0 Gardados para despois

"Contra a campaña de Povisa, temos que recuperar o Álvaro Cunqueiro entre todos"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Os habitantes das comarcas de Vigo e o Morrazo de seguro que viron nas últimas semanas algún dos anuncios nos que Povisa anima os veciños e veciñas de Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Cangas e Moaña que na actualidade reciben asistencia sanitaria nos hospitais públicos da cidade a solicitar un cambio de hospital de referencia para seren atendidos nese centro privado. O concerto asinado en setembro do pasado ano polo SERGAS e Policlínica Vigo Povisa S.A. permite que a poboación destes concellos escolla o seu centro entre o 1 e o 30 de novembro de cada ano de vixencia do concerto. Os que teñen un centro público como hospital de referencia (agás nalgunhas zonas de Vigo) poden escoller Povisa e, á inversa, os adscritos a Povisa poden escoller un centro público.

O pasado ano ao redor de cinco mil usuarios e usuarias de Povisa optaron por cambiar cara aos centros públicos. Neste 2015 Povisa iniciou unha intensa campaña animando a facer o movemento inverso. A pesar de que en varias ocasións se teñen denunciado eivas na calidade asistencial que ofrece este centro privado (as súas listas de espera superan en moito a media dos centros públicos galegos), semella que as grandes deficiencias que presenta o novo hospital Álvaro Cunqueiro están facendo que nesta ocasión moitas persoas decidan solicitar a súa incorporación a Povisa, que hai uns días destacaba que chegaría ao ecuador do mes con máis de dúas mil novas solicitudes, sumando ao redor de 200 cada día. 

Grazas ao convenio asinado co Sergas, Povisa recibe cada ano case 75 millóns de euros do orzamentos da Xunta, ao redor de 535 euros por cada unha das tarxetas sanitarias das que o centro se fai cargo, unhas 139.000. Porén, o 26% das persoas que teñen este centro como hospital de referencia non o empregan nunca, pero Povisa cobra igualmente o canon que lle corresponde por eles, sinalan dende as plataformas en defensa da sanidade pública. 

Dende os colectivos en defensa da sanidade pública está gañando forza un movemento a prol da escolla dos hospitais públicos da área sanitaria, como unha forma de reivindicación da súa calidade e do seu carácter enteiramente público. A pasada semana as plataformas da Sanidade Pública de Cangas e Moaña e a Voz do Paciente de Bueu asinaron un manifesto que demanda a solución aos problemas que na actualidade presenta o Álvaro Cunqueiro, critica a campaña iniciada por Povisa e anima os usuarios e usuarias deste hospital a solicitar o cambio de hospital de referencia cara a un centro público. As tres entidades piden que outras organizacións sociais e institucións se adhiran a este manifesto e, de feito, varios alcaldes da comarca do Morrazo amosarán o seu apoio este vindeiro mércores nunha rolda de prensa conxunta. O xoves, ademais, Cangas acollerá unha charla-coloquio sobre a libre elección de hospital, na que intervirán Manuel Martín (portavoz de SOS Sanidade Pública-Galicia), Ángel Cameselle (presidente da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo) e Carmen Nores (Portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas).

Carmen Nores: "Povisa non ofrece a mesma calidade asistencial que os hospitais públicos, como se comproba nos ratios de traballadores por paciente e outros indicadores"

"Hai preto de 30 anos que os veciños e veciñas do Morrazo, por unha decisión política errada e na que non foron preguntados, foron enviados a Povisa", explica Carmen Nores. "Nin os políticos nin a sociedade demos unha resposta a esa decisión, que nos prexudicou, porque recibimos unha asistencia sanitaria deficiente e discriminatoria. Povisa non ofrece a mesma calidade asistencial que os hospitais públicos, como se comproba nos ratios de traballadores por paciente e outros indicadores", di, sinalando que desta situación non teñen culpa os traballadores do centro.

