Só nas comarcas de Vigo e Santiago segue nacendo máis xente da que morre

Evolución nos nacementos e mortes en Galicia dende 1975 Dominio Público Praza Pública

1987 foi o último ano no que Galicia tivo un crecemento vexetativo positivo (+344, en concreto), para pasar xa a rexistrar en 1988 menos nacementos que defuncións (-1.823). Ese saldo foi empeorando máis e máis, ata chegar ás cifras actuais, nas que cada ano morren no noso país dez mil persoas máis das que nacen. Esta situación, motivada por unha poboación envellecida e por unha moi reducida taxa de natalidade, é xeral a todo o territorio, de xeito que tan só dúas comarcas -Vigo e Santiago- tiveron en 2014 máis nacementos que defuncións.

Son moitas as voces que subliñan que nestas décadas Galicia non enfrontou esta situación con toda a decisión de debería e coas políticas máis axeitadas. Dende o Goberno galego iniciáronse plans demográficos moi limitados e que non semellan estar dando froito. E, de igual xeito, tampouco se está estimulando nin a chegada de poboación inmigrante nin se está a evitar que milleiros de mozos e mozas marchen a outros territorios na procura de mellores oportunidades laborais.

En 1975 eran 30 (dun total de 53) as comarcas galegas con saldo vexetativo positivo, e en 1980 a cifra mesmo aumentara a 32

En 1975 eran 30 (dun total de 53) as comarcas galegas con saldo vexetativo positivo, e en 1980 a cifra mesmo aumentara a 32. Porén, o número foi rapidamente descendendo nos anos seguintes: en 1985 eran 20, en 1990 eran 7 (Vigo, O Morrazo, Santiago, O Salnés, Barbanza, Pontevedra e O Baixo Miño) e en 1995 só quedaban dúas (Vigo e O Salnés).

Volveu haber unha pequena recuperación nos anos seguintes, grazas á descendencia dos fillos e fillas do baby boom, de xeito que no ano 2000 O Morrazo, Vigo, Santiago e Barbanza presentaron saldos positivos. No 2005 Pontevedra e O Salnés uníronse a este grupo, que en 2010 aínda sumaba seis comarcas (A Coruña, Pontevedra, Salnés, Santiago, O Morrazo e Vigo) 

Porén, nos últimos anos a tendencia de case todos os territorios foi a de rexistrar cada vez menos nacementos e máis defuncións, de xeito que no ano 2014 tan só Santiago e Vigo manteñen números favorables. Iso si, a propia comarca viguesa pasou dun saldo positivo de 332 en 2010 a tan só 23 en 2014. A Coruña caeu de 206 a -515; Pontevedra de 154 a -84; e O Salnés de 38 a -160.

Por Concellos, en 2014 houbo tan só 19 localidades cun crecemento vexetativo positivo: Ames, Arteixo, O Porriño, Culleredo, Cambre, Salceda de Caselas, Soutomaior, Poio, Oroso, Burela, Baiona, Pontevedra, Moaña, Cambados, Pontecesures, Gondomar, Barro, Brión e Mos.

Mesmo a comarca viguesa pasou dun saldo positivo de 332 en 2010 a tan só 23 en 2014. A Coruña caeu de 206 a -515; Pontevedra de 154 a -84; e O Salnés de 38 a -160

A crise demográfica non afecta só a comarcas pequenas ou rurais. O último ano que a comarca de Ferrol tivo un saldo vexetativo positivo foi en 1985. En Lugo isto sucedeu en 1984. E en Ourense en 1988. En zonas que manteñen unha gran vitalidade social e económica como Bergantiños, Noia, A Mariña Occidental este momento chegou tamén en 1988. Na provincia de Ourense, se exceptuamos a demarcación que inclúe á capital, atopamos saldo negativo en todas as comarcas xa dende antes de 1975, agás en Valdeorras (comezou a telo en 1980), Verín (en 1977) e Viana (en 1978).

O último ano que a comarca de Ferrol tivo un saldo vexetativo positivo foi en 1985. En Lugo isto sucedeu en 1984. E en Ourense en 1988

Pódese tamén facer un cálculo sobre a poboación que de forma natural perdeu Galicia nas últimas tres décadas: 79.975. Así, mentres entre 1975 e 1987 houbo na nosa comunidade 135.975 máis nacementos que mortes, nos 27 anos seguintes -entre 1988 e 2014- rexistráronse pola contra 215.050 máis defuncións que nacementos. Este resultado negativo está ademais moi desequilibrado entre unhas e outras comarcas. Zonas como Vigo tiveron en trinta anos un crecemento vexetativo de 50.688 persoas, Santiago chegou aos 14.437, Pontevedra aos 10.042, A Coruña aos 16.269 e mesmo comarcas non urbanas como O Morrazo (12.865), O Salnés (11.929) ou Barbanza (5.961) rexistraron importantes saldos favorables. Mentres, lugares como Terra Cha (-13.727), Terra de Lemos (-14.159), Terra de Celanova (-9.573), O Carballiño (-9.429), Verín (-7.923), Sarria (-7-743), O Ribeiro (-7.511), A Limia (-7.424) ou Deza (-6.176) perderon deste xeito unha parte moi importante da súa poboación, sen ter en conta o fenómeno da emigración.

Evolución nos nacementos e mortes en Galicia dende 1975 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.