O director da CRTVG nega "valentía" do persoal mobilizado nos 'venres negros' e dá por "moi cumprida" a lei de medios

Persoal da CRTVG, na sede central de San Marcos no oitavo 'venres negro' Dominio Público Defende a Galega

A axenda parlamentaria adoita situar nos venres as comparecencias do director xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia na comisión da Cámara dedicada aos medios públicos. Isto provocou este 13 de xullo que, outra volta, Alfonso Sánchez Izquierdo acudise ao lexislativo cadrando cun novo 'venres negro', o oitavo no que persoal da Televisión de Galicia e da Radio Galega se mobiliza con reivindicacións como o cumprimento "íntegro" da lei de medios do ano 2011 ou a fin do que, afirman, é un control gobernamental da información. Fíxoo para presentar a memoria "sobre a execución da función de servizo público" da CRTVG durante o pasado ano.

Nos dous meses que xa duran as protestas con este formato -centrais sindicais e comité intercentros xa desenvolveran diversas accións anteriormente-, persoal que participa delas vén alertando dun "crecente mal clima laboral que está a xerar a dirección" precisamente, polas propias mobilizacións e a súa transcendencia pública, especialmente intensa dende que os dous presentadores do Telexornal Serán anunciaron a súa renuncia a continuar conducindo este espazo na vindeira tempada como mostra de discrepancia co devandito control informativo. Todas estas circunstancias foron reprochadas dende as bancadas da oposición a Sánchez Izquierdo, que novamente restou relevancia ás reivindicacións e deu a lei por amplamente cumprida.

Traballadoras da TVG e da Radio Galega en Ourense, durante o oitavo 'venres negro' / Defende a Galega

Persoal dos medios públicos mobilízase no seu oitavo 'venres negro'

Despois de que, no nome do BNG, a deputada Noa Presas subliñase os 'venres negros' como un exercicio de "valentía" do persoal que os secunda, o director xeral amosouse especialmente contrariado. "Pero vamos, valentía; valentía?", preguntouse. "Non", resolveu a continuación. Se acaso, asegura, tratarase da "expresión pura e democrática" dunha reivindicación que, ao seu xuízo, é "respectada absolutamente" dende a dirección da empresa pública. "Pero, valentía? Por favor; eu si que podería falarlles de valentía noutras circunstancias históricas". "Valentía, por suposto que si", retrucou Presas, quen lembra que "non todos os traballadores son fixos" e "aínda que non te poidan despedir, hai moitos outros mecanismos para ter consecuencias" por estas mobilizacións. Tamén o persoal mobilizado manifestou o seu rexeitamento ás verbas do director xeral nas horas seguintes ao debate.

Sánchez Izquierdo: "Valentía? Por favor! Eu si que podería falarlles de valentía noutras circunstancias históricas"

Tamén discrepa o director xeral do xuízo da parlamentaria do Bloque a respecto da "dimisión" dos condutores do Telexornal Serán, Tati Moyano e Alfonso Hermida. "Permítanme un mínimo rigor conceptual", apelou Sánchez Izquierdo. "Non dimiten, poden renunciar ás súas tarefas, pero non dimiten" e ademais "eses ambos traballadores seguen na súa tarefa a data de hoxe". Ambos anunciaran que así o farían ata despois do verán.

Unha lei de medios "moi cumprida"

Traballadoras de produción e redacción de programas, no oitavo venres negro / Defende a Galega

O director xeral admite que aínda non foi creado o Consello de Informativos contemplado na lei, se ben advirte de que "non é o bálsamo que vaia garantir a calidade"

Tanto Presas como Ánxeles Cuña, de En Marea, e mais Luis Álvarez, do PSdeG, aludiron nas súas intervencións á necesidade de que, como pide o persoal mobilizado, a lei de medios do ano 2011 sexa cumprida integramente e, nomeadamente, sexan aplicados preceptos do texto como a aprobación do Estatuto Profesional e a posta en marcha dos Consellos de Informativos. "Dá a sensación de que unha lei que non se cumpre", pero "é unha lei moi cumprida" agás "tres aspectos clave" dos que só un é responsabilidade súa, di, a aplicación da figura do contrato-programa, atrasada por cuestións fiscais, alude. Tanto o Estatuto como o Consello, resalta, é competencia do consello de administración e en calquera caso, advirte, o Consello de Informativos "non é o bálsamo que vaia garantir a calidade dos contidos" dos Telexornais. Así e todo, admite concordar con que "é posible outra televisión".

Sánchez Izquierdo ofreceu a súa visión da compañía nun contexto no que, novamente, a oposición o acusou de avalar a inxerencia do Goberno galego e o escoramento da liña informativa prol do PP. Esta a cusación foi rexeitada tanto pola voceira popular na comisión, María Antón, como polo propio director xeral, aludindo a Televisión Española, onde según Sánchez Izquierdo se "albiscan" uns "pasos certamente inquietantes". Este venres, precisamente, o persoal de RTVE mobilízase no que polo momento será o seu último 'venres negro' ao estar xa fixado o prazo para a renovación dos órganos da compañía por concurso público. 

Presas (BNG), lembra cando o PP reclamou en 2006 un listado de participantes no desaparecido faladoiro 'Hai Debate!': "Alguén imaxina un debate coma ese na CRTVG en 2018?", pregúntase

Antón aludiu tamén -como fixo Feijóo esta mesma semana- á etapa do Goberno de PSdeG e BNG como exemplo de manipulación informativa. A nacionalista Presas retrucou a esa alusión co "exemplo" dunha resposta escrita da CRTVG no ano 2006, co bipartito na Xunta, na que "o Goberno contestaba ao señor Diego Calvo", actual vicepresidente do Parlamento polo PP, que reclamara unha relación completa de persoas participantes no desaparecido faladoiro Hai Debate!, un coloquio en prime time sobre temas de actualidade. "Alguén imaxina que en 2018 poida haber na CRTVG un debate cun membro do Goberno, forzas da oposición e representantes sindicais, e ademais con público?", cuestionou. "O pasado está aí e co tempo -afirma- poderemos facer memoria do que era un compromiso coas liberdades democráticas" fronte ao actual "dexenere", afirma. 

Persoal de edición de vídeo da CRTVG, no inicio do oitavo venres negro / Defende a Galega

Sánchez Izquierdo, durante a comisión de control da CRTVG deste 13 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.