O Sergas, condenado por tardar nove meses en citar para unha operación urxente

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Outra condena ao Sergas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditaminar o pagamento dunha indemnización de 40.000 euros a un paciente por non telo intervido a tempo dunha hernia discal, o que lle acabou provocando unha minusvalía do 33% e graves secuelas físicas. A sentenza do alto tribunal dobra a suma a pagarlle ao afectado -logo de que un xulgado recoñecese xa o abono de 20.000 euros- e condena tamén ao Servizo Galego de Saúde e á súa aseguradora ao pago dos intereses. 

O Sergas terá que indemnizar con 40.000 euros un paciente que tardou nove meses en citado para unha operación urxente

A demanda, dirixida polo avogado Cipriano Castreje a través da entidade El Defensor del Paciente, remóntase aos feitos acontecidos a partir de 2005, cando este veciño de Brión foi atendido por unhas molestias nas costas no CHUS de Compostela e tras a que lle diagnosticaron unha pequena hernia discal. Malia todo, e segundo o seu letrado, non foi citado para acudir a consulta ata o mes de abril de 2007. Antes, e debido ao incremento dos problemas, volveu ao hospital, onde lle comunicaron en xaneiro dese mesmo ano que tiña que ser operado de urxencia. Realizado o preoperatorio a finais de marzo dese 2007, non foi ata o mes de setembro cando foi chamado para ser sometido a unha intervención cirúrxica que, finalmente, non se puido realizar. Nove meses despois de que lle informasen da necesidade de operar e dous anos máis tarde da primeira consulta.  

Incluído na lista de espera como prioridade II, e sen practicar novo preoperatorio, o doutor encargado de realizar a operación aconselleu suspendela "porque a lesión convertérase en non apta para cirurxía polo excesivo tempo transcorrido entre o diagnóstico e a intervención prevista", tal e como explica o Defensor del Paciente. A afectación, segundo aclara, cronificárase provocando varias secuelas, prexuízo estético, incapacidade temporal para o seu traballo habitual e  unha minusvalía recoñecida do 33%. 

A lesión non puido operarse por "converterse en non apta para cirurxía polo excesivo tempo transcorrido entre o diagnóstico e a intervención prevista"

O TSXG, e antes o xulgado, destacan que queda demostrado que, de terse sometido o paciente ao tratamento cirúrxico precoz, tería unha probabiidade de ter obtido un resultado máis favorable. É por iso polo que dá a razón ao demandante e acepta que se eleve a contía da indemnización. 

Para Carmen Flores, presidente de El Defensor del Paciente, "unha vez máis a xestión inaxeitada das listas de espera xera danos irreparables nun paciente", polo que "queda demostrado que son un atentado contra a integridade física das persoas". "Sentenzas coma esta demostran o que vimos denunciando desde hai anos en relación a que Galicia, xunto con Canarias, son as dúas autonomías que soportan peores e máis gravosas listas de espera do panorama nacional". 

"A xestión non axeitada das listas de espera xera danos irreparables", lembra Defensor del Paciente

Esta última sentenza non é a primeira que condena o Sergas por mala praxe. Hai pouco máis dun mes, o Servizo Galego de Saúde fora condenado tras a morte dunha paciente por mor da deficiente atención de Povisa. En outubro do ano pasado, Sanidade foi condenada tamén a indemnizar unha familia de Ourense con 400.000 euros por unha mala praxe na detección no feto dunha alteración cromosómica.

Un quirófano do Sergas © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.