O censo exterior engade máis incerteza no 18F nas primeiras eleccións galegas sen voto rogado dende 2009

Vista aérea de Bos Aires e resultados do Censo CERA nas eleccións galegas dende 2001 CC-BY-SA GCBA / Montaxe: Praza.gal
Publicidade
Publicidade

Nun escenario axustado cada vez máis olladas se pousan sobre o censo CERA, o chamado censo exterior ou censo emigrante. A incerteza medra se temos en conta que estas serán as primeiras eleccións ao Parlamento galego sen voto rogado dende o ano 2009

As eleccións do vindeiro 18 de febreiro preséntanse como os comicios cun resultado máis axustado nos últimos 15 anos, cun PP a menos de dous escanos de perder a maioría absoluta, segundo a media das enquisas publicadas. Neste escenario cada vez máis olladas se pousan sobre o censo CERA, o chamado censo exterior ou censo emigrante. A incerteza medra se temos en conta que estas serán as primeiras eleccións ao Parlamento galego sen voto rogado dende, precisamente, o ano 2009.

O censo de residentes ausentes está composto nestas eleccións por 476.514 persoas, unha cifra moi importante, se temos en conta que o censo interior (o CER) suma 2.217.110 electores e electoras. O número medrou lixeiramente nos nos últimos catro anos, apenas un 3%, pero o seu peso si é moi superior ao que representaba hai un par de décadas, cando o Censo CERA estaba formado por 305.017 persoas. Dende entón, cinco convocatorias despois, a cifra aumentou nun 56%.

Nos comicios de 2001, 2005 e 2009 a participación do Censo CERA foi moi elevada (24% en 2001, 34% en 2005 e 30% en 2009). Porén, unha vez que se impuxo a obriga de rogar previamente o voto, a participación baixou radicalmente, movéndose entre o 1% e o 3% nas eleccións de 2012, 2016 e 2020

Hai dous anos, con todo, eliminouse o voto rogado -unha medida que buscaba previr a fraude electoral no Censo CERA pero que tamén impedía a moitas persoas exercer o seu dereito ao voto- e estas serán as primeiras eleccións ao Parlamento galego dende 2009 sen este instrumento. Aumentará a participación? Nas eleccións Xerais do pasado 23 de xullo, primeira convocatoria na que se aplicou o novo sistema que facilita o voto no exterior, a participación aumentou, pero unicamente pasou do 3,64% de 2019 ao 6,32%, un incremento notable, pero moi afastado das cifras anteriores a 2011.

Así pois, pode o voto exterior ser determinante nestas eleccións? Hai moitas incógnitas, comezando pola máis importante: o número de votantes. Nos comicios de 2001, 2005 e 2009 a participación do Censo CERA foi moi elevada (24% en 2001, 34% en 2005 e 30% en 2009). Porén, unha vez que se impuxo a obriga de rogar previamente o voto, a participación baixou radicalmente, movéndose entre o 1% e o 3% nas eleccións de 2012, 2016 e 2020.

Publicidade
Publicidade

No pasado, tan só en tres ocasións (1997, 2009 e 2020) o voto emigrante mudou a distribucións de deputados nas eleccións ao Parlamento galego e estes cambios non foron decisivos para a conformación do posterior Goberno

En calquera caso, que o voto exterior mude o resultado que coñezamos na noite do 18 de febreiro dependerá do axustada que fique a pelexa polo derradeiro escano. No pasado, tan só en tres ocasións o voto emigrante mudou a distribucións de deputados nas eleccións ao Parlamento galego e estes cambios non foron decisivos para a conformación do posterior Goberno. 

A primeira foi en 1997, cando o PP acadou un escano máis pola Coruña (pasando de 41 a 42), que perdeu o BNG (pasou de 19 a 18).  A segunda foi en 2009, cando o voto emigrante lle deu un escano máis ao PSdeG por Ourense (pasou de 24 a 25), que perdeu o PP (pasou de 39 a 38), que aínda así acadou a maioría absoluta que permitiu o primeiro goberno de Núñez Feijóo. Finalmente, en 2020 o PP conseguiu un escano máis por Pontevedra (pasou de 41 a 42) a costa do PSdeG (pasou de 15 a 14).

Aínda que en 1989 o voto exterior non mudou o resultado que determinaran as urnas do voto interior, nestes comicios o Censo CERA foi máis polémico ca nunca

Aínda que en 1989 o voto exterior non mudou o resultado que determinaran as urnas do voto interior, nestes comicios o Censo CERA foi máis polémico ca nunca. A noite electoral deixou unha axustadísima maioría absoluta para Manuel Fraga: 38 escanos que dependían dun último deputado en Ourense que os populares acadaran por uns poucos votos de diferenza. 

