A plataforma veciñal Galicia Baleira presentouse este xoves en Lugo, propoñendo 20 medidas para loitar contra o despoboamento
A provincia de Lugo tiña 491.955 habitantes en 1960 e hoxe rolda os 329.000. De igual xeito, a poboación de Ourense descendeu neste tempo dende os 488.241 ata os 307.000. Unha poboación, ademais, moi envellecida e que se foi concentrando nas vilas e cidades, deixando especialmente baleiros os concellos máis rurais. As dúas provincias comparten moitas das súas problemáticas no relativo á carencia de servizos públicos ou á falta de infraestruturas e, ao igual que fixeron outras provincias do Estado, como Teruel (a través da plataforma social e electoral Teruel Existe), veñen de comezar a organizarse.
Este xoves presentouse en Lugo Galicia Baleira, unha iniciativa impulsada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e a Federación de Asociacións de Veciños de Ourense (Limiar). Fíxoo mantendo encontros con representantes de Concello, Deputación Provincial, Xunta e Subdelegación do Goberno central, e propoñendo 20 medidas para loitar contra o despoboamento.
Reclaman incentivos fiscais, melloras de servizos públicos e infraestruturas "dignas"
Entre elas figuran incentivos fiscais para empresas e autónomos, actuacións de promoción económica e para favorecer a venda dos produtos con orixe nestas provincias, a mellora dos servizos públicos, incidindo sobre todo na sanidade, o ensino, a creación de gardarías no rural ou a atención ás persoas maiores. Tamén se fai fincapé na reivindicación de infraestruturas "dignas", mencionando expresamente a conexión por ferrocarril e tamén a autovía entre Ourense e Lugo.
Subliñaron que estas medidas son imprescindibles para frear o progresivo despoboamento que sofren estas zonas, unha tendencia que "se non se para, non haberá futuro"
Nas vindeiras semanas recibirán en Lugo a representantes de Teruel Existe, unha entidade que sitúan como referencia e que naceu hai 20 anos, acadando en novembro un escano no Congreso e dous no Senado
O presidente de a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez Varela, destacou que Lugo e Ourense "compartimos un obxectivo común: o problema da Galicia baleirada" e subliñou que "a diagnose está clara: reduciuse poboación, cada vez hai máis vellos e menos nenos e necesitamos servizos".
Vázquez Varela exercerá a presidencia os dous primeiros anos, e os dous seguintes o presidente de Limiar, Manuel Mosquera, mantendo despois a rotación entre as dúas entidades. A vindeira semana a plataforma presentarase na cidade da Burgas, onde tamén manterán encontros con representantes das distintas administracións para presentarlles as 20 medidas propostas.
Asi mesmo, Galicia Baleira manterá encontros con partidos políticos, co obxectivo de que sitúen os problemas das zonas rurais e o despoboamento, entre as prioridades dos seus programas, destando que esta cuestión "non entende de cores políticas".
Os integrantes da nova plataforma anunciaron tamén que nas vindeiras semanas recibirán en Lugo a representantes de Teruel Existe, unha entidade que sitúan como referencia e que naceu hai 20 anos na provincia aragonesa, dando nas últimas eleccións o salto electoral, obtendo un deputado no Congreso e dous escanos no Senado.
"Non precisamos unha lexislatura do rural, senón un modelo de xestión autonómica que dea resposta ás necesidades dos concellos garantindo a súa suficiencia orzamentaria", dixo José Tomé
O Presidente da Deputación provincial de Lugo, José Tomé, recibiu no Pazo de San Marcos a unha trintena de integrantes de Galicia Baleira, celebrando que "a sociedade civil faga súa a loita contra o despoboamento", converténdoa "nun dos retos do noso tempo”. Tomé reivindicou “o pleno desenvolvemento do noso modelo autonómico" e neste senso declarou que "non precisamos unha lexislatura do rural [en referencia crítica ás promesas de Núñez Feijóo en 2016], senón un modelo de xestión autonómica que dea resposta ás necesidades dos concellos garantindo a súa suficiencia orzamentaria e que promova un desenvolvemento harmónico do conxunto do territorio”.
O presidente do ente provincial destacou algunhas das iniciativas desenvolvidas pola Deputación para fomentar o emprego e mellorar os servizos públicos nas zonas rurais, como o programa Prende! Bota Raíces no rural ou a rede pública de residencias para maiores, sinalando que "son exemplo do que demandan estas zonas xa que queren contar cos mesmos servizos públicos que os residentes nas cidades".
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que o 80% da superficie do concello corresponde a parroquias rurais, e subliñou os esforzos necesarios que se debe realizar "para acadar que toda a veciñanza, resida na capital ou nas parroquias, teña os mesmos dereitos e oportunidades para desenvolver o seu proxecto de vida alí onde considere”.