O Tribunal Superior censura a mala fe e o “abuso” do Goberno galego por incluír no décimo contrato coa mesma persoa un período de proba malia que o Estatuto dos Traballadores o prohibe
Tras ser contratada nove veces en algo máis de dous anos, unha cociñeira dun centro educativo da Xunta foi despedida durante o seu décimo contrato coa administración alegando esta que non superara o período de proba. Primeiro un xulgado do social e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declararon improcedente o despedimento, criticando este último a actitude da Xunta “contraria aos postulados da boa fe e constitutiva dun manifesto abuso de Dereito” por incluír nese décimo contrato da traballadora unha cláusula cun período de proba malia que o Estatuto dos Traballadores o prohibe cando o empregado xa traballase previamente para o mesmo empregador.
O TSXG constata que a Xunta inclúe nos seus contratos cláusulas ilegais como a que prohibe fixar período de proba a quen xa traballou nos mesmos postos
A sentenza agora feita pública polo TSXG, con data do 14 de outubro, lembra que “o artículo 14.1 do Estatuto dos Traballadores, no seu último parágrafo di textualmente que: ‘Será nulo o pacto que estableza un período de proba cando o traballador xa desempeñase as mesmas funcións con anterioridade na empresa, baixo calquera modalidade de contratación’” xa que “xa existe suficiente coñecemento entre as partes por ter celebrado outros contratos de traballo previamente para o desempeño de idénticas funcións, e así o entendeu o noso Tribunal Supremo”.
“A causa do cesamento non é, polo tanto, a falta de idoneidade da traballadora para o desempeño do seu posto de traballo, idoneidade que xa era coñecida sobradamente pola Administración”, di a sentenza
No caso da cociñeira contratada por varios centros educativos públicos da Xunta, a sentenza sinala que “subscribira coa mesma Administración demandada ata 10 contratos de traballo de carácter temporal” dos que salvo en dous casos “ningún dos precedentes contratos terminou por non superar o período de proba senón por extinción do seu término, e, ademais, é de destacar que en todos, incluído o que aquí se analiza, a actora desempeñou similares funcións”. O tribunal conclúe que “a causa do cesamento non é, polo tanto, a falta de idoneidade da traballadora para o desempeño do seu posto de traballo, idoneidade que xa era coñecida sobradamente pola Administración”.
O TSXG pon o foco na cláusula de período de proba que se incluíu no contrato, da que di que “non pode senón reputarse como nula, pois a actora xa prestara servizos para a demandada en dez ocasións anteriores e coas mesmas funcións profesionais. De aí que o cesamento producido con alegación de non superación do período de proba debe considerarse como un despedimento improcedente”.