0 Gardados para despois

Os nacementos seguen caendo en Galicia malia á posta en marcha do plan demográfico

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A fenda segue como estaba. O pasado 2014 foi o primeiro ano completo co Plan de Dinamización Demográfica da Xunta en vigor, un plan nacido entre a polémica por ser despachado nun trámite parlamentario de apenas catro horas e que, como calquera medida neste ámbito, formula obxectivos a medio prazo. Mentres o Goberno galego promociona este plan con controvertidas campañas para instar a poboación a ter fillos e desprega, ao tempo, iniciativas como un plan semellante ao desaparecido Preescolar na casa, o ritmo de nacementos segue a tendencia decrecente iniciada co estourido da crise económica.

O INE fixo públicos estes luns os datos demográficos correspondentes ao ano 2014 e indica que durante o pasado ano naceron en Galicia pouco máis de 19.600 nenas e nenos, cen menos que en 2013 e un 15% que en 2008, ano no que rematou a leve recuperación da natalidade no país, experimentada nos anos da bonanza económica. Tras aquel período de leve alza, iniciado a finais dos 90 e impulsado por, entre outros factores, a chegada de inmigración, a caída foi sostida ano tras ano, e especialmente pronunciada entre 2012 e 2013.

A foto fixa do número de nacementos non é alentadora, moito menos se é posta en perspectiva xunto a outro dato: o da mortalidade. Nun contexto no que, como amosa Eurostat, o crecemento vexetativo galego por cada 1.000 habitantes é dos peores do continente, o INE ratifica que neste indicador o resultado galego é, con diferenza, o máis negativo do Estado. Tras tres décadas con máis mortes que nacementos nesta ocasión os saldo vexetativo é de -10.299 persoas, só un chisco menos que en 2013, cando morreron 10.701 persoas menos das que naceron no país.

Todo isto sucede nun contexto no que durante o ano 2014 naceron en Galicia só 7,2 nenas e nenos por cada 1.000 habitantes, un dato no que só está por tras Asturias, que ficou en 6,3. Mentres, a taxa bruta de mortalidade en Galicia chega aos 10,9 falecementos por cada 1.000 habitantes, a terceira maior taxa do Estado. O INE amosa, asemade, outro dato no que Galicia está na media: a esperanza de vida ao nacer é xa de 83 anos, a mesma que na media estatal e superior á de nove comunidades autónomas.

Saldo vexetativo das comunidades autónomas

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.