A vella rede de cobre telefónica di adeus para sempre en Galicia á espera de que a fibra supere os atrancos.
A fin dunha era. Telefónica ten previsto pechar todas as centrais de rede de cobre que quedan en España nos vindeiros meses, poñendo o ramo así a un proceso iniciado hai unha década e que inutilizará e fechará de vez as máis de 8.500 instalacións deste tipo que houbo no Estado. Será tamén o final das antigas liñas fixas de teléfono e da conexión ADSL a internet, a que utiliza a vella infraestrutura telefónica para a transmisión de datos dixitais.
Telefónica pechará durante este ano as máis de 500 centrais de cobre que lle quedan en Galicia; a maioría deixarán de funcionar o 19 de abril
En Galicia, segundo datos da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), serán algo máis de 500 as centrais de cobre que pecharán de aquí a final de ano. A maioría deixarán de funcionar o vindeiro 19 de abril —data que coincide coa do centenario de Telefónica—, para pechar definitivamente seis meses despois, e o resto quedará sen servizo a finais de novembro. En total, desde o inicio do proceso, 733 instalacións no país que prescindirán da súa misión inicial para dar paso a outros labores ou ser vendidas. "Un negocio tamén inmobiliario para a compañía no caso das sedes máis grandes, de edificios enteiros", como explican fontes do sector.
Suporá o paso do cobre á fibra óptica, unha rede con prestacións moito mellores, que require de menos centrais, espazo e custo e que se está a despregar para chegar a todos os fogares ao abeiro de numerosas convocatorias estatais con fondos europeos. Un traballo que en Galicia non é, nin moito menos, doado. Tampouco efectivo nin satisfactorio para todos.
Veciñanza advirte de incumprimentos na chegada da fibra e dos problemas que nalgunhas zonas sen cobertura de móbil provoca a perda da antiga liña fixa telefónica
Veciñanza de diferentes parroquias leva tempo advertindo de incumprimentos na chegada da fibra e dos problemas que, nalgunhas zonas sen cobertura de móbil, provoca a perda da antiga liña fixa telefónica. "Se nos quitan o cobre e a fibra non chega, quedamos incomunicados", relata, por exemplo, unha muller desde unha aldea en Santa Comba, a media hora de Santiago. As alternativas, o acceso por radio ou satélite, nin traballan igual de ben nin adoitan ser tan económicas.
Atrancos, como o deste caso, derivados do "aceleradísimo avance" que as telecomunicacións están a experimentar nos últimos anos. "Adiantos que, neste ámbito, foron moito máis rápidos que a nivel científico ou médico, por exemplo", destaca Iago Soto, enxeñeiro de Telecomunicacións, fundador da empresa Quobis e experto na historia da telefonía en Galicia.
"A tecnoloxía de acceso á telefonía, sobre a que logo se puxo ADSL, é a mesma desde o século XIX"
"A tecnoloxía de acceso á telefonía que utilizabamos e utilizamos até agora, e sobre a que logo se puxo ADSL, é a primixenia, a mesma desde o século XIX", di Soto. Un cambio a velocidade de vertixe. Centos de lugares e aldeas a onde o teléfono fixo chegou hai pouco máis trinta anos e onde aquelas liñas telefónicas deixaron ou deixarán de existir axiña. Só tres décadas despois.
Segundo os datos da CNMC, a central de cobre que Telefónica tiña na Zapateira, na Coruña, foi a primeira en botar o feche en Galicia, en 2016, á que lle seguiron outra en Santiago e varias máis na cidade herculina. As últimas que deixarán de funcionar, a finais deste ano, son medio cento en Cangas, Moaña, O Grove, Vigo, O Carballiño, Allariz, Xinzo, Foz, Ribadeo, Vilalba, Cambre, Sada, Ferrol, Padrón ou Carballo, entre outras localidades.
Coa perda destas liñas, cobra aínda máis importancia o despregamento da rede de fibra en Galicia, que acometen diferentes empresas segundo a provincia e ao abeiro de diferentes convocatorias de plans con cargo aos fondos do Plan de Recuperación. A terceira do Programa Único de Banda Ancha do Goberno central, por exemplo, eleva a 90 millóns de euros un investimento que o Estado define como clave para estender internet de alta velocidade por todo o territorio como "chave para o desenvolvemento e a actividade económica no rural". No conxunto de España, os diferentes programas financiados por Estado e UE desde 2020 supoñen uns 450 millóns de orzamento público-privado para levar internet de alta velocidade a case un millón de fogares e instalar máis de 1.500 antes no ámbito rural.
Con todo, a elevada dispersión de Galicia e a existencia de milleiros núcleos de poboación provoca algunha problemática. É o caso dunha veciña da aldea da Illa, en Santa Comba, que alertou xa hai semanas das eivas. A falta de cobertura de móbil e os problemas coa instalación da fibra óptica tras a retirada das liñas de cobre provocou que a súa vivenda quedase sen conexión á Rede durante días, o que finalmente foi arranxado a través doutra compañía distinta á súa, pola que segue agardando.
