Sanidade di que “non se pode falar aínda de normalización epidemiolóxica” pero na comarca lucense “non semella ser diferente doutras zonas de Galicia”
Case dous meses despois de implantar a finais de xuño na Mariña as primeiras restricións específicas polo brote de coronavirus alí rexistrado, a Xunta dáo por “controlado” e iguala as medidas da comarca coas da maioría de Galicia. Así o establece nunha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicada a última hora deste mércores na que se fan oficiais os acordos adoptados na reunión de seguimento celebrada poucas horas antes, na que tamén se decidiu prorrogar as medidas xa acordadas para a área da Coruña sen introducir novas restricións e modificar a lista de territorios con control de viaxeiros á súa chegada a Galicia para deixar fóra dela a Catalunya e á inmensa maioría dos países europeos.
Na Orde da Consellería de Sanidade pola que se levantan as medidas específicas para A Mariña, a Xunta considera que o brote “pode darse por controlado neste momento”. O Goberno galego di que “a presenza de casos activos e contactos en seguimento da zona fai que non se poida falar aínda de normalización epidemiolóxica”, pero matiza que “non obstante, esta situación non semella ser diferente doutras zonas de Galicia, coa excepción da comarca da Coruña”. Sanidade tamén sinala que as últimas restricións específicas que quedaban en vigor na Mariña, en especial as referidas á hostalaría e o ocio nocturno, veñen de ser superadas polas restricións xerais establecidas a nivel estatal.
Na lista de control de viaxeiros permanecen Aragón, Madrid, Euskadi e Navarra, e ademais da gran maioría de Europa tamén quedan fóra Bolivia, Costa Rica ou México
No mesmo DOG extraordinario Sanidade tamén publica unha Resolución pola que actualiza o listado de territorios considerados con “alta incidencia da COVID-19”, o que obriga ás persoas que cheguen a Galicia desde eles a comunicalo formalmente. A nivel estatal da lista sae Catalunya, quedando nela Aragón, Madrid, Euskadi e Navarra. Nesta actualización, como na anterior hai dúas semanas, a Xunta emprega como criterio que os territorios teñan unha incidencia acumulada de casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días catro veces superior á de Galicia, fronte ao criterio de 3,5 veces empregado para a primeira lista hai catro semanas.
Da nova lista tamén saen outros 14 territorios de Europa, quedando nela no continente só Acerbaixán, Illas Feroe e Kosovo. De América, saen da lista Bolivia, Costa Rica ou México.
Na Coruña prorróganse as medidas porque segue haber "transmisión comunitaria de intensidade descoñecida" pero “a incidencia acumulada nos últimos tres días presenta unha mellora”
O DOG extraordinario tamén prorroga as restricións establecidas para a área da Coruña sinalando que “confírmase o incremento dos casos e taxas de infección na comarca da Coruña iniciado o día 6 de agosto e que motivou a adopción das medidas extraordinarias postas en marcha o día 7”. A Orde reitera que “o aumento de cadeas de transmisión independentes e a porcentaxe de casos orfos da comarca sinala que existe transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida”, pero matiza, como salientou este mércores o presidente Feijóo, que “a incidencia acumulada nos últimos tres días presenta unha mellora”.
Ante esa situación e o establecemento a nivel estatal de novas restricións xerais máis estritas para sectores como a hostalaría e o ocio nocturno, a Xunta decide prorrogar as restricións específicas que xa estaban en vigor na área Coruñesa.