Os datos desmenten a Feijóo: pouco máis da metade dos galegos ten acceso a Internet

Feijóo, coa secretaria de Innovación, durante a visita a Retegal © Xoán Crespo

“O primeiro obxectivo é que o 100% dos galegos teñan acceso a banda larga; e hoxe, estamos xa no 90%". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, argumenta deste xeito que o seu Goberno está "cumprindo en prazo e forma" os obxectivos do Plan de Banda Larga. "Logramos que máis galegos teñan Internet; logramos reducir o desequilibrio territorial; e logramos mellorar o acceso nos lugares onde se prestan servizos públicos", asegurou este luns durante unha visita a Retegal, da que o propio Executivo deu conta pouco despois nun comunicado no que subliñaba que "nove de cada dez galegos" teñen xa "acceso pleno a Internet". Se ben o comunicado da Xunta se corresponde coas palabras do presidente, en ningún caso o fai cos estudos dos principais organismos estatísticos galegos e estatais e tampouco cos de organismos privados. Todos coinciden en sinalar que a posibilidade de acceso á Rede en Galicia apenas chega ao 50%.

O INE sinala que só o 53,3% dos fogares poden acceder á Rede

Da abondosa documentación estatística ao respecto a máis recente é a do INE. Os datos tirados dun amplo inquérito realizado polo ente estatal o pasado 2011 non deixan lugar á dúbida: en Galicia só o 53,3% dos fogares "dispoñen de acceso a Internet", o 51,6% de banda larga. Pero este dato medio mingua considerablemente ao ollar a situación con máis detalle. Mentres que nas grandes cidades o grao de acceso é do 60,2%, nas poboacións de entre 10.000 e 20.000 habitantes cae ao 56,9% e no rural queda nun 40,1% que se transforma nun 37,6% no caso do acceso á Rede por banda larga.

Tomando como referencia a enquisa do INE e o último dato ao respecto dispoñible no Instituto Galego de Estatística é posible afirmar que se produciron certos avances no que ao acceso a Internet en Galicia se refire pero, en todo caso, lonxe do afirmado por Feijóo. O IGE estudou esta área por última vez en 2008 e, daquela, só o 33,02% dos fogares galegos podía acceder á Rede.

Estudos de consultoras privadas

Se os datos estatísticos oficiais contradín á Xunta, os datos de organismos privados non fan o contrario. Como mostra é posible acudir a dúas prospeccións diferentes cuxos diagnósticos difiren en grao de optimismo, pero sen chegar en ningún caso ao do Goberno galego. Con datos referidos ao ano 2009, a Fundación R sinalaba que "o acceso a Internet por banda larga está a disposición dun 69,4% da poboación" unha cifra que no caso das cidades era do 83,6%. Ademais, esa mesma estatística salientaba que o 37% dos galegos non acceden nunca á Rede, nin dende a súa casa nin dende ningún outro lugar.

O estudo de Tatum sitúa a Galicia só por diante de Murcia no grao de penetración de Internet

Aínda máis lonxe do asegurado este luns por Feijóo está a investigación da consultora Tatum, elaborada a partir dos datos recollidos pola Asociación de Investigación en Medios de Comunicación (AIMC) e presentada a mediados de 2011. Segundo esa sondaxe o grao de penetración de Internet en Galicia está nun raquítico 44,3% o que a situaba no penúltimo lugar no conxunto das comunidades autónomas, só por diante de Murcia. "Se se queren evitar as fendas dixitais habería que mellorar a penetración" de Internet "sobre todo nas dúas Castelas e Galicia, xa que teñen uns crecementos anuais moi baixos", alertaba o informe.

Neste escenario, todo semella indicar que, lonxe da euforia manifestada este luns, á Xunta aínda lle queda un longo camiño por percorrer ata lograr o obxectivo enunciado polo propio Feijóo: "que a tecnoloxía se considere un servizo público do mesmo xeito que a auga ou a luz".

 

Feijóo, coa secretaria de Innovación, durante a visita a Retegal © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.