"Se nos quitan a rede de cobre e a fibra non dá chegado, quedamos incomunicados porque non hai cobertura de móbil", advirten desde unha aldea de Santa Comba
"Na aldea temos dous postes de fibra, cada un deles cunha caixa de distribución e uns cantos portos, que son insuficientes. Como están todos ocupados, a solución dos técnicos é quitarlle un porto a un usuario e conectar outro. O veciño que queda sen internet chama ao seu provedor, que lle manda un técnico que volve facer a mesma manobra e así sucesivamente", conta. O problema engadido? Ao terse retirado a liña de cobre, a alternativa é a rede móbil 4G, pero nalgunhas das casas non hai cobertura, o que impide ter acceso á Rede se non é a través da fibra ou alternativas máis caras e complexas.
"Se nos quitan a rede de cobre e a fibra non dá chegado, quedamos incomunicados porque non hai cobertura de móbil", explica. Na mesma zona, e onde si hai cobertura, o problema xorde para veciños de idade avanzada que teñen dificultades co móbil ao quedaren sen teléfono fixo.
Nunha parroquia de Dozón, para Mario Vila, o problema é outro. Este veciño leva meses agardando pola fibra óptica cuxa chegada, tras o despregamento da infraestrutura, estaba indicada para hai aproximadamente un ano. As empresas encargadas, ao abeiro de diferentes plans estatais con cargo a fondos europeos, estenderon a fibra ata unha zona do lugar, pero lonxe de ata onde estaba previsto. A casa do veciño afectado segue sen conexión ao servizo e o Estado, logo de diferentes reclamacións e denuncias, deulle a razón sobre un adiamento indebido.
"A fibra tiña que ter chegado xa o ano pasado pero xa estaba fóra de prazo daquela; incumpríronse as datas previstas e non hai transparencia ningunha nin facilidades para reclamar a quen se debe", explica Mario Vila desde o lugar do Sisto e á espera da resposta da UE, a quen tamén presentou reclamacións ao tratárense de obras subvencionadas con fondos europeos.
"A fibra tiña que ter chegado xa o ano pasado e xa estaba fóra de prazo daquela; incumpríronse as datas previstas e non hai transparencia ningunha", explica un veciño de Dozón
"Puxémonos en contacto co operador e asegúranos que van darlle servizo pero que a vivenda está afastada da CTO (caixa de terminación óptica) e que iniciarán un novo tendido para alcanzala, polo que a obra estaría finalizada en seis meses", responderan desde o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a unha das últimas reclamacións de Mario, que segue agardando.
Mentres, a fibra óptica vaise estendendo por Galicia ao tempo que desaparece a antiga liña telefónica fixa. En moitos lugares, as empresas aproveitan a infraestrutura por onde pasaba o cobre, agora en retirada, para instalar a nova rede ou os tendidos eléctricos.Ocorre, por exemplo, en Muras, concello montañoso do interior de Lugo, onde Viesgo, distribuidora eléctrica na zona, "está obrigada a darlles esa posibilidade aérea ás compañías que instalan a fibra", como aclara o alcalde da localidade, Manuel Requeixo.
"Zonas escuras"
No seu municipio, sempre houbo "zonas escuras" onde a cobertura de telefonía móbil é difícil ou inexistente e onde a retirada das liñas telefónicas fixas supón "un problema" que obriga a alternativas tecnolóxicas para evitar a incomunicación, unha solución que non sempre chega. "Contactamos con Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e vanche rebotando dun lado para outro; eles din que é cousa do Estado e se contactas co Estado dinche que é cousa da Xunta", relata o rexedor, que aclara que hai tempo que unha das empresas concesionarias ao abeiro das axudas estatais está colocando fibra polo municipio.
É Adamo, compañía que nos últimos días advertía do "escenario provocado polo peche da rede de cobre previsto por Telefónica" e de que 6.200 familias rurais de 45 concellos lucenses perderán "a liña fixa e o internet ADSL, se o teñen, en 2024, a inmensa maioría antes do 19 de abril". Unha alternativa para evitar o "serio risco de illamento".
Problemas, aínda que minoritarios, hainos en varios puntos de Galicia onde o corte da conexión de cobre previa á chegada da fibra deixa sen telefonía fixa zonas onde a cobertura de móbil é nula ou escasa. Ocorreu nas últimas semanas en Cedeira, o que levou a que o Concello denunciase a situación, ou en Cabanas.
Nesta última localidade, segundo denunciaron varias familias da parroquia de Santo André, Movistar comunicoulles a fin da conexión telefónica fixa o 19 de abril e a posibilidade de solicitar un cambio gratuíto á fibra que agora non é posible. A alternativa da tecnoloxía de radio, explican, non lles permite manter moitos dos servizos e das prestacións contratadas. A finais de 2023, as queixas chegaron desde outras zonas: A Estrada, Outes, Xermade...
"Non se pode chegar con fibra a todos os recunchos; o problema aquí é a dispersión territorial, algo que ten difícil solución, pero hai alternativas...", di Iago Soto. O problema, engade, é que esas tecnoloxías alternativas non garantan a mesma calidade. Con todo, desde o Goberno central insístese na intención de dotar de taxa de cobertura de altas capacidades e internet de alta calidade ao 100% da poboación en 2025.