Galicia acumula tres décadas con máis mortes que nacementos

Dous nenos ante un ordenador © Consellería de Educación

A enfermidade é evidente e o diagnóstico non fai máis que agravarse ano tras ano. Galicia mingua e dende o inicio da crise faino máis aceleradamente. O último parte médico vén de chegar dende o Instituto Nacional de Estadística (INE) en forma de datos adiantados de movemento natural da poboación para 2013 e di que o pasado ano morreron no país 10.701 persoas máis das que naceron. Trátase do peor saldo vexetativo de todo o Estado e afonda nunha tendencia ante a cal os remedios ofertados dende as Administracións públicas semellan, á luz dos feitos, seguir sen funcionar.

Ningunha das cifras publicadas polo organismo estatal convidan á esperanza. Os 19.726 nacementos do pasado ano, un 6,5% menos que en 2012, sitúan a Galicia coa terceira peor taxa bruta de natalidade, 7,2 nacementos por cada 1.000 habitantes que só están por riba dos 7,1 de Castilla y León e os 6,3 de Asturias. Son resultados que deixan a demografía galega a anos luz dos territorios máis dinámicos do Estado neste eido, caso por exemplo de Ceuta e Melilla, Murcia, Madrid, Andalucía ou Catalunya. O retrato complétao a segunda maior taxa bruta de mortalidade do Estado, un 11,1 próximo ao 12 que acada Asturias e moi afastado, tamén neste caso, dos postos de cabeza.

Aínda que a preponderancia dos falecementos fronte aos nacementos se agudizou coa crise económica esta é unha tendencia que se remonta a tres décadas atrás. Así, unha ollada en perspectiva aos datos oficiais indica que 1984 foi o último ano cunha diferenza evidente a favor da natalidade: máis de 30.000 nacementos fronte a pouco máis de 25.000 mortes. En 1985 a diferenza entre ambos indicadores foi de apenas 2.000 persoas e, tras unha levísima mellora en 1987, o panorama foi mudando cada vez con maior intensidade.

No último cuarto de século as defuncións foron incrementando levemente pero manténdose na contorna das 30.000. Mentres, os nacementos desdenderon durante toda a década dos 90 e foron incrementando durante a do ano 2000, cun pico de 23.175 nacementos en 2008 que non serviu, non obstante, para paliar o déficit acumulado.

As medidas da Xunta

Neste escenario, o evidente problema demográfico de Galicia é abordado dende a Xunta co denominado Plan de Dinamización Demográfica, un documento que naceu sen consenso ao ser despachado polo Goberno nun trámite parlamentario de menos de catro horas. Este plan, aínda en desenvolvemento, inclúe medidas de apoio ás familias en ámbitos como a atención aos menores, os descontos por familia numerosa ou certas accións en materia de conciliación, pero tamén accións controvertidas como considerar cidadanía de pleno dereito aos, en verbas do Executivo, "concibidos e non nados" ou destinar cartos públicos a organizacións antiabortistas e a campañas de propaganda que animan a ter fillos e fillas.

Segundo a Xunta o paro ou a falta de cartos non inflúen na decisión de ter descendencia

Nun contexto de recortes orzamentarios estas campañas veñen sendo obxecto de múltiples críticas polo seu impacto no erario. Como informou Praza Pública a primeira destas campañas foi contratada no outono do pasado ano pola Consellería de Benestar por 614.840 euros, que se traduciron en anuncios que amosaban unha nena chamada Mariña cuxos pais "farán feliz a toda Galicia" por decidir tela. "Converterse en pai ou nai é unha das mellores experiencias da vida", proclama a Xunta, nunha acción publicitaria cuxa segunda edición custou 331.656 euros. A idea, segundo a Consellería, é transmitirlle á poboación a "necesaria responsabilidade compartida por toda a sociedade para atallar un dos maiores problemas aos que se enfronta Galicia". Segundo o mesmo departamento o paro ou os problemas de cartos non inflúen na decisión de ter descendencia.

Dous nenos ante un ordenador © Consellería de Educación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.