O inicio do curso escolar reactiva a mobilización veciñal en Gondomar pola mala calidade da conexión a Internet

Protesta en Gondomar pola baixa calidade da conexión a Internet © Gondomar Fibra Óptica Xa

Na pasada primavera, coincidindo coas semanas de confinamento que fixeron aínda máis necesario dispoñer de conexións de Internet de alta velocidade, un grupo de veciños e veciñas do Concello de Gondomar comezou a mobilizarse contra a mala calidade do seu acceso á rede. A plataforma Gondomar Fibra Óptica Xa! demandaba que se completase a instalación de fibra no termo municipal, esixindo das administracións públicas unha maior implicación para acadar este obxectivo e das empresas do sector pasos adiante para que a banda larga chegase a todos núcleos de poboación da localidade.

A pasada primavera un grupo de veciños e veciñas do Concello de Gondomar comezou a mobilizarse contra a mala calidade do seu acceso á rede. Este luns concentráronse de novo

"Trátase dun tema de interese xeral, de aí a nosa insistencia, pois este servizo é fundamental para temáticas de ocio, saúde e dependencia, produtividade empresarial -especialmente en época de confinamento e teletraballo- e por suposto tamén na área da educación", sinalaban. Afirmaban que "a situación actual é de bloqueo e, aínda que hai solucións posibles, se o Concello non intercede e se implica, contactando á constructora, contrata ou operadora, isto pode retrasarse aínda uns meses ou algún ano máis". 

Este grupo de veciños e veciñas leva meses demandando que se complete a instalación de fibra óptica no concello © Gondomar Fibra Xa!

"Volver á escola é un feito, volver ao traballo e ao teletraballo tamén para moitos de nós, e o servizo de internet en boa parte do municipio segue sendo lamentable no mellor dos casos", din

Nos meses seguintes a plataforma levou a cabo varias concentracións e accións de protesta. Este luns un grupos de veciños e veciñas volveron mobilizarse, denunciando que só o 20% do termo municipal dispón de fibra óptica e que nas parroquias a conexión a internet é "lenta e en moitos casos inexistente". A concentración, diante da Casa do Concello, estivo presidida por unha faixa na que se reclamaba 'Internet de calidade para tod@s'. A plantaforma comezou, ademais, a recoller sinaturas para presentar unha denuncia ante o Instituto Galego de Consumo.

Esta concentración supón un reimpulso da actividade da plataforma, motiva do inicio do curso escolar e o regreso de moitas persoas ao teletraballo. Subliñan que "volver á escola é un feito, volver ao traballo e ao teletraballo tamén para moitos de nós, e o servizo de internet en boa parte do municipio segue sendo lamentable no mellor dos casos".

Medio millón de persoas en Galicia carecen de acceso a unha conexión a Internet de calidade

Segundo os datos oficiais da Secretaría de Estado para o Avance Dixital, dúas de cada tres entidades de poboación galegas carecen de acceso a Internet de calidade. Os informes do Goberno central, que cada ano actualizan as zonas do Estado que carecen de acceso a unha conexión a Internet de calidade, sinalan que 7 de cada 10 entidades de poboación en Galicia (21.966 das 30.261) se atopan nestas zonas brancas  sen banda larga (o 73%). É dicir, practicamente toda a Galicia rural. Nestas 21.966 entidades singulares de poboación vive algo máis de medio millón de persoas (519.358), o 19,2% da poboación total do país.

Aínda que inclúe espazos que poden ser considerados rurais, Gondomar é un concello de case 15.000 habitantes situado na área metropolitana de Vigo, a uns 25 quilómetros do centro da cidade olívica. De feito, os propios datos da Secretaría de Estado para o Avance Dixital destacan que mesmo dentro dalgunha das cidades galegas hai algúns lugares que tamén sofren esta exclusión dixital.

A plataforma difundiu as medición de velocidade en distintos lugares do termo municipal, con valores moi reducidos © Gondomar Fibra Xa!

Esta fin de semana a Xunta deu a coñecer un informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia que destaca que o 88,1% dos fogares galegos ten un servizo de internet contratado. O Goberno galego salientaba que no último ano medrou un 81,7%, a porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior aos 100 Mbps, situándose no 23,8%. Ademais, máis da metade dos fogares galegos (51%) que ten contratado Internet conta cunha conexión á Rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 6% respecto ao ano anterior.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.