0 Gardados para despois

A Xunta gasta 600.000 euros nunha nova campaña publicitaria para animar a ter fillos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Hai tres décadas que en Galicia morren máis persoas das que nacen. O país sofre o que se deu en chamar "inverno demográfico" e, ante este evidente problema, o Goberno galego puxo en marcha o seu Plan de Dinamización Demográfica, un documento despachado nun trámite parlamentario de menos de catro horas que inclúe certas medidas de apoio ás familias, como deducións fiscais, con outras de marcado carácter publicitario ou propagandístico, tales como a considerar cidadáns de pleno dereito os "concibidos e non nados" ou a posta en marcha de diversas campañas de publicidade. A Consellería de Traballo e Benestar disponse a afondar nesa liña publicitaria coa posta en marcha da súa terceira campaña de anuncios sobre o tema, poñendo sobre a mesa desta volta ata 600.000 euros.

Entre medidas e circunstancias que, a priori, desincentivan a decisión de ter fillas e fillos, como as subas de prezos nas escolas infantís, os recortes en educación, as baixadas de salarios ou o desemprego, Benestar disponse a apelar novamente á "responsabilidade compartida por toda a sociedade" para invertir a tendencia demográfica. Nun contexto no que a propia Xunta mantén que a falta de cartos ou o paro non inflúen á hora de decidir ter descendencia, a Consellería pon sobre a mesa 600.000 euros que se suman aos 614.840 que gastou na primeira edición da campaña e aos 318.900 que custou a segunda. En total, máis de millón e medio.

O gasto nestas campañas publicitarias supera xa os 1,5 millóns de euros

A empresa que se faga co contrato terá que desenvolver unha campaña destinada á poboación de entre 18 e 45 anos cun "discurso vital, amable, positivo e evitando un ton moralizante", encarga a Xunta, que sinala ademais a "necesidade" de poñer o acento nas "consecuencias negativas duns índices continuados de baixa natalidade". "Nenas e nenos deben ser os protagonistas da campaña" e, "xunto a esta visibilización", deben "verse os recursos públicos, familiares e individuais" que "favorezan esa idea na contorna social" e que "fagan de Galicia unha comunidade moderna, amable non só para os nosos maiores".

"A solución ha de vir da man de todos os galegos", di a Xunta

Asemade, nesa publicidade a "conciliación ha de xogar un papel importante", amosando "que recursos existen e por cales debemos apostar" e explican que "a solución ha de vir da man de todos os galegos e galegas". Ten que ser, di a Xunta, unha mensaxe "realista, sen negar a problemática" pero "positiva, sen caer en mensaxes manidas". Todo, abonda, debe servir para presentar unha "imaxe moderna e actual de Galicia", con "música que chame a escoitar o anuncio" e "palabras non esperadas, que xeren sorpresa/perplexidade" e "insistan nunha nova óptica da natalidade". Trátase, ademais, de "ampliar a imaxe actual da campaña e chegar a todos os tipos de familia", tamén ás que inclúen fillos ou fillas adoptadas.

Críticas da oposición

Esta nova contratación chega despois de que as dúas anteriores edicións da campaña xa fosen obxecto de críticas por parte de toda a oposición parlamentaria, que considera incongruente que se produza este gasto en anuncios nun contexto de recortes sociais. Así, por exemplo, dende o PSdeG a súa deputada Carmen Gallego considerou que as tesoiradas "casan mal coa petición para que as mulleres nos poñamos todas a ter fillos pola caída demográfica brutal de Galicia". Ao seu xuízo resulta "cínico" que o Goberno destine fondos do erario a estas campañas mentres retira servizos públicos.

PSdeG, AGE e BNG ven estas campañas "cínicas" e "hipócritas" por cadrar no tempo con recortes sociais

Na mesma liña o parlamentario de AGE Juan Fajardo ten cualificado de "hipócrita" que "por unha banda, se anime a cidadanía a ter fillas e fillos" para "despois, deixalos abandonados á súa sorte por parte da Xunta" aínda que "unha vez nacidos non teñan nin sequera para comer". Na mesma liña, a deputada do BNG Carme Adán, lembra que "o problema non é ter fillos e fillas", senón "alimentalos, mercar os libros de texto e todo o que precisan". Para a nacionalista resulta "indecente" desenvolver campañas coma esta mentres, por exemplo, no mercado laboral a maternidade supón un prexuízo para as mulleres ou mentres "soben o prezo das escolas infantís e da atención á dependencia".

Nacementos e defuncións en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.