"O Goberno galego e o Ministerio de Industria investirán case 100 millóns de euros no desenvolvemento de infraestruturas de telecomunicacións (...), o convenio autorizado permitirá sufragar o despregue dunha rede de acceso a Internet de banda larga en Galicia por importe de case 94 millóns de euros". O 9 de outubro de 2008 o Consello da Xunta, presidido por Emilio Pérez Touriño, daba luz verde á Consellería de Innovación e Industria, daquela dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, para asinar unha engádega ao convenio subscrito dous anos antes co Ministerio de Industria dentro do chamado Plan Avanza. O acordo traía consigo 99,9 millóns, dos que 98,9 eran achegados polo Estado en forma de empréstito ao 0% e, anunciaba a Xunta, estarían destinados na súa práctica totalidade -94 millóns- a despregar "unha rede de acceso a internet de banda larga".
O bipartito negociou co Estado un empréstito "a interese cero e a pagar en vinte anos"
Algo máis dun ano despois, a comezos de 2010, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, con dependencia directa da Presidencia da Xunta, anunciaba a posta en marcha do Plan de Banda Larga 2010-2013. Baixo o lema "a chave da Galicia do futuro", o documento sinalaba que o obxectivo do Goberno era "garantir a dispoñibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade" a "todos os galegos". No apartado dedicado a explicar o orzamento do plan, a Secretaría Xeral sinalaba que "conta cun financiamento de 102 millóns de euros procedentes da Xunta de Galicia". Se ben esa aseveración non deixa de ser certa -os fondos estaban xa nese intre nas arcas da Xunta-, altos cargos do anterior Goberno confirman a Praza Pública que se trata "dos mesmos cartos" que logrou o bipartito "a interese cero e a pagar en vinte anos", aínda que o PP "asegurase ao chegar ao Goberno que xa foran gastados".
As mesmas fontes admiten que, en boa medida, o Plan de Banda Larga recolle moitas das accións previstas no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) do bipartito, que non puido desenvolver as actuacións de banda larga porque os fondos chegaron "dous meses antes das eleccións". Tras o cambio de Goberno, aseguran, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo "fixo moi pouco investimento" polo momento. Non en van, nos Orzamentos do propio 2010 non aparecía partida ningunha para a "extensión da banda larga", nos de 2011 este concepto estaba financiado con 9,3 millóns e nos de 2012 achega 12,8.
Rexeitado polo PP dende a oposición
É este Plan de Banda Larga o que levou ao presidente da Xunta o pasado luns a afirmar que "nove de cada dez galegos" teñen xa "acceso pleno a Internet", unhas cifras das que os anteriores responsables destas áreas do Goberno dubidan, se ben non negan que "algo se está a facer", tamén apoiado "nos propios tempos". A conexión a Internet era un ben de "consumo" moi necesario "para o 30% da poboación en 2007" e agora, explican, esas cifras eleváronse ata "o 60%". "Hai maior demanda" e por iso, detallan, as empresas de telecomunicacións son máis proclives a investir -sobre todo, a única operadora galega do sector, abondan-.
Neste contexto, os que foran xestores do PEGSI agardan que, "polo desenvolvemento do país", se poidan chegar a cumprir as cifras que o presidente xa dá por feitas, dado que o plan do bipartito "xa formulaba chegar ao 90% da poboación en 2010". Daquela, lembran, o PP "negábase a aprobar o plan" por non considerar real ese obxectivo. Nomeadamente, o daquela voceiro de Industria do PPdeG e actual director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, instaba a Fernando Blanco no Parlamento a "deixarse de plans", que non traían consigo máis ca "propaganda", e "presentar resultados". Nesta liña, Tahoces argumentaba que non cumpría un plan específico porque "a estratexia en materia de sociedade da información está determinada na Axenda de Lisboa" da UE. Sobre achegar a banda larga ao 90% da poboación, o popular preguntábase "por que" a Xunta "discrimina ao 10% dos cidadáns".