesen sequera se os responsables estaban "no Sergas ou en Madrid". Realmente, o que sucedera é que a Consellería de Sanidade viña de aplicar unha actualización de prezos ordenada polo Ministerio, que supuña, efectivamente, unha notable diminución dos importes dos medicamentos que entran no sistema público de saúde. E un erro informático fixo o resto. Ao reducirse os prezos reducíronse tamén os posibles medicamentos que era posible dispensar, provocando desabastecementos puntuais, nuns casos e que, noutros, directamente, "non tivésemos unha opción para darlles", explica un farmacéutico do entorno da Coruña.
"Había pacientes que saían do hospital co seu tratamento para a dor, pero non o podían coller porque non había xenéricos"
"Hai laboratorios que non teñen moléculas comercializadas aos prezos que se indicaban", explica, nun contexto que non dubida en definir como de verdadeiro "colapso en toda Galicia". Ao desconcerto dos responsables das farmacias e dos seus empregados uníase a contrariedade e mesmo as situacións de emerxencia dalgúns doentes. "Había pacientes que saían do hospital", acabados de someter a unha intervención cirúrxica, "co seu tratamento para a dor, pero non o podían coller porque non había xenéricos" que entrasen nos novos e restritivos limiares de prezos.
Ten isto que ver co novo copagamento? Non directamente, pero a combinación de ambos factores deu lugar a un cóctel de difícil xestión a pé de rúa. Nas liñas telefónicas habilitadas polos colexios de farmacéuticos para solucionar dúbidas sobre o novo sistema de achegas económicas -cuxa aplicación informática está, en xeral, a funcionar con normalidade- atopáronse cun aluvión de consultas relacionadas coas inesperadas dificultades de dispensación para as que, ademais, non tiñan resposta. "Era practicamente imposible contactar co colexio", sinala o mesmo profesional consultado por Praza, que puido contrastar a verdadeira irritación que reinaba neste órgano cando, por fin, puido establecer unha conversa telefónica cos seus responsables.
Finalmente, contra o remate da tarde do mércores o sistema volveu funcionar correctamente e os medicamentos puideron dispensarse de novo. Para as fontes do sector consultadas por este diario este episodio, por anecdótico que sexa, non é máis ca unha mostra de que "estamos a mercé de movementos dun día para outro", "improvisacións" que os farmacéuticos e farmacéuticas teñen que afrontar e tentar xestionar de cara á súa clientela. Mentres, dende a Consellería mantense que a plataforma da receita electrónica veu "rexistrando unha actividade normal" nos últimos días e dende as farmacias censúrase a lentitude que o departamento que dirixe Rocío Mosquera amosou para dar resposta a esta incidencia, tan puntual como grave.