A proposta dunha renda básica universal non é nova. Porén, nos últimos meses foi quen de saltar dende o débate teórico á confrontación política e dos círculos activistas á axenda pública. Daniel Raventós (Barcelona, 1958), economista, profesor na UB, e fundador e membro do comité de redacción da revista Sin Permiso, é dende hai anos un dos máis destacados impulsores no Estado desta proposta de redistribución da riqueza. É presidente da Rede Renda Básica e dende esta entidade publicou -xunto cos tamén economistas Jordi Arcaróns e Lluís Torrens- unha proposta de financiamento da renda básica "tecnicamente factible e politicamente non inerte" a partir dun modelo de microsimulación e cunha base de datos do IRPF do ano 2010 en Catalunya. Hai uns meses presentou un estudo semellante referido a Guipúscoa.
E é que as principais críticas a esta proposta poñen en dúbida a súa viabilidade económica, unhas argumentacións que Raventós responde lembrando que a iniciativa da renda básica se inscribiría nunha política económica que favorecería a redistribución da riqueza e dunha completa reforma fiscal que obrigaría a pagar máis ás rendas máis altas.
O Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea, no que se integra AGEe organiza este venres e sábado, en colaboración co Colectivo pola Renda Básica Universal de Compostela, unhas xornadas informativas sobre renda básica, que comezan esta tarde coa intervención do propio Raventós, acompañado da eurodeputada Lidia Senra e da educadora social Eva López Soto. O acto comezará a partir das 20 horas, no Hotel Compostela (Santiago de Compostela).
"Unha renda básica universal finánciase a través dunha gran reforma fiscal; a persoa que non ten ingresos si recibe esa renda básica de forma neta, e as persoas con ingresos elevados terían que pagar moito máis do que recibirían"
As xornadas continuarán este sábado, xa na Casa Común dos Tilos (Teo). A partir das dez da mañá Daniel Raventós, Lidia Senra e o membro da coordenadora de colectivos sociais Baladre, Manolo Sáez, ofrecerán unha palestra titulada "Renda Básica, unha visión universal". A partir das 11.45 horas abordarase esta proposta dende un enfoque local baixo o título "Renda Básica e Políticas Municipais de Benestar", nunha sesión na que participarán Ignacio Iglesias (concelleiro de Benestar Social en Teo), Beatriz Lorenzo (activista social da ODS Coia), José Antonio Ramírez (mediador social e membro dos colectivos Encontro e Boa Vida), Leticia Castro (educadora social no ámbito da exclusión) e novamente Eva López, do Colectivo pola Renda Básica Universal de Compostela. As xornadas pecharánse cun debate que dará inicio ás 12.45 horas. Falamos con Daniel Raventós.
Nos últimos meses a renda básica entrou no debate político, xerando ao tempo numerosas críticas. O importante é que estea sobre a mesa, no debate público?
Si, por suposto. E débese fundamentalmente á irrupción de Podemos e a que no programa electoral para as eleccións europeas levaba a renda básica, e moi ben desenvolvida, por certo. Isto é o que motivou que os economistas da dereita ultraliberal se puxeran moi nerviosos e, por que non dicilo, tamén unha parte dos economistas de esquerda, porque non entenden a renda básica ou porque historicamente foron contrarios a ela. Podemos, dende logo, non é a única organización que apoia a renda básica, xa que tamén o fan Anova, Bildu e outras forzas.
"Imos facer unha proposta de financiamento para o Estado español semellante á que xa fixemos para Catalunya, que incluirá unha reforma do IRPF, entre outras medidas"
A principal crítica que se lle fai á renda básica é a súa viabilidade económica. Xunto con Arcaróns e Torrens demostraches que si era posible. Seguides traballando neses argumentos?
Si, demostramos a súa viabilidade tomando como base Catalunya e Guipúscoa, e neste momento estamos elaborando un estudo semellante tomando como base o conxunto do Reino de España, traballando cunha mostra de dous millóns de declaracións da renda. Imos facer unha proposta de financiamento para o Estado español semellante á que xa fixemos, que incluirá unha reforma do IRPF, entre outras medidas. Resultan absurdos estes artigos que botan man do argumento de que 'x euros de renda básica, multiplicado por x millóns de persoas' dan como resultado un custe imposible de financiar. Non é tan simple. Unha renda básica universal finánciase a través dunha gran reforma fiscal; a persoa que non ten ingresos si recibe esa renda básica de forma neta, e as persoas con ingresos elevados terían que pagar moito máis do que recibirían. Explicámolo moitas veces, pero hai quen non o quere entender. A renda básica é unha gran redistribución da renda, dende os máis ricos cara ao resto da poboación. Ao contrario do que veu pasando nos últimos anos.
