En outubro de 2018 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulaba unha praza docente creada dous anos antes pola Consellería de Educación na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. O alto tribunal galego atendía así un recurso da CIG-Ensino e ratificaba que a praza fora creada á medida nunha "evidente mostra de nepotismo" agravado polo feito de que a beneficiada era cuñada dunha alto cargo da Xunta.
Contra aquel ditame xudicial que daba por feito o enchufismo só cabía recurso de casación ante o Tribunal Supremo. O Goberno galego interpúxoo e o TS vén de desbotalo. Nin sequera o tramitará porque, segundo indica nunha providencia ditada o pasado 24 de febreiro e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, na sentenza do tribunal galego non hai "maior contido de xeneralidade" que derive nunha "posible proxección ao outros litixios no futuro".
O pronunciamento do Supremo ratifica a sentenza na que o TSXG deu por probado o "nepotismo" na creación dunha praza docente na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra que tivo como beneficiaria á cuñada dunha alto cargo da propia Xunta
Fica así ratificada unha sentenza na que a sala do Contencioso-Administrativo do TSXG observou un "claro caso de desviación de poder" e unha "torcida actuación da Administración", neste caso a Xunta. Os feitos remóntanse ao ano 2014, cando a Consellería de Educación incorporou á súa lista de persoal temporal "de forma irregular" a esta mesma persoa, que daquela era funcionaria en Asturias, e despois a excluíu tras unha reclamación da propia CIG-Ensino.
Pouco despois, non obstante, a mesma funcionaria obtivo un cargo de asesora no Museo Pedagóxico de Galicia, tamén dependente da Consellería de Educación, e pouco despois accedeu pola vía da libre designación -posto de confianza- á dirección dese centro, en cuxo equipo directivo segue na actualidade. Levaba apenas un ano á fronte do Mupega cando a Consellería de Educación creou na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra unha praza de docente da materia de Conservación e Restauración de Documento Gráfico. Segundo a propia Escola, esa praza non era "necesaria", entre outras cousas porque alí "nunca se impartiu" esa especialidade, segundo consta na sentenza. Naquela altura, alumnado do centro uniuse tamén ao rexeitamento.
Foi así como a propia Escola secundo á CIG-Ensino nas peticións para que a adxudicación da praza fose paralizada ata que o caso chegou aos tribunais. No seu duro ditame, que agora fica ratificado, o TSXG anulou a adxudicación da praza por "nepotismo" e criticando ademais o "ocultismo" no que incorreu a Xunta por impedir ao sindicato denunciante o acceso á información sobre unha adxudicación que foi "en detrimento da calidade da docencia".
"Lonxe de perder arraigo na Administración, o nepotismo parece reforzarse", sinalaba a sentenza
Para o Tribunal Superior, a "torcida intencionalidade" do sucedido viuse "agravada" por todo o sucedido anteriormente, pero tamén pola "relación de parentesco entre a adxudicataria e a señora López Abella", secretaria xeral de Igualdade da Xunta, cargo que veu exercendo dende 2011 e do que cesou esta mesma semana para incorporarse ás listas electorais do PP pola provincia de Lugo. O acontecido, acrecentaba a sentenza, deixaba claro que "lonxe de perder arraigo na Administración pública", o "nepotismo" parece "reforzarse".
A CIG-Ensino pide a dimisión da conselleira
Para a CIG-Ensino, central sindical denunciante e maioritaria na escola pública galega, que o Tribunal Supremo rexeitase o recurso da Xunta vén "confirmar" o que definen como "escandaloso caso de enchufe". A xuízo do seu secretario xeral, Suso Bermello, este pronunciamento xudicial debera traer consigo "a dimisión da conselleira de Educación", Carmen Pomar, xa que aínda que os feitos son anteriores á súa chegada ao posto -remóntanse á etapa de Jesús Vázquez e Román Rodríguez-, "asumiu persoalmente a defensa do enchufe".
"A conselleira non tiña necesidade de manchar as mans neste tema, pero asumiu a responsabilidade en primeira persoa", di a CIG-Ensino sobre Carmen Pomar, que da por zanxado o caso porque a sentenza "está acatada dende 2018
Cómpre lembrar, resalta o sindicato, que Pomar "fixo bandeira do caso" e "defendeu a presentación do recurso de casación". Ademais, agregan, a propia conselleira "aproveitou unha intervención no Parlamento galego para atacar á CIG-Ensino como denunciante do enchufe". Esa intervención fora unha resposta a PSdeG e BNG sobre o caso en novembro de 2018 e nela, Pomar atribuíra a denuncia a unha intención do sindicato por "preservar prazas ocupadas por persoal interino ou non especialista fronte a unha funcionaria de carreira". Ademais, a conselleira aseguraba que "non houbo desviación de poder" porque a praza tiña como "único obxectivo ampliar a oferta de coñecementos que se imparten" na Escola pontevedresa.
"A conselleira non tiña necesidade de manchar as mans neste tema, porque ela non estaba á fronte da Consellería cando se promoveu este caso de nepotismo", sinala o sindicato, toda vez que "a responsabilidade quedou claramente fixada na sentenza e afectaba tanto á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos como á Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente", que "informou favorabelmente no expediente".
Pero o caso é que "Carmen Pomar asumiu en primeira persoa a responsabilidade dos feitos" e por iso, "as consecuencias dos seus propios actos esixen agora que se depuren responsabilidades", conclúen. Pomar, pola súa banda, daba este mércores o asunto por zanxado. "Dende 2018 está acatada" a sentenza, respondeu á prensa en Vigo.