O Sergas tornou 2015 no ano con menos información das listas de espera dende que son públicas

O conselleiro de Sanidade, visitando o hospital de Montecelo © Xunta

En marzo de 2014 entrou en vigor a lei de garantías de prestacións sanitarias, a norma que, ademais de facilitar o trasvase de pacientes do Servizo Galego de Saúde á sanidade privada, limita a información que a Xunta ten a obriga de ofrecer á cidadanía a respecto das listas de espera. O Goberno comezou a despregar diversos aspectos da norma cando entrou en vigor pero, no que atinxe ao recorte informativo, non o fixo ata a primavera do pasado ano, en vésperas das eleccións municipais. Menor periodicidade na difusión dos datos, cambios na presentación dos mesmos e mesmo unha reforma do sitio web do Sergas converteron o pasado 2015 no ano en que Sanidade informou menos a respecto das listas de espera dende que estas comezaron a ser públicas, nos últimos tempos de Fraga na Xunta.

Dende mediados de 2005 o Sergas veu ofrecendo cada tres meses datos das súas listas de espera cirúrxica e de consultas externas, e dende 2009 tamén de probas diagnósticas. Coa aplicación do artigo 27 da devandita lei de garantías a información deixou de ser trimestral e converteuse en semestral. O Goberno pasou de informar catro veces ao ano a facelo só dúas e, aínda que a lei non o especifica, estipulou que os datos se difundisen con data de finais de xuño e mais de finais de decembro, cando a foto adoita ser máis favorable aos intereses gobernamentais. A periodicidade semestral permítelle ademais á Consellería de Sanidade librarse de difundir o que sempre é o peor dato do ano, o do terceiro trimestre, cando a lista de agarda se dispara por mor dos peches de camas no verán. Segundo indicou o PP no trámite parlamentario da lei esta "valente" decisión responde á intención de que o debate sobre as listas de espera "pase a un segundo plano".

Coa nova lei Sanidade só informa sobre as listas de espera dúas veces ao ano e evítase ofrecer os datos do verán, cando a agarda aumenta polos peches de camas

O Sergas recorta en cantidade de información, pero tamén en calidade. En dous trimestres de 2014 decidiu non incluír no cómputo global o dato de POVISA, o policlínico privado vigués que, en virtude do concerto co Sergas, é parte da rede pública malia presentar datos de espera moi por riba do resto de hospitais. Despois de negarse expresamente a difundir o dato global Sanidade volveu facilitar o cómputo incluíndo a POVISA, pero só verbalmente, na presentación das listas de espera ante a prensa, e sen incluílo na base de datos pública que pode ser consultada posteriormente polo conxunto da poboación.

Esa base de datos tamén se viu afectada pola nova política informativa das autoridades sanitarias. Así, aproveitando a reforma da súa web corporativa o Sergas deixou de amosar todos os informes de listas de espera publicados dende 2005 e só ofrece a posibilidade de consultar os cinco últimos. Deste xeito, co actual formato quen procure datos no espazo oficial só terá información dende o segundo trimestre de 2014, non podendo así comparar con anos anteriores.

Antiga web do Sergas, cando ofrecía todos os informes de listas de espera dende que comezaron a publicarse

Neste escenario, e á espera de coñecer os datos do segundo semestre de 2015 -prevese que sexan públicos contra finais de xaneiro-, o primeiro informe con Jesús Vázquez Almuíña como conselleiro, a información máis recente é a de mediados de 2015. Daquela o prazo medio para acceder a unha operación cirúrxica no Sergas era duns 76 días, dezaseis máis dos fixados pola lei de garantías como límite a partir do cal é posible traspasar doentes á privada e, se estes se negan, retirarlles o dereito á espera mínima. Este resultado era uns seis días inferior ao rexistrado un ano antes pero seguía por riba dos datos rexistrados no mesmo momento do ano en exercicios como os de 2008 ou 2009.

Un quirófano do Sergas © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.