No voto emigrante era habitual que gañase o partido no Goberno (nese momento o PSdeG-PSOE) e así sucedeu no conxunto de Galicia (3.427 votos para o PSOE, 2.374 para o PP e 137 para o BNG), pero non así na decisiva provincia de Ourense, onde o PP logrou 920, o PSOE 369 e o BNG 16. Un resultado insólito no que -denunciouse na época- tiveron moito que ver unhas sacas de votos enviadas dende Venezuela fóra de prazo, pero que non foran impugnadas.

Publicidade
Publicidade

Nas últimas decadas, os resultados variaron moito duns comicios a outros e no voto exterior tivo moito peso un factor externo: o partido que nese momento ocupase o Goberno en Santiago e/ou en Madrid. En cambio, en 2016 e 2020 non se observaron grandes diferenzas entre os resultados do voto exterior e os resultados totais

En 2005, as eleccións -xunto coas de 1989 e 2009- cun resultado máis axustado da historia de Galicia, a incerteza mantívose tamén ata o reconto do voto exterior. Porén, aínda que o PP esperaba reverter a perda da súa maioría absoluta gañando un escano ao PSdeG pola provincia de Pontevedra, o que finalmente non sucedeu.

 

A quen votan os electores do Censo CERA?

A quen beneficia o voto exterior? Ademais da porcentaxe de participación que finalmente se produza nas eleccións do 18 de febreiro no Censo CERA, a outra cuestión será a distribución dos votos para cada candidatura. Nas últimas decadas, os resultados variaron moito duns comicios a outros e no voto exterior tivo moito peso un factor externo: o partido que nese momento ocupase o Goberno en Santiago e/ou en Madrid.

No seguinte gráfico pódese observar a evolución da porcentaxe de voto acadada polas principais candidaturas dende o ano 2021, ademais da taxa de participación en cada convoncatoria.

O PP pasou de acadar un 67% do voto nas eleccións de 2001 (nese momento os populares gobernaban na Xunta e no Estado) a baixar ao 49% en 2005 (o PP gobernaba en Galicia e o PSOE en España) e ao 37% en 2009 (con gobernos socialistas nas dúas administracións)

Vemos, por exemplo, como o PP pasou de acadar un 67% do voto nas eleccións de 2001 (nese momento os populares gobernaban na Xunta e no Estado) a baixar ao 49% en 2005 (o PP gobernaba en Galicia e o PSOE en España) e ao 37% en 2009 (con gobernos socialistas nas dúas administracións). Á inversa, o PSdeG pasou do 21% en 2001, ao 43% en 2005 e ao 54% en 2009. O BNG apenas variou o seu resultado, movéndose entre o 4% e o 6%.

A partir das eleccións de 2012, xa coa aplicación do voto rogado, a porcentaxe de participación baixou de forma notable e polo tanto o número de votos recibidos dende o exterior reduciuse ao máximo (pasou de 76 mil a menos de 13 mil). 

Publicidade
Publicidade

En 2020 o PP foi o partido que obtivo un peor resultado no Censo CERA en relación aos seus datos no conxunto do censo electoral. Así, os populares, aínda que gañaron no voto exterior, só acadaron un 40,5% dos votos, fronte ao 48% que recibiron en total

Nos comicios de 2016 e 2020, ademais, vemos tamén cambios na distribución do voto, que ata entón fora de forma abrumadora para PP e PSdeG, que sempre sumaran máis do 80% dos sufraxios. En 2016 En Marea e en 2020 o BNG acadaron porcentaxes importantes e hai catro anos populares e socialistas sumaron menos do 60% dos votos.

Nestas dúas últimas citas, ademais, por primeira vez non se observaron grandes diferenzas entre os resultados do voto exterior e os resultados totais. Así, mentres que en 2009 o PSdeG obtivo un 31,5% no conxunto do censo pero un 54% no voto emigrante, o mesmo que o PP en 2005 (52% e 67%), fronte a un BNG que obtiña apenas un 4% ou un 5% no voto exterior cando superaba o 16% no conxunto do censo, en 2016 e 2020 as diferenzas foron moi inferiores.

As preguntas en relación ao voto exterior para este 18F son en que medida aumentará a participación en relación ao 2020 e se, con esta maior participación, a distribución de voto volverá cambiar

De feito, en 2020 o PP foi o partido que obtivo un peor resultado no Censo CERA en relación aos seus datos no conxunto do censo electoral. Así, os populares, aínda que gañaron no voto exterior, só acadaron un 40,5% dos votos, fronte ao 48% que recibiron en total. BNG e PSdeG tamén recibiron menos votos no exterior, mentres que Galicia en Común, VOX ou Ciudadanos melloraron os seus resultado interiores.

As preguntas en relación ao voto exterior para este 18F son en que medida aumentará a participación en relación ao 2020 e se, con esta maior participación, a distribución de voto volverá cambiar. Os resultados que deixe a noite electoral, axustados ou non, dirán se os votos do censo CERA (que se recontan varios días despois) serán determinantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.