O pasado 20 de abril o Goberno central revolucionaba o panorama dos medios de comunicación públicos de todo o Estado cun duplo golpe de man: aseguraba o retorno do control gobernamental a Radio Televisión Española e abría a porta á privatización ou mesmo á desaparición das televisións e radios autonómicas. No caso das canles das autonomías, o gabinete de Mariano Rajoy está a piques de culminar o trámite parlamentario de urxencia para que os gobernos das comunidades se poidan desfacer delas, "convocando os correspondentes concursos para a adxudicación de licenzas" ou, se deciden mantelas, teñan a posiblidade de privatizar "toda a súa programación", "incluídos os servizos informativos". Poucos días antes de que as Cortes Xerais culminen a reforma -o 31 de maio- este mércores o pleno do Parlamento de Galicia votouna a instancias do BNG, que reclamaba un pronunciamento do PP a prol do mantemento da CRTVG como ente público, pero non o conseguiu.
O BNG chama a "defender con unllas e dentes" a TVG e a Radio Galega ante o proxecto do Goberno central
A través dunha proposición non de lei do deputado Bieito Lobeira os nacionalistas reclamaban o compromiso de "non aplicar na Galiza" os preceptos que aprobará o Goberno central e "defender as competencias" da Xunta neste ámbito. Tratábase, expuxo o parlamentario do Bloque ante o pleno, de "rexeitar abertamente este proxecto de lei" que, na súa opinión, é o mesmo que "defender con unllas e dentes a consideración de servizo público da TVG e da Radio Galega", impedindo "calquera proceso de privatización", moi especialmente "dos servizos informativos". "Hai comunidades dispostas a renunciar ás institucións propias e a instrumentos de seu como as televisións, mais o noso caso é diferente, somos unha nación, un pobo diferenciado" e os medios públicos "cumpren, ou deberan cumprir, unha outra función".
"Este tema en Galicia non hai lugar a formulalo", espetou o voceiro do PP no debate, Agustín Baamonde. Para o parlamentario conservador a iniciativa do BNG é "tautolóxica" e o seu partido "non quere poñer constantemente a relaidade en tea de xuízo". Os nacionalistas, asegura, "están instalados na súa propia e exclusiva realidade" pero a formación popular non se pronunciará "sobre o que é evidente". "Imos optar pola posición de voto negativo" para "non alimentar a cerimonia da confusión acerca da privatización ou non" da CRTVG xa que, subliña, "ese carácter público está garantido por unha lei de obrigado cumprimento", a pactada por PPdeG e PSdeG o pasado ano para reformar os medios públicos do país. O PP, abonda, é un "partido de amplo espectro" que non se guía polo "toque de corneta do coronel" e por iso, argumenta, malia á postura do Goberno de Rajoy "o PPdeG sempre se pronunciou de maneira contundente en favor do carácter público dos medios de comunicación de Galicia. "Somos coherentes co noso criterio", remacha.
O PP votou en contra para "non alimentar a cerimonia da confusión acerca da privatización"
Pero para Lobeira esa lei "non blinda absolutamente nada" ante os novos proxectos que chegan de Madrid, especialmente polas súas duras esixencias económicas. "Con ou sen lei autonómica, no caso de que a Televisión de Galiza e a Radio Galega incorran en desequilibrio financeiro -o Estado imporá o déficit cero-", a Xunta terá que "cortar proporcionalmente" as súas achegas económicas ao ente. Isto sucede nun contexto no que "101 dos 123 millóns de euros" do orzamento da CRTVG proceden da Xunta. Polo tanto, mantén, os medios públicos galegos poden estar en risco de supervivencia, mais aínda cando "estamos acostumados" a que os deputados galegos do PP "cheguen a Madrid e voten segundo as ordes dos seus amos". "Temos dereito a unha televisión e unha radio, aínda que non lles guste", conclúe Lobeira.