A cifra de doentes a agardar no Sergas sobe a niveis de hai dez anos malia os traspasos á privada

Feijóo, nunha visita recente ao Clínico de Santiago © Xoán Crespo

A pasada semana o Servizo Galego de Saúde facía públicos os datos das súas listas de espera datados no 31 de decembro de 2015. No remate do ano con menor transparencia neste ámbito dende que existen rexistros públicos o Sergas rexistraba unha espera media de 78,8 días para acceder a unha operación cirúrxica. O Goberno galego puxo o acento neste dato por ser dous días inferior ao dun ano antes e pasou máis por riba doutro, o da cifra total de doentes a agardar. Ese indicador foi o peor nun peche de ano na última década, o segundo maior dende que, nos seus derradeiros compases, o goberno de Fraga accedeu a facer públicos os números das listas de espera.

O panorama da sanidade pública galega é, por múltiples motivos, ben diferente o daquel ano 2005. Nestes dez anos a poboación galega minguou pero tamén envelleceu e o persoal dos servizos sanitarios aumentou ata que, en plena crise, foi recortado en máis de 1.600 profesionais. Do mesmo xeito, durante o período de recortes o orzamento sanitario diminuíu máis de 300 millóns de euros mentres, non obstante, comezaban a funcionar relevantes infraestruturas sanitarias como os novos hospitais de Lugo e Vigo ou ampliacións como as realizadas na área de urxencias do hospital da Coruña.

O dato de decembro foi o peor dende 2005, cando aínda non estaban a funcionar os novos hospitais de Lugo e Vigo nin estaba en vigor a lei que garante unha espera máxima de 60 días

O último dos novos hospitais en ser inaugurado, o vigués, fíxoo cando xa estaba en vigor a denominada lei de garantías de prestacións sanitarias. Como veu informando Praza.gal, esta norma estipula que se un doente que precise unha operación cirúrxica non é atendido nun máximo de 60 días, o Sergas ten a capacidade de derivalo á sanidade privada e, en caso contrario, perde o dereito a ese límite máximo de atención. Malia á combinación de todos estes factores, a 31 de decembro de 2015 había case 1.000 persoas máis a agardar que un ano antes. Non é posible saber, non obstante, se durante a primavera ou o verán de 2015 o número de persoas a esperar se mantivo por riba das 37.000, como en 2014, xa que a mesma lei de garantías recorta tamén a información que o Sergas difunde das listas. 

Coa espera media máis de 20 días por riba do límite legal, unha ollada en perspectiva aos datos publicados polo Sergas na última década -dende o redeseño da súa web a Consellería de Sanidade só permite consultar os seus últimos seis informes ao respecto- permite concluír que o número total de pacientes que agardan por unha operación foi nesta lexislatura galega máis semellante ao dos últimos anos do fraguismo que ao dos anos do bipartito ou ao do inicio do mandato de Alberto Núñez Feijóo.

Entre 2006 e 2009 o Sergas logrou situar a lista de espera por baixo das 35.000 persoas

Así, ao ordenarmos os datos dos informes de listas de espera -catro por ano entre 2005 e 2014 e dous anuais dende o pasado exercicio- os datos amosan que o maior rexistro histórico de pacientes a esperar segue a ser o do terceiro trimestre de 2005, xusto despois da saída de Fraga da Xunta, e os dous trimestres seguintes. Xusto a continuación atópanse os datos dos últimos trimestres da primeira lexislatura de Feijóo e, sobre todo, da actual, cando frecuentemente se sobrepasou o límite dos 37.000 doentes agardando. Na banda contraria están datos rexistrados entre 2006 e 2009, cando o Sergas logrou situar a lista de espera por baixo das 35.000 persoas.

Fronte a estes datos e mentres o policlínico vigués POVISA, concertado co Sergas, segue actuando como principal lastre do sistema, a Consellería de Sanidade insta a observar o lado positivo do balance. Así, na presentación dos datos a Consellería destacou que o Sergas "continúa comprindo o compormiso de atender as patoloxías máis graves por baixo de 30 días e as graves, por baixo de 60 días. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.