A burbulla inmobiliaria que medrou e estoupou nos últimos anos da primeira década deste século provocou unha durísima crise económica e, ademais, deixou unha importante pegada física en moitas localidades. Milleiros de vivendas construídas naquel tempo e que aínda hoxe permanecen baleiras, sen que os seus actuais propietarios sexan capaces de vendelas. A Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB, o coñecido como banco malo), posto en marcha para xestionar unha gran cantidade de inmobles e terreos que nalgún momento pertenceron ás entidades financeiras que tiveron que ser nacionalizadas, aínda posúe centos de milleiros de activos, vivendas perfectamente habitables en moitos casos.
Miño é un dos mellores exemplos das peores consecuencias daquela crise inmobiliaria
O Concello de Miño é un dos mellores exemplos das peores consecuencias daquela crise inmobiliaria. Contruíronse milleiros de vivendas, moitas delas aínda baleiras e, ademais, o proxecto da urbanización de Costa Anácara impulsado por Fadesa no ano 2002 acabou coa condena ao Concello de Miño de indemnizar con 25 millóns de euros aos 500 veciños afectados polas expropiacións irregulares. A localidade arrastrou durante anos unha débeda inasumible, que só puido ser resolta nos últimos meses, grazas a un acordo do Concello coa veciñanza afectada e un empréstito concedido polo Ministerio de Facenda.
As vivendas, todas sen estrear, alugaranse por un prezo entre os 160 e os 170 euros ao mes
Agora Miño vén de chegar a un acordo pioneiro coa SAREB para que o banco malo ceda 12 vivendas, que o Concello dedicará a alugueiro social, destinándoas a facilitar un fogar a persoas que non son capaces que pagar un alugueiro cos actuais prezos do mercado. Ademais, o Goberno local asegura que reservará algunha vivenda para mulleres vítimas de violencia de xénero e outros "casos urxentes". O prezo destes alugueiros moverase entre os 160 e os 170 euros ao mes.
O convenio acordado coa SAREB será debatido e aprobado este xoves no pleno municipal. As vivendas, todas sen estrear, atópanse en distintos puntos do termo municipal, aínda que algunha delas, na zona da rúa Extremeiro están situadas a carón da praia e levaban tempo á venda por un prezo que roldaba os 200.000 euros. Antes de alugalas, o Concello dotará as vivendas do mobiliario necesario.
O alcalde de Miño afirma que aínda que burbulla inmobiliaria deixou unha "parte negativa" que "aínda sufriremos durante bastantes anos", con esta medida "queremos facer virtude da necesidade e do que foi algo malo imos tentar que sexa algo positivo para o veciñanza"
O alcalde da localidade, Manuel Vázquez Faraldo (PSdeG-PSOE), destaca que aínda que burbulla inmobiliaria deixou unha "parte negativa" que "todos sufrimos e que aínda sufriremos en Miño durante bastantes anos", con esta medida "queremos facer virtude da necesidade e do que foi algo malo imos tentar que sexa algo positivo para o veciñanza", afirmou en declaracións á Cadena Ser.
Vázquez Faraldo subliña o carácter "pioneiro" do convenio e subliña que é "o primeiro acordo" acadado por un concello galego coa SAREB. "Isto é unha mostra máis das políticas sociais que está levando a cabo este goberno local, que non quere deixar a ninguén atrás", afirma o rexedor, que tamén destaca a recente posta en marcha do 'Roupeiro municipal', un espazo no que calquera persoa pode deixar a roupa que xa non utiliza para que poida despois ser distribuída entre as familias con menos recursos.