Modérase o aumento de novos casos de coronavirus na última xornada pero as hospitalizacións soben un 15%

CC-BY-SA Praza Pública

O Sergas suma 203 novos positivos en toda Galicia, un cento menos que os incorporados a diario durante a pasada fin de semana

Un novo falecemento, ata un total de 644, e 203 novos casos rexistrados de coronavirus son as principais cifras da última xornada da pandemia en Galicia, na que o Sergas reflicte unha moderación a respecto dos máis de 300 novos casos que se rexistraron durante tres días consecutivos da pasada fin de semana. Porén, no último día a Xunta informa dun aumento dun 15% dos casos hospitalizados en planta, que pasan dos 124 comunicados o luns aos 143 comunicados o martes, mentres que a persoas que requiren de coidados intensivos mantéñense en 17.

A moderación nas cifras de aumento de novos casos vai parella cunha similar redución no número de probas PCR realizadas. Se o sábado o Sergas chegou a comunicar o récord de realización de máis de 5.000 probas na xornada anterior, e con cinco días consecutivos coa cifra superando as 4.000, este luns comunicáronse 3.751 PCR e este martes só 3.652.

As hospitalizacións en planta aumentan de 124 a 143 en toda Galicia e de 68 a 73 na área da Coruña

Segundo os datos divulgados pola Xunta, a moderación no aumento dos novos casos non só se rexistra no global de Galicia senón tamén no brote da área da Coruña, onde na última xornada só se sumaron 66 novos positivos, fronte aos máis dun cento que se rexistraron en varias xornadas das semanas anteriores. Porén, tamén nesa área sanitaria se produce un aumento das hospitalizacións en planta, das 68 do luns a 73 o martes.

As áreas de Lugo e Santiago seguen cun ritmo similar de aumento de casos activos, mentres que a de Ourense estabilízase na última xornada

No resto de áreas sanitarias, Lugo e Santiago seguen cun ritmo similar de aumento de casos activos, mentres que a de Ourense estabilízase na última xornada. E nas residencias continúa igualmente a aparición de novos casos en centros nos que en días anteriores se detectaran positivos entre o persoal e que non foron quen de controlar a expansión do virus.

Nos centros de maiores seguen aparecendo novos casos entre persoas usuarias das residencias DomusVi de Outeiro de Rei e Lalín e da Orpea de Culleredo

Este martes a Xunta suma outros 21 casos entre persoas usuarias da residencia DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, ata un total de 39 xa contaxiados, o que a sitúa como a segunda en peor situación, tras a do Incio que mantén os mesmo 89 casos activos que un día antes. Tamén na residencia Orpea de Culleredo súmanse 6 novos casos entre usuarios, ata un total de 33, e o mesmo sucede coa DomusVi de Lalín, cun novo caso ata sumar 3. En total, esas catro residencias con casos entre os usuarios suman 164 persoas afectadas, ás que hai que engadir 54 traballadores de 18 centros de maiores e discapacidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.