O audiovisual reivindícase como “estratéxico” e reclama as axudas ao talento nuns Mestre Mateo moi repartidos

© Academia Galega do Audiovisual

A reivindicación do audiovisual como sector estratéxico, a esixencia de que a Agadic convoque as axudas ao talento e a unidade profesional ante a crise foron os lemas constantes nunha gala dos Mestre Mateo que, na súa décima edición, quedou sen un claro triunfador ao repartir os premios de forma case democrática. Doentes e Engurras, con cinco galardóns; Matalobos, con catro, e Tralas luces e Emilia Pardo Bazán. A Condesa Rebelde, con tres, foron as producións máis galardoadas dunha cerimonia presentada pola actriz María Castro e que arrancou cun coro de nenos que, ao xeito de Oliver Twist, presentaron as primeiras ironías contra a crise. “Coñeces onde podo conseguir un traballo digno?”, “Non, eu traballo no audiovisual”, dialogaron os cativos antes de cantar e diante as gargalladas do público.

Un público que, ao longo da noite, riu coas chanzas sobre a crise de María Castro que, no medio da gala, entregoulle ao conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, unhas grandes tesoiras para facer os seus recortes

Un público que, ao longo da noite, riu coas chanzas sobre a crise de María Castro que, no medio da gala, lle entregou ao conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, unhas grandes tesoiras para facer os seus recortes. Mais a solemnidade e a seriedade tamén tiveron o seu espazo para esixir unha mellora na situación e a implicación das autoridades. Quizais a primeira en facelo con máis claridade foi Sonia Méndez, quen conseguiu o premio á mellor curta de ficción por As damas negras e reivindicou as axudas ao talento. “Tiven axuda para facer as curtametraxes. As axudas ao talento parece que están desaparecidas ou non se saben onde están. Espero que haxa máis xente que as teña despois de min”, asegurou a realizadora.

Ángel de la Cruz, ao recibir o premio ao mellor guión por Engurras, asegurou que el non tería recibido este galardón “nin o Goya en xaneiro” se non tivesen existido as liñas de axuda ao guión, ao talento e ao desenvolvemento

Sonia Méndez non foi a única en facer referencia á incerteza sobre as axudas. Ángel de la Cruz, ao recibir o premio ao mellor guión por Engurras, asegurou que el non tería recibido este galardón “nin o Goya en xaneiro” se non tivesen existido as liñas de axuda ao guión, ao talento e ao desenvolvemento. Engurras, ademais do premio ao guión, alzouse como gañadora nas categorías de música orixinal, dirección artística (compartida con Doentes), longametraxe de animación e son.

 

Sector estratéxico e unidade

Antonio Mourelos, quen recibiu o premio ao mellor actor secundario por Matalobos, subiu tamén ao escenario como presidente da Academia do Audiovisual. No seu discurso reclamou unidade ao sector nestes tempos de crise. “Queremos apelar á unidade do sector, un sector de enorme potencial, para crear imaxinario e espallalo, pero tamén para crear emprego. É dicir, colaborar para saír da crise”, asegurou Mourelos, quen ao recibir o premio ao intérprete secundario, lembrou que “o galego era a súa gran ferramenta de traballo”.

“Queremos apelar á unidade do sector, un sector de enorme potencial, para crear imaxinario e espallalo, pero tamén para crear emprego. É dicir, colaborar para saír da crise”

Pola súa banda, a produtora Dolores Ben insistiu, no seu discurso ao recoller o Premio de Honra Fernando Rey, en que o audiovisual é un sector estratéxico. “Somos un sector estratéxico e precisamos unha estratexia realizada con consenso entre a administración e o sector”, explicou emocionada Ben, quen engadiu que estaba orgullosa “dun sector que axuda a facer país”.

 

“Roberto Vidal Bolaño é un firme candidato ás Letras Galegas. É un fundador das artes escénicas”, asegurou Morris

Roberto Vidal Bolaño e as Letras Galegas

Doentes recibiu cinco galardóns (dirección de produción, fotografía, dirección artística, mellor actor e longametraxe de ficción) e a figura de Vidal Bolaño, autor do texto, estivo presente na cerimonia. Foi Antonio Durán Morris, quen gañou o premio á mellor interpretación masculina, quen homenaxeou o dramaturgo no décimo aniversario da súa morte. “Roberto Vidal Bolaño é un firme candidato ás Letras Galegas. É un fundador das artes escénicas”, asegurou Morris, quen tamén tivo palabras de cariño para o deán da Catedral de Santiago, José María Díaz. “Agradecémoslle moito ao deán a súa colaboración, que non nos deixou nin rodar nos tellados da catedral nin en toda arquidiocese. Moitas grazas”, soltou o intérprete, quen tamén mandou unha mensaxe clara á administración. “Non somos o problema, somos parte da solución. Pedimos unha política cultural axeitada”, dixo entre aplausos.

 

“O traballo debe estar fóra de Galicia”

Varios dos premiados, sobre todo nos apartados técnicos, non puideron recoller os seus premios por non atoparse en Galicia. “Debe ser que o traballo está fóra de Galicia”, explicou Antón Reixa ao recoller o premio á mellor fotografía de Doentes. Algo semellante dixera antes a produtora Zaza Ceballos ao recoller o premio en nome dunha compañeira.

Unha das primeiras en ausentarse foi Camila Bossa, quen recibiu o premio á mellor actriz secundaria por Matalobos, serie que tamén recibiu os premios á mellor serie, realización e actor secundario. A actriz Patrica Vázquez foi a encargada de ler un comunicado de Bossa, quen se amosou tamén reivindicativa. “Estase a perder riqueza na cultura, de educación, dereitos laborais. Pelexemos, a cultura é nosa. É un dereito que pagamos nós”, asegurou Bossa na voz de Patricia Vázquez.

“A crise non é para tanto. Noutras crises había banqueiros que saltaban dos edificios. Iso non pasa agora, non?”, ironizou nos primeiros minutos María Castro

Quen si estivo presente foi Sandra Sánchez, quen subiu até tres ocasións ao escenario pola súa fita Tralas Luces, que conseguiu os premios de mellor Longametraxe Documental, mellor Dirección e mellor Montaxe. O mesmo número de premios levou a telemovie Emilia Pardo Bazán. A Condesa rebelde, quen conseguiu os galardóns de vestiario, perruquería e actriz secundaria para Susana Dans. A actriz , emocionada, dedicoulle o premio a súa familia. “Nestes momentos proporcionan gran apoio... e orzamento”, asegurou.

Cun palmarés moi repartido, os Mestre Mateo transcorreron entre a reivindicación e as críticas, algunhas máis mornas ca outras, á administración pública. Non obstante, non se perdeu de vista o gran inimigo: a crise. E lembran que as houbo peores. “A crise non é para tanto. Noutras crises había banqueiros que saltaban dos edificios. Iso non pasa agora, non?”, ironizou nos primeiros minutos María Castro para insistir no lema da gala: “Crise? Quen dixo crise?”

© Academia Galega do Audiovisual
© Academia Galega do Audiovisual

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.