O PP, que pode bloquear calquera proposta, vén xustificando que Feijóo só comparecese unha vez desde o principio da crise
Os catro grupos parlamentarios da oposición veñen de formular unha proposta conxunta de reactivación parcial da actividade parlamentaria mentres non se celebren as eleccións galegas. Desde a súa convocatoria o pasado febreiro, despois frustrada polo coronavirus, a Cámara está disolta e nela só opera a deputación permanente, órgano con funcións reducidas e controlado polo PP no que agora a oposición quere aumentar a súa actividade con comparecencias semanais do presidente Feijóo e dun conselleiro mentres dure o estado de alarma e posteriormente con maior cadencia. A proposta, que se ampara no aval do servizo xurídico do Parlamento a que a oposición poida seguir controlando o Goberno, queda en mans da maioría absoluta dos populares que lles dá capacidade de veto na deputación permanente.
O acordo, que lle foi avanzado este domingo ao presidente Feijóo feito público este luns por PSdeG, Galicia en Común-Anova-Mareas, BNG e Grupo Mixto, formado este último por En Marea, contempla dúas fases: mentres dure o estado de alarma ditado polo Goberno central e a emerxencia sanitaria decretada pola Xunta, e unha vez superadas esas dúas situacións e ata a celebración das eleccións. Nas dúas fases a proposta contempla reunións semanais da deputación permanente, na primeira con comparecencias semanais do presidente e dun conselleiro ou conselleira “por acordo dos grupos parlamentarios” e na segunda fase con comparecencias de Feijóo cada dúas semanas e dun conselleiro ou conselleira nas semanas intermedias.
O servizo xurídico do Parlamento condicionou a ampliación das funcións da deputación permanente ao "consenso das forzas políticas"
Para a primeira fase mentres dure o estado de alarma a oposición propón tamén que cada grupo poida formular cada semana unha proposición non de lei, proposta de tipo político do Parlamento ao Goberno que non ten carácter executivo. Durante a segunda fase ademais desa proposición non de lei semanal por grupo tamén habería tres interpelacións a outros tantos conselleiros ou conselleiras que darían lugar a mocións posteriores co mesmo carácter non executivo. Ademais, nesa segunda fase habería nove preguntas por sesión aos membros do Goberno galego -tipo de cuestionamento máis breve que as interpelacións- que se repartirían entre os grupos políticos segundo os criterios establecidos para os períodos ordinarios do Parlamento.
A proposta conxunta da oposición para ampliar a actividade da Cámara prodúcese despois de que o servizo xurídico do Parlamento avalase hai dez días que se poidan ampliar as súas funcións, especialmente as de control a través de preguntas ao Goberno, durante este período extraordinario. Porén, o informe xurídico condicionaba ao "consenso das forzas políticas" a presentación de iniciativas como as proposicións non de lei" das que subliñaba que facilitan o "debido e efectivo control e impulso da actividade do Goberno ata que se constitúa a nova Cámara galega".
Tanto Feijóo como o conselleiro de Sanidade só compareceron unha vez no Parlamento en máis de mes e medio desde o inicio da crise sanitaria
Con eses condicionantes, é a maioría absoluta do PP, que controla a deputación permanente, a que decidirá sobre o que se faga. Ata o momento os populares veñen xustificando que a Xunta está a dar sobrada conta da súa actuación argumentando que outros gobernos autonómicos comparecen menos nas súas respectivas cámaras malia que só a galega e a vasca están disoltas tras convocarse eleccións. Feijóo de momento compareceu unha única vez, o 26 de marzo, e hai uns días anunciou que o volverá facer unha segunda antes de que remate abril. Tamén o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu nunha única ocasión, o pasado mércores, seis semanas despois do inicio da crise.
Feijóo tamén ten nas súas mans a decisión sobre a data na que se celebrarán as eleccións unha vez que o Goberno central levante o estado de alarma. Así o establece o decreto que desconvocou os comicios previstos inicialmente para o 5 de abril, que se limita a establecer que a nova chamada ás urnas realizarase "no prazo máis breve posible" cando estea "levantada a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria", esta última competencia do propio Goberno galego.