Galicia, a comunidade autónoma con menor cobertura de banda larga

Cobertura de ADSL a velocidades de máis de 10Mbps Dominio Público Praza Pública

O pasado 17 de maio, Día de Internet, a Xunta gabouse do éxito do seu Plan de Banda Larga, iniciado en 2010, destacando que un 69,1% dos fogares galegos están conectados á rede a través de banda larga, un 8% máis que en 2013, uns datos que nos deixarían a só catro puntos da media estatal, segundo as cifras do INE. Porén, o Ministerio de Industria publicou esta semana o seu Informe de cobertura de banda larga de 2015, que bota por terra o optimismo amosado pola Xunta, amosando que Galicia é a comunidade autónoma cunha menor cobertura de banda larga. A cobertura de ADSL a velocidades de cando menos 2Mbps sitúase no noso país no 68,8%, moi lonxe da media estatal (88,5%). As velocidades de máis de 10Mbps chegan ao 51%, vinte puntos por debaixo da media española.

En xeral, os datos revelados polo Informe de cobertura de banda larga de 2015 indican que a cobertura a través de todas as tecnoloxías dispoñibles crece e mellora sobre todo nas cidades, vilas e territorios máis poboados, pero estáncase nas zonas rurais, abríndose unha perigosa fenda. Crece moito a banda larga móbil 4G, chegando ao 76% dos cidadáns españois (no 2014 chegaba ao 48%) e mesmo o Internet de alta velocidade de 100 Mbps, xa dispoñible para o 61% da poboación (cinco puntos máis que o pasado ano). Porén, estes mesmos 100 Mbps só chegan ao 13% da xente que vive en espazos rurais.

En Galicia, a cobertura de ADSL a velocidades de cando menos 2Mbps reduciuse lixeiramente no último ano, pasando do 70,2% ao 68,8%, vinte puntos por debaixo da media española (88,5%). Comunidades autónomas pobres e rurais, como Estremadura (94,9%), Andalucía (91,8%) ou Castela A Mancha (90,1%) sitúanse mesmo por riba da media e moi lonxe dos datos galegos, aos que só se achega Asturias (77,6%).

En canto á cobertura de 10Mbps, en Galicia fica no 50,9%, moi lonxe da media española (69,5%) e mesmo experimentando un descenso nos últimos anos. En 2013 o 59,3% dos fogares galegas podía acceder a esas velocidades, unha cifra que diminuíu dende entón. Tamén neste caso comunidades como Castela-A Mancha (79,9%), Estremadura (76,6%) ou Andalucía (73%) superan moito os datos galegos e só Asturias (60,5%) ou Canarias (55,4%) presentan unha realidade semellante á nosa.

As velocidades de máis de 10Mbps chegan ao 51%, vinte puntos por debaixo da media española CC-BY-NC-ND mamottux
Cobertura de ADSL a velocidades de máis de 10Mbps Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.