Condenan o SERGAS trala morte dunha paciente por mor da deficiente atención de Povisa

Vista das instalacións de Povisa © UVigo

En maio de 2009 unha muller de Cangas, de 72 anos de idade, acudiu ao Hospital Povisa, que mantén un concerto co Sergas para facerse cargo dunha parte dos usuarios e usuarias da área sanitaria viguesa. Presentaba un cadro de hipertensión, e así fora diagnosticado no Centro de Saúde de Cangas, pero en Povisa -onde foi remitida- non se valorou acertadamente a gravidade e a necesidade dunha actuación urxente. Recibiu un simple tratamento con ansiolíticos e foi enviada ao seu domicilio para o seu seguimento polo médico de cabeceira, en vez de intervir un neurólogo ou especialista en medicina interna. A muller sufriu unha caída e reingresou ao día seguinte en Povisa, onde faleceu.

A familia da finada formulou unha reclamación ante o SERGAS, que recibiu o apoio da instrutora, que realizou unha proposta favorable á indemnización. Porén, a Xunta negouse a pagar o reclamado. Isto obrigou os fillos da vítima a presentar unha demanda ante o Xulgado Contencioso de Santiago, que a desestimou sinalando que tería que ser Povisa a que indemnizase pola súa mala praxe. Porén, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Consellaría de Sanidade a pagar unha indemnización de 100 mil euros, subliñando que "cando o paciente da sanidade pública acude ao centro concertado remitido polo SERGAS, a responsabilidade é do SERGAS, se se dirixe contra el a reclamación, sen prexuízo de que poida reclamarlle ao centro concertado o importe da condena".

A sentenza conclúe que "cando o paciente da sanidade pública acude ao centro concertado remitido polo SERGAS, a responsabilidade é do SERGAS"

A demanda, dirixida polo avogado Cipriano Castreje Martinez a través da entidade El Defensor del Paciente, non fai fincapé na actuación dos traballadores e traballadoras do SERGAS, recoñecendo "a rápida e acertada intervención do facultativo" que atendeu a muller no seu Centro de Saúde. A propia instrutora do procedemento fixera fincapé na deficiente atención emprestada no centro privado, sinalando que "non se seguiron por Povisa as pautas e tratamento para unha emerxencia hipertensiva", e engadindo a instrución do caso que “parece tratarse dunha hemorraxia de orixe hipertensiva" e que "esta hemorraxia probablemente non se tería producido se o facultativo de urxencias de Povisa non tivese enviado a paciente ao seu domicilio persistindo cifras de tensión arterial 180/100, tras dúas horas de estancia no hospital, debendo permanecer en observación máis tempo". A instrutora engade que "tamén é posible que a persistencia de cifras altas de tensión arterial estaría na orixe do traumatismo e polo tanto da hemorraxia”.

O ditame sinala "a deficiente actuación do servizo de urxencia de Povisa" e afirma que "a sanación co tratamento adecuado resultaba altamente probable"

O perito xudicial avala "a insuficiencia de anamnese e exploración practicada á paciente por Povisa" segundo os síntomas presentados. E considera que Povisa valorou "inadecuadamente" a gravidade da crise hipertensiva "como unha mera urxencia en vez dunha emerxencia" que obrigaría a máis tempo de observación. O perito engade que "non se fixeron as probas complementarias dos protocolos (fondo de ollo, tira de ouriños, etc)" e cre altamente probable que a hemorraxia cerebral padecida pola paciente tivese orixe hipertensiva. A sentenza conclúe "a deficiente actuación do servizo de urxencia de Povisa" e sinala que "a sanación co tratamento adecuado resultaba altamente probable".

Para a entidade, esta sentenza "ten un altísimo valor social e protector dos dereitos dos pacientes da sanidade pública que son derivados aos centros concertados"

Carmen Flores, presidenta da asociación El Defensor del Paciente, sinala que esta sentenza "ten un altísimo valor social e protector dos dereitos dos pacientes da sanidade pública que son derivados aos centros concertados", cunha aplicación da lexislación vixente e a doutrina xurisprudencial "máis moderna, en clara superación de formalismos trasnoitados, e en defensa da tutela xudicial efectiva de todas as partes actuantes".

 

"Povisa non ofrece a mesma calidade asistencial que os hospitais públicos"

Grazas ao convenio asinado co Sergas, Povisa recibe cada ano case 75 millóns de euros do orzamentos da Xunta, ao redor de 535 euros por cada unha das tarxetas sanitarias das que o centro se fai cargo, unhas 139.000. Dende os colectivos en defensa da sanidade pública, concellos da comarca (como Cangas, Bueu ou Moaña), sindicatos e colectivos profesionais adoitan lembrar que "Povisa non ofrece a mesma calidade asistencial que os hospitais públicos, como se comproba nos ratios de traballadores por paciente e outros indicadores".

"Povisa non ofrece a mesma calidade asistencial que os hospitais públicos, como se comproba nos ratios de traballadores por paciente e outros indicadores"

Esta denuncia fíxose notar especialmente nos últimos meses, coincidindo cunha "brutal campaña de marketing" (así a definiron as entidades en defensa do paciente) coa que o hospital privado buscaba quitarlle pacientes aos centros públicos, para incrementar así a cifra de cartos públicos que cada ano recibe do Goberno galego. A pesar de ofrecer menos servizos que os hospitais públicos, Povisa aproveitou as innegables deficiencias do novo Álvaro Cunqueiro para vender unha imaxe de maior calidade. "Povisa ofrece moitos menos servizos que o hospital público. Sería unha insensatez que os cidadáns cambiasen", salientaba en conversa con Praza Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, que engadía que "só faltaría que o compadreo co SERGAS fixese que Povisa se lucrase dunha situación que eles mesmos contribuíron a crear".

A pesar de ofrecer menos servizos que os hospitais públicos, Povisa aproveitou as innegables deficiencias do novo Álvaro Cunqueiro para vender unha imaxe de maior calidade

Povisa mantense igualmente como o hospital da rede pública -na que se inclúe a través do concerto- que presenta uns tempos de espera máis elevados. Aínda que reduciu a súa cifra no último ano, a espera media para unha cirurxía no centro privado é de 139 días, fronte aos 99 do CHUVI e a unha media en toda Galicia de 78,8 días.

Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.