"A renda básica formaría parte dunha política económica, e ningunha política económica beneficia a toda a poboación por igual"
A renda básica debe entenderse dentro dun conxunto máis amplo de reformas, polo tanto?
Si, a renda básica formaría parte dunha política económica, e ningunha política económica beneficia a toda a poboación por igual. O que tes que ter claro é a quen queres beneficiar coa túa política: á maioría social ou só a uns grupos privilexiados. A renda básica busca garantir a existencia material de toda a poboación, por iso dende os sectores ultraliberais vese como un perigo: porque esa garantía da existencia material é o que permite que a poboación poida ser libre. E iso é un problema para aqueles que neste momento se están beneficiando de que haxa importantes sectores atemorizados por perder o seu posto de traballo.
Ademais, esa renda básica como un dereito esixible, non como unha graza...
A gran virtude da renda básica e que é incondicional, non hai que facer ningún control, non hai custes administrativos. As actuais rendas de integración, coma a que tedes en Galicia, necesitan dun gasto importante de administración para, ao final, entregar unha miseria.
A renda básica tería efectos en moitos campos. Resúltame interesante o debate xerado ao redor da renda básica dende unha perspectiva de xénero. Que implicacións tería dende un punto de vista feminista?
Hai un par de décadas, cando se iniciou o debate moderno ao redor da renda básica, algunhas feministas expresaron dúbidas sobre a posibilidade de que a renda básica forzase que algunhas mulleres quedasen recluídas no fogar, saíndo do mercado de traballo. Porén, creo que esta posición está xa sobrepasada; a maior parte das feministas que afondan nesta cuestión na actualidade ven as potencialidades da renda básica para as mulleres. Carole Pateman, por exemplo, defendeu a renda básica por ser individual e non estar condicionada a unha unidade de convivencia, reducindo a dependencia que moitas mulleres manteñen agora con respecto ao seus maridos, por exemplo. Tamén se ten destacado a vantaxe que para unha muller pode ter a posibilidade de liberarse das condicións miserables que ofrecen algúns traballos.
Como valoras a proposta de renda mínima, para a que hai uns días se constituíu no Parlamento Europeo un grupo de traballo?
Paréceme moi pouco ambiciosa. Por suposto, é mellor que nada, pero estamos no de sempre: é condicionada, hai que cumprir unha serie de condicións... Por suposto, non vou criticar unha proposta que melloraría a situación dos máis pobres con respecto á situación actual, pero creo que e pouco ambiciosa.
"Estamos vivindo unha situación na que están en crise algúns dos presupostos fundamentais da segunda restauración monárquica, do réxime do 78. Hai dous factores fundamentais para esta crise: Catalunya e Podemos"
Semella, con propostas coma a renda básica e outras que tamén se van abrindo paso no debate público, que nos últimos tempo se está ampliando o campo do posible. Es optimista con respecto a que os importantes movementos de fondo que está habendo cristalicen nun cambio real, chámese proceso constituínte ou doutro xeito?
Creo que é evidente que estamos vivindo unha situación na que están en crise algúns dos presupostos fundamentais da segunda restauración monárquica, do réxime do 78. Hai dous factores fundamentais para esta crise: Catalunya e Podemos. Catalunya pon en cuestión un réxime que se construíu negando o dereito de autodeterminación. E Podemos significa a ruptura do réxime bipartidista dinástico. Cousas que hai dous ou tres anos parecían inalcanzables, hoxe parecen razoables.
"A xente ve que a renda básica é posible, que hai argumentos económicos a favor e que pode solucionar a terrible situación que están vivindo moitas persoas"
A renda básica debería formar parte dun programa mínimo de entendemento entre os partidos, grupos cidadáns e colectivos que aposten pola ruptura?
É complexo o tema este dos acordos de mínimos. O que creo é que cando a xente se achega á renda básica sen prexuízos, ou cando llo explican de forma obxectiva, moitos entenden que sería unha solución, cando menos inmediata, a moitos dos problemas que está sufrindo unha parte da poboación. Hai xente que opón a renda básica ao obxectivo do pleno emprego. Por suposto que o pleno emprego é un obxectivo desexable, pero non creo que haxa ninguén, nin de esquerdas nin de dereitas, que crea que se pode conseguir o pleno emprego en España nos próximos 20 anos. Que lle dicimos á xente? Renuncien á renda básica, que en 20 anos, cun pouco de sorte, haberá pleno emprego? A xente ve que a renda básica é posible, que hai argumentos económicos a favor e que pode solucionar a terrible situación que están vivindo moitas persoas por culpa das medidas económicas adoptadas nos últimos anos. Unha de cada catro persoas en España é pobre, outras non o son aínda, pero están a piques que entrar nesa situación, outras van quedar en breve sen subsidio de desemprego.