A Xunta suma a Castela e León, Illes Balears e La Rioja á lista de territorios con control de viaxeiros

A obriga de comunicar a chegada a Galicia atinxe turistas, pero tamén a persoas que viaxen por calquera outro motivo CC-BY-NC-SA Praza Pública

Sanidade volve mudar o criterio para identificar os lugares, algúns dos cales teñen agora unha incidencia da enfermidade nas dúas últimas semanas moito máis próxima á galega

Castela e León, Illes Balears e La Rioja veñen de sumarse, a través dun Diario Oficial de Galicia extraordinario publicado na tarde deste xoves, ao listado de territorios que a Xunta considera con “alta incidencia da COVID-19”, o que obriga ás persoas que cheguen desde eles a comunicalo formalmente. Na lista permanecen as comunidades de Aragón, Madrid, Euskadi e Navarra.

A nivel internacional, na lista de obrigada declaración entran Andorra e Xibraltar, que se suman a Kosovo e Acerbaixán, mentres que queda fóra o resto de Europa. En América, os principais países exentos son Estados Unidos, México, Canada ou Uruguai, e a gran maioría do resto están incluídos na lista, ao igual que a totalidade de África.

Límite entre Galicia e Castela e León na A-52 © Google

Para determinar que un territorio é de "alta incidencia da COVID-19" xa non se compara coa situación actual de Galicia senón cunha cifra fixa de hai dúas semanas

A nova lista, que a Xunta actualiza cada dúas semanas, volve mudar o criterio empregado polo Goberno galego para definir un territorio como de “alta incidencia”. Na primeira ocasión que estableceu a obriga de comunicar as viaxes, o 28 de xullo, a Xunta elixiu como criterio que o territorio non fose fiable ou non tivese datos sobre a pandemia ou que tivese unha incidencia acumulada da enfermidade nos 14 días anteriores 3,5 veces superior á galega, empregando como referencia os datos oficiais de catro días antes, o que deixou a Madrid fóra da lista por moi pouco.

A Xunta revisou a lista o 5 de agosto e pasou a empregar os datos do día anterior e elevou o criterio a que a incidencia fose 4 veces superior á galega.

O 19 de agosto chegou unha nova revisión e a Xunta mantivo o criterio de que a incidencia fose 4 veces superior á galega pero colleu os datos oficiais de dous días antes.

E agora na nova revisión a Xunta xa non compara a situación actual de Galicia coa resto de territorios no mesmo momento senón que estes son elixidos en función dunha taxa fixa, a que se obtivo hai dúas semanas (o 17 de agosto, que serviu para calcular a revisión da lista daquel momento) co criterio das catro veces a incidencia en Galicia daquela, que era 50,42 e que multiplicada por catro supuña unha incidencia límite para entrar na lista da Xunta de 201,68. Pero esa cifra obtida hai dúas semanas da multiplicación por catro da incidencia galega aplícase aos datos do resto de territorios do pasado martes, o 1 de setembro

Se antes entraban na lista de obrigada declaración territorios con catro veces máis incidencia que Galicia, agora fano algúns con só dúas veces máis incidencia

Agora Galicia xa ten unha incidencia acumulada superior a 120, e co novo criterio entran na lista de declaración obrigatoria territorios como Castela e León cunha cifra actual de 217, menos do dobre que a galega, fronte ás catro veces máis que se esixían antes. En Castela e León hai lugares cunha incidencia superior, pero a decisión da Xunta de tomar como referencia territorial a comunidade autónoma é a que dá pé a esa situación.

"Na determinación dos territorios que se realiza na presente resolución mantense o criterio de incluír aqueles países e territorios cunha incidencia acumulada (IA) de casos de COVID-19 por 100.000 habitantes nos últimos 14 días superior á taxa de 201,68, que se tivo en conta na Resolución do 19 de agosto de 2020, de acordo cos datos do Informe do 1 de setembro de 2020, do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade", di textualmente o DOG deste xoves.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.