Carta ao Vicepresidente de Dereitos Sociais

Renda Básica CC-BY-SA Concello da Coruña / CEESG

Estimado Vicepresidente,

Non nos coñecemos persoalmente, pero vou a permitirme dirixirme a ti con afecto e confianza. Quen compartimos ideas e proxectos para mudalo todo e asaltar os ceos, e, honestamente o tentamos, con acertos e erros, necesitamos complicidades e confianza.

Con esta carta quería compartir as razóns polas que necesitamos unha Renda Básica Universal. É máis necesaria que nunca e, en realidade, é a única solución factible na actual situación de parada técnica do modelo de desenvolvemento

Con esta carta, de forma directa e cordial, quería compartir as razóns polas que necesitamos unha Renda Básica Universal. Penso que é máis necesaria que nunca e, en realidade, é a única solución factible na actual situación de parada técnica do modelo de desenvolvemento que se nos impuxo no que levamos de s.XXI. Non me deterei en teorías políticas e económicas, seguro que as coñeces mellor que eu, ao fin e ao cabo ti es doutor en ciencia política e eu en psicoloxía política. Quería centrarme en aspectos máis humanos e pragmáticos, que derivan da miña experiencia como profesora de Intervención Sociocomunitaria e da breve pero intensa experiencia dirixindo as políticas sociais municipais en Santiago de Compostela, para poñer en marcha unha Renda Municipal de Garantía Básica Cidadá e deixar deseñada unha Renda de Garantía Infantil.

Creo que este goberno esta poñendo toda a vontade política e todo o corazón en protexer as persoas máis vulnerables diante da crise social e económica que nos espera. Por iso, cada semana preséntase un paquete de novas medidas, a través dos ERTEs, do subsidio de desemprego para persoas desempregadas, subsidio de desemprego para persoas que non cumpren criterios para subsidio de desemprego, subsidio para persoas empregadas fixas discontinuas, para temporais... para autónomas e pequenas e medianas empresas; que se veñen a sumar as prestacións sociais existentes, tipo PNCs, prestacións por discapacidade, Rendas de Inserción Social, ás que se sumará a o Ingreso Mínimo Vital que prepara a Vicepresidencia de Dereitos Sociais xunto co Ministerio de Inclusión Social e Migracións. Como dixo Zygmund Bauman: estamos todas e todos no mesmo barco.

Unicamente unha prestación Universal, Individual e Incondicional pode aplicarse e desenvolverse con axilidade e eficacia

Sinceramente, creo que esto é imposible de xestionar desde una administración pública enfraquecida e moi pouco eficaz, e, só vai alimentar a burocracia e as posibilidades de que moitas persoas, ás máis vulnerables, se perdan entre os miles de requisitos administrativos e papeis para xustificar situacións e acceder á prestación máis adecuada. Acabarán conxestionados os servizos de emprego e os servizos sociais, e as persoas deixadas á deriva entre un e outro. E pasarán meses antes de que sexa efectiva para as persoas que necesitan os recursos económicos para garantir dereitos fundamentais como a alimentación ou a vivenda. Necesitamos un cambio de rumbo. Necesitamos un modelo diferente.

Unicamente unha prestación Universal, Individual e Incondicional pode aplicarse e desenvolverse con axilidade e eficacia. Porque a súa xestión dependería do Ministerio de Facenda. A administración tributaria é con diferencia a administración máis modernizada e tecnoloxizada do Goberno de España. É tamén a administración que ten os datos económicos e patrimoniais de todos/as, e pode ingresar universalmente a Renda Básica proposta, e pode (e deberá) aplicar a fiscalidade necesaria para manter a RBU e investir en servizos públicos, como sanidade, educación, servizos sociais, e, así salvar vidas e correxir desigualdades. É o momento de investir na inspección fiscal e laboral e dotalas de profesionais de alta cualificación, esenciais para investigar a riqueza e colocala ao servizo do colectivo, para garantir dereitos sociais, comezando polos básicos como a vivenda e a saúde, e correxir desigualdades sociais e económicas que abran esperanza para un futuro sostible. As análises e propostas de Daniel Raventós e outros/as economistas mostran que é posible e non sería díficil. 

Os servizos sociais e os servizos de emprego libraríanse das tarefas vinculadas a fiscalizar a pobreza. Liberados das actividades de fiscalización poderían dedicarse a impulsar políticas activas de desenvolvemento comunitario 

Deste xeito, os servizos sociais e os servizos de emprego libraríanse das tarefas vinculadas a fiscalizar a pobreza e verificar o bo comportamento das persoas máis pobres e vulnerables, nas que consumen prácticamente todos os recursos e enerxías. Liberados das actividades de fiscalización poderían dedicarse a impulsar políticas activas de desenvolvemento comunitario e integración social, que tan necesarias van ser para construír un novo contrato social máis cooperativo e sostible. Ademais, co ingreso automático da renda, individual e suficiente, tamén evitaríamos ter millóns de persoas nun fráxil equilibrio ou nunha vulnerabilidade extraordinaria que as precipitase nas fauces de explotadores sen escrúpulos, para realizar traballos e actividades non dignas nin humanizadoras.

Nada máis lonxe da miña iniciativa que centralizar competencias, as nacionalidades históricas e autonomías terían o seu propio papel. Das súas competencias e da súa vontade e responsabilidade dependería incrementar esa Renda Básica Universal, que estiman os colectivos promotores en 750€, para adecuala aos diferentes niveis de vida, características sociodemográficas ou de distribución poboacional. En Galiza non saíremos ben parados/as, o PP non ten costume de exercer competencias e menos de mellorar dereitos, pero o certo que tampouco se atreveu a derogar a RISGA, insuficiente e burocratizada en extremo, ou o salario da liberdade, instaurado polo goberno bipartito para garantir recursos mínimos ás mulleres vítimas de violencia machista.

Só así podemos construír futuro e facer posible esa “utopía para realistas” da que fala Rutger Bregman

Imaxina que todas as persoas tivesen un ingreso económico individual e suficiente para facer fronte aos pagos de alugueiro, de autonómos, de alimentación ou ao consumo de cultura. Ao tempo que profesionais da Psicoloxía, do Traballo Social e da Educación Social, así como dos servizos de orientación laboral e inclusión social só se dedicaran a acompañar e apoiar os procesos individuais e colectivos de desenvolvemento … só así podemos construír futuro e facer posible esa “utopía para realistas” da que fala Rutger Bregman.

Unha aperta virtual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.