Internet no rural. HTTP 404 Filgueira

Da Cima do Alle ao Fondo do Alle en Filgueira baixeille eu en tres minutos de reloxo, nos meus tempos de teenager, por entre os toxos e sen tirar do travón de freo da bicicleta, cal Emperatriz Furiosa, para rematar na casa de Doña Soledad enzoufado en Betadine.

Este foi o meu modesto récord na parroquia de Filgueira, e parece que a miña fazaña fachendea hoxe, por mor dos problemas coa velocidade de conexión dos veciños do Alle, perante a rapidez de moitos servizos web ao intentar conectar reiteradas veces sobre contratos de banda ancha incumpridos. Ou, relambéndome,  corrixamos  “velocidade” que ben acae ao marketing das nosas empresas de Teleco ou á miña anécdota e falemos da súa paupérrima capacidade de transmisión de datos.

A compañía non se esquece de aplicar subas tarifarias até chegar aos 65 € mensuais cando miden  por momentos 0.01MB nos seus PCs baixo o teórico 1MB de umbral mínimo que asegura o servizo contratado

O mes pasado, 44 veciños desta parroquia de Lalín  asinaron unha petición dirixida ao consistorio dezao, emprazado no Castro Tecnolóxico da Rúa Habana de Lalín, emblema da nova arquitectura neo-castrexa galega, instando a mediar ante Movistar por deficiencias insostíbeis no seu servizo.

Declárase que a compañía non se esquece de aplicar subas tarifarias até chegar aos 65 € mensuais cando miden  por momentos 0.01MB nos seus PCs baixo o teórico 1MB de umbral mínimo que asegura o servizo contratado.

Entre eses veciños do Alle traballa a xente de Cru, leite de produción ecolóxica, con emprego xa xerado e traballando hoxe e aquí nas nosas leiras.
Unha dificultade así non só resta competitividade e é que cando moitos dos que optan a xestores públicos priorizan o rural e convidan a consultar na web do seu partido as medidas que queren aplicar para a súa dinamización porque, ben, nese momento non lembran, nas oficinas de Cru non lles cargan no navegador.

En Nunavut, Canadá, varios veciños pensaron nun método, a machete, que require menos tempo e cartos para descargar arquivos pesados da Internet. Envialos por correo aéreo

A problemática non é local, ben o sabemos. Por exemplo en Nunavut, Canadá, varios veciños pensaron nun método, a machete, que require menos tempo e cartos para descargar arquivos pesados da Internet. Envialos por correo aéreo.

Chris Kalluk, da asociación cultural do pobo Inuit na Baía de Cambridge, ilustra así o afogo das súas infraestructuras no proceso rutinario ao actualizar a súa web corporativa. Chegaron á conclusión de que arrendando un servidor en Edmonton, aforraban cartos e paciencia se baixaban o software alí e logo llelo enviaban por carta nun USB.

Curioso cando menos pero, por suposto, podemos seguir baixando cara as profundidades. Cando nas zonas máis periféricas e empobrecidas poden pensar e acudir aos servizos de Facebook Zero, bautizado por alguna estraña razón como Internet.org, accédese a un HMI deseñado para dar a impresión dunha navegación neutral pola rede, mais atopando un fato de webs escollidas a dedo e illadas pero conectadas pola famosa rede social.

As razón da súa escolla, por suposto, opaca. Curiosa a elección de Bing como oferta de navegación cando non podes custearte unha mellor conexión. Estratexia comercial para debilitar a Google ou accionariado de Microsoft na mesa de Facebook? Servizos de búsqueda de emprego cando precisas a axuda de Facebook Zero? O descoñecido Babajob en India, fulminando ao popular Naukri.  Curioso concepto da caridade tamén cando lemos que Youtube, o infinito portal de vídeos e maior ferramenta de aprendizaxe da rede, non aparece pero os vídeos de Facebook cargan a alta resolución.

Cada pobo e cada contexto loita de diferentes xeitos contra eles na súa condición de periferia, por moito que esta tecnoloxía abaratara enormemente os seus custes de instalación

Éche todo unha movida. De como moitos de nós levamos quince anos na Internet e vemos reflectidos os vicios da corrupción sobre o sono tecnolóxico dos nosos tempos. E cada pobo e cada contexto loita de diferentes xeitos contra eles na súa condición de periferia, por moito que esta tecnoloxía abaratara enormemente os seus custes de instalación.

Pero sendo agudos, para enzoufarnos nos problemas dos noso veciños de Filgueira, en rede co rural deste país desatendido nas infraestruturas de conectividade pública, vémonos cando vos preste no grupo de Enerxía e Tecnoloxía do Naranxo, os sábados, á hora do café, 16:00, na cunqueicaría da Praza da Vila de Lalín.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.