Os novos casos rexistrados de coronavirus na última xornada volven superar os 300 despois de tres días por baixo

CC-BY-SA Praza Pública

Tres novas mortes fan que Galicia acumule unha media de máis dun falecemento ao día desde que o 8 de agosto volveron rexistrase decesos, 32 neste tempo

Despois de tres días con menos de 300 novos casos diarios sumados ao rexistro oficial no global de Galicia, os datos da Xunta deste xoves engaden outros 307 na última xornada, volvendo así ás cifras da pasada fin de semana. Ademais, tres novas mortes na última xornada fan que Galicia acumule unha media de máis dun falecemento ao día desde que o 8 de agosto volveron rexistrase decesos, 32 neste tempo para un total de 651 desde o comezo da pandemia.

Segundo as cifras do Sergas, os casos positivos activos achéganse actualmente aos 4.000, máis de 1.400 na área sanitaria da Coruña, onde na última xornada tamén volven medrar os novos casos rexistrados, un cento máis tras varios días moi por baixo desa cifra. 

Con altibaixos, a última semana presenta unha media duns 270 novos casos diarios

O aumento de casos da última xornada, a baixada das tres anteriores e as cifras elevadas previas poden contextualizarse mellor mirando a gráfica da media de casos nos últimos sete días, que sintetiza os altibaixos. Os arredor de 270 casos diarios de media que sinala ese valor sitúanse en cifras do confinamento.

Tamén continúan na última xornada os novos positivos entre usuarios de residencias de maiores que nas últimas semanas rexistraron gromos. É o caso de tres novos positivos na residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei e un máis na de Oleiros. En total, son 166 os usuarios afectados nese tipo de centros, cifra que non aumenta máis porque nas últimas xornadas se produciron varias mortes, elevando a 186 as persoas residentes falecidas desde o comezo da pandemia. Ademais, nos centros de discapacidade hai dous usuarios afectados na Residencia Ricardo Baro de Aspronaga (Oleiros).

Tamén altibaixos hai nas probas PCR diarias, pero cunha tendencia á alza

Tamén alzas e baixas están a rexistrarse no número de probas PCR realizadas, con novamente máis de 5.000 na última xornada tras caer a menos de 4.000 ao comezo da semana, pero cunha tendencia clara á alza.

Por áreas sanitarias, A Coruña suma un cento de novos casos tras varios días con cifras inferiores, mentres Lugo modera o aumento de casos activos

Por áreas sanitarias, ademais do novo aumento de casos activos na Coruña, cun cento de novos casos rexistrados na última xornada e tras o descenso do día previo no total de activos polo elevado número de altas, a gráfica reflicte unha certa moderación do crecemento en Lugo, mentres que Vigo suma 33 novos casos activos nunha soa xornada.

Canto ao tipo de asistencia que requiren as persoas afectadas, apenas hai variación a respecto do día previo, cun caso máis en UCI (15) e 3 máis en planta (159), ata un total de 174 persoas hospitalizadas, das que 71 están na área da Coruña (5 en UCI e 66 en planta).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.