A medida non afecta aos traballadores transfronteirizos como os que se desprazan entre Galicia e Portugal, pero Interior prorroga outros dez días as restricións na raia
O Ministerio de Sanidade vén de establecer este martes no BOE a obriga de que, a partir deste venres día 15 de maio, todas as persoas que cheguen do estranxeiro deberán gardar 14 días de corentena polo coronavirus. Ata agora viñan decidíndose corentenas de xeito individual para colectivos de persoas repatriadas, pero agora a medida será xeral, aínda que non afectará aos traballadores transfronteirizos como os que a diario se desprazan entre Galicia e Portugal nin aos transportistas.
Durante a corentena, as persoas sometidas a ela deberán permanecer no domicilio ou aloxamento salvo para a adquisición de alimentos, medicamentos ou produtos de primeira necesidade, para recibir asistencia sanitaria ou por causas de forza maior, e todos os desprazamentos realizaranse con máscara. As autoridades sanitarias poderán contactar coas persoas en corentena para seguir a súa evolución e estas están obrigadas a contactar cos servizos sanitarios en caso de presentar síntomas.
O Ministerio de Sanidade establece que as axencias de viaxe ou compañías de transporte deberán informar aos seus viaxeiros da existencia da corentena antes de venderlles billetes con destino a territorio español e no caso das aeroliñas deberán facilitar un formulario de saúde pública para que o Estado poida localizar posteriormente a eses pasaxeiros.
Traballadores da raia reclaman a apertura de máis pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal que eviten desprazamentos de moitos máis quilómetros para cruzar polos dous únicos habilitados
A medida sinala expresamente que non é de aplicación para os traballadores transfronteirizos, como os que a diario se desprazan entre Galicia e Portugal. Porén, ese colectivo, e os concellos da ria máis afectados, veñen reclamando nos últimos días que se faciliten os seus desprazamentos, notablemente restrinxidos ao reducir Madrid e Lisboa a só dous os pasos fronteirizos, entre Tui e Valença e entre Verín e Chaves, o que obriga ás persoas que antes podían cruzar por outros moitos lugares a ter que realizar moitos máis quilómetros nos seus desprazamentos. Tras o peche inicial de fronteiras e a súa restricións a só nove pasos entre España e Portugal, o 30 de abril habilitouse un novo paso entre a localidade portuguesa de Mourão e Estremadura.
Este mesmo martes o Ministerio do Interior publica tamén no BOE a ampliación por outros dez días, como vén facendo desde o inicio do estado de alarma, dos controis e restricións fronteirizas de entrada ata as 0 horas do 24 de maio. A mesma medida en vigor en Portugal remata este xoves 14, pero Goberno portugués xa avanzou que prevé prorrogala. O Goberno de Portugal tamén di estar traballando para que as posibles restricións que sigan a existir non afecten aos numerosos emigrantes portugueses en toda Europa que cada verán volven ao seu país, moitos deles atravesando Galicia.