O Sergas suma 27 novos positivos por coronavirus, coa peor evolución na área da Coruña

A variación de casos "activos" pode resultar enganosa se non se observa xunto ao número de novos positivos por COVID-19 CC-BY Imaxe ao microscopio: NIAID | Montaxe: Praza Pública

A pandemia do coronavirus tende a empeorar en Galicia por mor dos brotes detectados nas últimas semanas en diferentes puntos do país. Faino, non obstante, a un ritmo moito menor que o explosivo incremento do pasado mes de marzo e lonxe dos niveis de incremento doutros puntos do Estado, atendendo aos datos divulgados polo Servizo Galego de Saúde e coa perspectiva, tamén, da información do Ministerio de Sanidade.

Este 4 de agosto a Consellería de Sanidade informa de que "Galicia rexistra un total de 375 casos activos por coronavirus" (+16) e que a cifra que a Xunta denomina como "curacións" -que inclúe positivos en test de anticorpos sen síntomas- chega a 11.318 (+11). Aínda que o Goberno galego segue sen informar do número novo de casos, a partir destas cifras é posible calcular que son 27. A peor evolución segue, segundo estas cifras, na área sanitaria da Coruña.

A evolución dos "positivos activos", que aumentan por duodécimo día consecutivo en Galicia, pode ser enganosa se non se observa xunto ás cifras de novos casos, que agora roldan a trintena en cada xornada

Estes números implican que o indicador de referencia da Xunta, os "positivos activos", aumenta por duodécimo día consecutivo. Non obstante, esta cifra pode ser enganosa se non se observa xunto á de novos casos notificados cada día, toda vez que a súa evolución depende tamén do número de altas que a Xunta sume cada día -e de falecementos, se os houber, o cal non sucede dende o 11 de xuño-, as cales tardan unhas dúas semanas, como mínimo, en producirse dende cada diagnóstico.

Este segundo indicador, o de casos novos, pasou dunha media dunha decena de novos positivos cada tres días na fin do estado de alarma a unha vintena durante boa parte de xullo e a máis dunha trintena neste comezo de agosto. Unha evolución á alza, pero relativamente contida, que é máis ilustrativa sobre a evolución da pandemia que só a variación do número de "positivos activos". No gráfico baixo estas liñas comparamos ambos:

Mentres, segundo o parte do Ministerio de Sanidade para este martes, 4 de xullo, os casos diagnosticados o día previo en Galicia foron 36. A diferenza de cifras pode ter, como adoito, dúas causas: que ambos partes son pechados a horas diferentes e que, ademais, os datos do Ministerio non contabilizan positivos en test de anticorpos sen síntomas. A serie estatal, non obstante, permanece en revisión durante uns días, ata que cada caso é situado na data estimada de inicio de síntomas, momento no que os datos son incorporados á serie estatística do Instituto de Salud Carlos III, a única pública para Galicia en ausencia dunha do Sergas.

O incremento no número de novos casos percíbese tamén nas hospitalizacións, lonxe das peores cifras da pandemia pero peor que en boa parte de xuño e todo xullo. Este martes o número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 en Galicia son 17, segundo o Sergas, dúas delas na UCI. Cómpre ter en conta que as persoas ingresadas con test positivo deixan de figurar no cómputo de hospitalizacións que cada día ofrece a Xunta cando pasan a dar negativo, aínda que sigan ingresadas por non estaren completamente recuperadas.

O número de persoas hospitalizadas son agora 17 e a peor evolución xeral é a da área sanitaria da Coruña, que sumou máis dun cento de "positivos activos" en apenas dúas semanas

Malia ás limitacións da información divulgada polo Sergas, que continúa sen facer pública unha serie completa e aberta da evolución da pandemia en Galicia malia dispoñer dela, si é posible afirmar que a peor evolución segue estando na área da Coruña, condicionada polo brote xurdido en torno a un ximnasio de Meicende (Arteixo). Esta área sanitaria suma 7 "positivos activos", polo que ten cando menos sete casos novos -serían máis se algunha das 11 altas se rexistrase nesa área, aspecto que Sanidade non aclara- mentres na de Vigo aumentan en 3, en dous nas de Santiago e Ourense e nun, na de Pontevedra.

Deste xeito, mentres o brote da Mariña continúa a remitir, baixando a curva da área sanitaria de Lugo tras disparala en xullo, a área coruñesa sumou máis dun cento de casos en apenas dúas semanas, retornando a niveis de principios de xuño. Mentres, a área viguesa tamén traza unha tendencia á alza, pero menos intensa que a da Coruña.

Peor que en xuño, mellor que en marzo ou abril

Os picos rexistrados dende a fin do estado de alarma non superaron ata agora o medio cento de novos positivos nun día mentres Galicia xa acumula máis de 50 xornadas sen mortes ligadas á pandemia

Á espera da evolución do brote da Coruña e dos que poidan xurdir nas vindeiras semanas, a perspectiva das cifras de novos positivos da COVID-19 detectados en Galicia nestes meses de xullo e agosto ratifica a tendencia a un relativo empeoramento a respecto de xuño, pero en niveis moi afastados dos do que ata agora foi o pico da pandemia. Así, os picos diarios rexistrados ata agora aínda non superaron o medio cento de novos positivos diarios, mentres que en maio aínda houbera xornadas de máis de 100 e en abril, de máis de 200, sempre segundo os datos calculados a partir dos comunicados do Sergas, que non ofrece datos abertos.

A limitada información da Consellería de Sanidade complétase con outras fontes dependentes do Ministerio, como o Instituto de Salud Carlos III, que indican que ata seis de cada dez novos casos detectados en Galicia son pacientes sen síntomas. Outra diferenza clave son os falecementos: Galicia transita polo período máis prolongado sen notificación de mortes ligadas á pandemia, máis de 50 días que manteñen a cifra en 619, tanto segundo o Sergas como atendendo á información do Ministerio.

Todo isto prodúcese mentres, nos últimos días, o número de probas PCR realizadas polo Sergas volve descender e móvese na contorna das mil diarias (931 na última xornada). Nos días do brote da Mariña, Sanidade chegou a realizar máis de 3.000 ao día, un nivel semellante ao do pico da pandemia. O total destas probas, segundo o Sergas, chega agora a 255.305.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.