"O pasado ano, unhas cinco mil persoas pediron marchar de Povisa para os hospitais públicos, tres mil delas dos concellos do Morrazo", sinala Carmen Nores. Porén, denuncia, "esas persoas sufriron unha serie de prexuízos: perda do seu posto nas lista de espera tanto para probas e consultas de especialistas como para operacións cirúrxicas, obriga da repetición de probas ao non remitir Povisa o historial dos pacientes...". Nores pide que a Consellaría actúe para que isto non se reproduza este ano, e as persoas que decidar mudar de hospital non teñan que sufrir estes problemas.

"O Álvaro Cunqueiro ten moitas deficiencias por culpa do modelo escollido, pero ese hospital témolo que recuperar entre todos, contra a campaña de Povisa, temos que reverter a situación"

"Os cidadáns temos que ser conscientes e dar o paso", destaca Carmen Nores. "O Álvaro Cunqueiro ten moitas deficiencias por culpa do modelo escollido, pero ese hospital témolo que recuperar entre todos, contra a campaña de Povisa, temos que reverter a situación", di, incidindo ademais na necesidade de que melloren formas de transporte que na actualidade existen entre os concellos do Morrazo e o hospital. Semellante é a mensaxe do manifesto asinado, que salienta que "a mellor maneira de forzar as solucións é seguir sumando usuarios e medrando a nosa capacidade de presión que, desde a rúa, demostrou a súa eficacia". "Para unha sanidade publica eficaz, pásate aos hospitais públicos", engade.

 

"Brutal campaña de marketing"

O manifesto asinado polas tres entidades critica así mesmo con dureza a campaña que está a levar a cabo Povisa: "Ao non ter superado o duro golpe que supuxo que máis de 3.000 usuarios/as da comarca decidiran voluntariamente pasar á sanidade pública, está a levar a cabo unha brutal campaña de marketing tanto en medios de comunicación, redes sociais, distribución de propaganda porta a porta polos domicilios dos/as usuarios/as ou nas propias instalacións de dita empresa, para recoller o maior número de solicitudes posible". "Non recordamos unha campaña mediática e económica tan brutal como a que estamos presenciando na Area Sanitaria de Vigo e sospeitamos que o seu obxectivo non é outro que puramente mercantil para recuperar as 5.000 cartillas que perdeu o pasado ano", di. Ademais, as plataformas acusan a Xunta de "connivencia" coa campaña e de favorecela coa súa "pasividade na resolución das deficiencias detectadas no hospital Álvaro Cunqueiro".

"Solicitamos tamén aos nosos responsables políticos municipais que se sumen e fagan un pronunciamento público en contra do acoso mediático que está levando a cabo Povisa"

O manifesto péchase coa petición das tres plataformas á veciñanza do Morrazo para que "non dea nin un paso atrás na defensa da Sanidade Pública", pois "a presión dos profesionais sanitarios e a cidadanía tórnase imprescindible para reverter a situación na que se encontra o Hospital Álvaro Cunqueiro. Queremos que sexa o hospital 100x100 público e de calidade que á cidadanía da Área se merece". "Solicitamos tamén aos nosos responsables políticos municipais que se sumen e fagan un pronunciamento público en contra do acoso mediático que está levando a cabo Povisa, así como un chamamento á cidadanía para animar a dar o salto á Sanidade Pública", conclúe.

 

Debate nas redes sociais

Nos mesmos espazos das redes sociais que Povisa emprega para promocionar o cambio de hospital de referencia, son moitos os cidadáns e cidadás que debaten os beneficios e prexuízos do cambio, facendo fincapé tanto nas eivas que nos últimos meses atoparon no servizo ofrecido polo novo hospital Álvaro Cunqueiro coma nas que habitualmente presenta o propio Povisa, sobre todo no que se refire ás súas listas de espera: "Agora veremos as listas de espera para calquera especialista, se antes tardaban agora non quero nin pensalo", di unha das mensaxes. De igual xeito, moitas das intervencións critican a propia campaña de Povisa como unha maneira de debilitar a sanidade pública e avanzar cara á privatización da atención: "Primeiro desprestixian o público e despois deixan a xente cambiar de hospital, boa manobra para Povisa. Unha vergonza", destaca unsa delas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.